“A idea do taller era comezar na realidade e cambiar a realidade”, sinala Grzegorz Wnęk, profesor da Academia de Belas Artes de Cracovia, do obradoiro que impartiu esta semana no campus e que deu como resultado final o conxunto de obras que desde este venres poden verse na exposición Next to reality. Seis estudantes da Facultade de Belas Artes e dúas egresadas tomaron parte neste taller no que este artista e docente propuña crear cadros que tivesen como punto de partida a representación diferentes elementos da realidade cotiá, para logo transformala a través da incorporación de textos e novas imaxes.
Os resultados deste taller reúnense na exposición inaugurada nesta xornada na sala O Abrigo, da Facultade de Belas Artes, onde Wnęk impartiu o taller Next to reality, que tiña como obxectivo “desenvolver as posibilidades interpretativas e de imaxinación a través dun sistema multicapa, creando unha composición pictórica con diversas posibilidades de interpretación”. Con esa idea, o artista e docente reuniu un conxunto de elementos na propia sala, nunha sorte de bodegón no que tiñan cabida desde unha planta ata unha pantalla de ordenador. Mais o seu propósito non era que as e os participantes representasen esas pezas, senón empregalas como punto de partida para “irmos á seguinte realidade”. Con esa idea, as e os participantes debían pintar primeiro un fragmento desa realidade, para logo reinterpretala incorporando dous novos elementos; a introdución de texto na imaxe, que podía ser tanto un fragmento dunha obra literaria como unha creación propia; e unha nova imaxe pictórica, coa idea de establecer “novas conexións e posibles lecturas da obra”.
A propia natureza da performance como unha arte ligada un momento e un público concreto, que non deixa unha obra de carácter permanente, fai tamén que a investigación sobre esta disciplina poida xogar un papel clave no seu propio desenvolvemento. Coa idea de promover o estudo teórico desta disciplina, o grupo de investigación PE4 Imaxe e Contextos impulsaba hai preto dunha década Fugas e Interferencias, o único congreso académico centrado na performance de España. Coa participación de investigadores e investigadoras dunha decena de universidades de España, Portugal, Estados Unidos, Grecia e Reino Unido, a sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acollerán entre o 31 de outubro e o 2 de novembro a novena edición deste congreso, que combinará a presentación de estudos con conferencias e performances.
Dirixido polos investigadores Carlos Tejo e Marta Pol, a IX International Performance Art Conference Fugas e Interferencias reunirá en Pontevedra e Santiago de Compostela investigadores, docentes, artistas, comisarios e xestores culturais, nun foro no que o número de participantes, “lonxe de decrecer, aumenta ou se mantén”, sinala Tejo. Xunto a representantes de seis universidades españolas, nesta edición participarán tamén investigadoras e investigadores das universidades de Nova York, Surrey e Ioánina e do Instituto Politécnico de Cávado e Ave de Barcelos. Nese senso, Pol pon de relevo que “o carácter internacional do congreso está presente desde o principio”, á vez que incide no obxectivo a futuro de “aumentar a presenza estatal” e poder afondar na "incipiente investigación nesta práctica e investigación artística".
“Os procesos de creación sempre están cheos de dubidas, de moita soidade, de momentos nos que é fácil caer no desánimo”, recoñece a profesora da Facultade de Belas Artes Almudena Fernández Fariña, quen define como “unha motivación para seguir no camiño que vas desenvolvendo” o recoñecemento que supón ter sido proclamada gañadora dos XLVII Premios da Crítica de Galicia na modalidade de artes plásticas. “Para min, este premio será ese momento que rescate da memoria cando as cousas non saian o ben que desexo”, engade a tamén directora do Departamento de Pintura da Universidade, que recollía este galardón nun acto celebrado este sábado en Vigo, no que se fixo público o nome das persoas e proxectos seleccionados nas dez categorías destes premios.
“A faceta creadora ten esa parte marabillosa de que estás nese lugar no que desexas estar, pero tamén ten moitos momentos de dúbidas e incertezas e pasas moitos momentos nos que ninguén ve o que fas, polo que che recoñezan cun premio é algo que che fai pensar que tes que seguir nese camiño”, engade a docente e investigadora do grupo dx5. Na 47 edición destes galardóns, Fernández Fariña foi seleccionada finalista na categoría de artes plásticas destes premios xunto a “dúas artistas que admiro moito”, Menchu Lamas e Bea Lema, algo que para ela supuña xa “un auténtico agasallo e un privilexio”, recoñece, ao tempo que destaca o labor duns galardóns “que, de forma ininterrompida, levan máis de 40 anos apoiando a arte, a investigación e a ciencia”.
A creación dunha obra teatral que permitise formar o público infantil na prevención do afogamento e na realización das manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP) e unha instalación artística xurdida dunha investigación centrada na obtención de papeis e tintas a partir de plantas exóticas e invasoras. Estes son os dous proxectos recoñecidos cos IV Premios CREA-Creatividade e Innovación, cos que o proxecto de especialización Campus Crea busca distinguir investigacións, obras creativas ou proxectos innovadores de carácter interdisciplinar.
Impulsados co apoio da Deputación de Pontevedra, no marco das actividades da Semana da Creatividade, estes premios contaron cunha modalidade dirixida ao persoal docente e investigador e outra ao alumnado. Na primeira, o galardón, dotado con 1500 euros, foi para Desafógate, un proxecto coordinado polos investigadores Begoña Paz e Roberto Barcala, do grupo Remoss, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. O galardón da segunda modalidade, dotado con 750 euros, foi para a instalación artística The in-between (o medio no medio), realizada por Antía Iglesias no marco da investigación que desenvolveu para a súa tese, no doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sostible.
- A obra e traxectoria de Luis Seoane inspiran a primeira exposición en España do chileno César Gabler
- Un premio internacional de arte gráfica recoñece a obra dun investigador de Belas Artes inspirada en Kyoto
- A imaxe do Xapón reúne na UVigo máis de 70 especialistas de múltiples disciplinas
- Egresadas e egresados de Belas Artes achegan ao alumnado da facultade as diferentes fases un proxecto artístico