Verse outra vez ao revés tamén funciona é o título da exposición que desde este martes presenta na sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes un conxunto de autorretratos xurdidos dun obradoiro que levou ás e aos participantes a reflexionar sobre as ideas de creatividade e identidade a través do lúdico, o sensorial e o experimental. Coordinado pola artista e docente Iria Vázquez, este taller teórico-práctico propuña afondar no autoconcepto a través da creación artística e “chegar ao autobiográfico a través da interacción cos demais”, dando como resultado un conxunto de obras “moi diversas”, como recoñece a tamén comisaria desta exposición, que poderá visitarse ata o 4 de abril.
A ilustración, a fotografía, o vídeo ou o traballo con materiais atopados ou con obxectos que forman parte da memoria persoal das artistas fanse presentes na mostra que se inaugura na tarde deste martes. Nela reúnense unha vintena de obras de Patricia Álvarez, Uxía Bustbem, Celeste Garrido, Mónica Lago, Pablo Martínez, Candela Omil, Paula Romay, Miriam Rodríguez e Jimena Rodríguez. As súas creacións preséntase á súa vez acompañadas por unha serie de materiais que permiten achegarse “aos procesos de traballo e dinámicas de creación destes autorretratos” dun obradoiro inserido na programación de extensión universitaria da Vicerreitoría do campus e impartido por Vázquez xunto coa docente e cineasta Xisela Franco. Con esa mesma idea, unha serie de códigos QR permiten acceder a arquivos sonoros que reúnen as reflexións de varias das participantes respecto de cuestións como o que significa a creación ou cales son as súas características e límites.
E seguimos contribuindo a ampliar a lista de mulleres artistas. Nesta ocasión, Thomas Apostolou convídanos a coñecer o traballo de Paky Vlassopolou:
Paky Vlassopoulou (1985) é unha artista ateniense que destaca polo desenvolvemento dun vocabulario escultórico cun forte interese pola materialidade, as relacións espaciais e o corpo. O seu traballo abrangue dende escultura ata instalacións así como accións performativas e happenings. As súas obras exploran temas como a memoria e a historia, e teñen unha profunda carga política. Ademais, é co-fundadora do espazo de arte independente 3 137 en Atenas.
Na súa instalación Practising Pleasure Where Possible (2018), Paky Vlassopoulou presenta unha serie de obxectos cerámicos cuxa forma se inspira en saca leites modernos e antigos, así como en dispositivos produtores de son, como megáfonos e frautas. A instalación tamén inclúe estruturas metálicas que toman a súa forma de mobiliario asociado a contar chismes por teléfono, xunto con panos de cociña, un obxecto doméstico amplamente empregado por ceramistas. A través da obra, emerxen patróns que conectan actividades tradicionalmente femininas coa escultura, dando lugar a unha investigación sobre as formas de contacto e comunicación entre corpos e obxectos.
O oficio de lavar: unha cartografía sensible é o título do traballo de fin de grao (TFG) da egresada da Facultade de Belas Artes Xoana Abraira, recoñecido este mércores nos Premios Valedora do Pobo aos mellores traballos de fin de grao e mestrado en materia de igualdade e dereitos das mulleres. Promovidos por esta institución coa colaboración das tres universidades públicas galegas, o TFG de Abraira de Bernardo foi un dos catro traballos premiados na quinta edición destes galardóns.
Neste proxecto, Abraira fai uso das artes plásticas para configurar, explica, “un achegamento ao oficio de lavandeira e ao labor de lavar a roupa” que ten como punto central a posta en valor do traballo feminino, “comunmente relegado ao espazo doméstico e dos coidados”. O TFG que esta titulada defendía o pasado curso na facultade pontevedresa xa fora previamente recoñecido nos Premios Egeria da Universidade de Vigo e, nas últimas semanas, a fotografía dunha das súas obras convertíase na imaxe gráfica da campaña institucional do 8M desta institución académica. De aí que Abraira se amosase nesta xornada “moi satisfeita” por este novo recoñecemento ao seu TFG, así como polo feito de que, en ambos casos, o seu proxecto fose premiado en convocatorias “relacionadas con cuestións de xénero”, o que lévaa a incidir no valioso deste tipo de iniciativas, que supoñen un incentivo para a abordaxe “de cuestións relevantes, desde o mundo académico”.
O artista e doutorando da facultade Carlos Fer, participa no proxecto “8 mulleres para o 8M” falándonos da obra de Delia Boyano, sobre a cal comenta:
O traballo de Delia Boyano (Málaga, 1994) escribe narrativas non liñais onde a superposición de medios como a escultura, o vídeo, o debuxo e a performance configuran relatos sobre o poder, o xénero, a memoria histórica e a cultura. Reinterpreta movementos e indumentarias que tradicionalmente foran elementos metafóricos da opresión á muller, para convertilos nunha posibilidade de empoderamento.
O feminismo na súa obra deféndese a través dunha intensa análise entre a performance a a escultura, activando obxectos emancipadores dende o movemento.