Logotipo Universidade de Vigo

Seleccione su idioma

Descarga a entrevista

Vicente Blanco é licenciado en Belas Artes pola especialidade de escultura e doutor en Belas Artes pola Universidade de Granada. Desenvolve a súa investigación artística en diferentes medios como o vídeo, o debuxo e a instalación. Realizou exposición individuais en institucións como o CGAC ou o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía así como numerosas exposicións colectivas. Neste último ano 2024 ven de expoñer na Galería Municipal de Porto na exposición Norte silvestre e agreste e en Fío Norte, no espazo Normal de A Coruña. Tamén fixo a súa primeira individual na Galería Néboa de Lugo. En maio de 2024 presentou un solo-project en Arco Lisboa da man da Galería Silvestre.

Ademais da súa traxectoria como artista, Vicente Blanco é profesor de Educación das Artes Visuais e Plásticas na Universidade de Santiago de Compostela e promotor do grupo de innovación educativa Escola Imaxinada, integrado por diversos profesionais do ámbito das artes, a arquitectura, a filosofía e a educación infantil e primaria.

Fuches das primeiras promocións da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Cóntanos, como estudante, como viviches esa experiencia de estudar nunha facultade na que todo estaba por construírse.

Lembro esa etapa con agarimo e como unha aprendizaxe valiosa, non só polos estudos en si, senón porque para min implicaba saír por primeira vez da miña contorna: novas experiencias, amizades, rutinas… A facultade abriume portas a formas de entender a arte que naquel momento descoñecía e, quizais o feito de que estivese por construírse, permitiume explorar os meus propios procesos creativos cunha gran flexibilidade. Deume espazo e tempo para facer e para pensar, e iso é algo que valoro.

Actualmente traballas como docente no Campus Terra de Lugo (Universidade de Santiago de Compostela) e formas parte do grupo Edunartex, cuxas liñas de investigación vehiculan a educación, a arte e a natureza. Como se relacionan estes enfoques co teu traballo artístico?

Creo que se relacionan desde o compromiso coa contorna na que vivo. Dou clase nunha facultade de educación e observo como os currículos neoliberais afastan a infancia do seu contexto. Esta desvinculación e falta de querenza permite a depredación dos recursos. Estamos a velo coa eucaliptización do territorio. As artes poden axudar a desactivar isto porque a educación estética implica, en definitiva, valorar a beleza do que nos rodea na súa diversidade; e cando apreciamos esa diversidade podemos posicionarnos para defendela e coidala. Nese sentido, entendo a educación estética como unha forma de activismo.

Tamén con base no campus de Lugo (Facultade de Formación do Profesorado), impulsas o colectivo Escola Imaxinada, xunto con Salvador Cidrás e Estela Freire. Trátase dun proxecto no que a experimentación artística funciona como eixe transversal na metodoloxía educativa, a través do cal se levaron a cabo diferentes propostas. Fálanos sobre esta iniciativa.

O proxecto de Escola Imaxinada xurdiu precisamente de observar as carencias estéticas no sistema educativo. O obxectivo inicial foi achegar ás escolas metodoloxías baseadas nas artes e contribuír ao deseño de espazos e recursos educativos de calidade. Empezamos levando a cabo propostas prácticas colaborando coas escolas, recuperando a idea de taller ou laboratorio, onde a aprendizaxe xorde a través da experiencia e do xogo. Son propostas nas que se acompaña ás criaturas dándolles materiais e recursos, facendo preguntas, respectando os seus tempos e a súa diversidade e non adiantándose a un resultado prefixado.

Os nosos proxectos céntranse en incorporar os imaxinarios de proximidade (natureza, arquitectura, lendas, oficios) no que denominamos unha pedagoxía creativa do lugar, que dea voz á infancia e poña en valor eses imaxinarios. Deseñamos tamén material non estruturado e mobiliario para modificar a lóxica reprodutiva e memorística da escola que disciplina os corpos e os faceres, e incorporando o taller como espazo de aprendizaxe. Deste xeito, arte e educación entrecrúzanse; Natalia Poncela seleccionou este proxecto para a exposición Derrotas: formas de pensar (2024), na sala Normal da Universidade da Coruña (UdC).

Nos últimos anos estamos a observar unha tendencia á introdución da arte en áreas como a ciencia, a tecnoloxía ou a empresa. Como ves esas alianzas? De que xeito a arte pode actuar como motor de cambio social e educativo?

Todo debe ser visto con atención e coidado. Hai propostas interesantes que son honestas e outras que son oportunistas. Hai que ter en conta que o sistema potencia unha visión instrumental da creatividade máis preocupada polas demandas económicas. Agora mesmo, eu estou interesado nunha visión humanista da creatividade en canto dereito, como individuos e como colectivos, a pensar criticamente e sen medo o mundo no que vivimos e a crear formas de vida respectuosas coa diversidade. Nese sentido, a arte si que pode actuar como motor do cambio social. E paréceme importante resaltar o de «sen medo» porque observo como os crecentes discursos de odio non só teñen o obxectivo de desviar a atención dos problemas estruturais do sistema cara a colectivos desfavorecidos, senón que o medo serve para crear as condicións que nos leven a validar ideas e decisións que van en contra dos dereitos humanos. A historia está chea de casos así e, desgraciadamente, repítense na actualidade.

Pasemos a falar do teu traballo artístico, no cal usas diferentes linguaxes e soportes que van desde o dixital, a colaxe, o lenzo ou o papel. Con todo, atopas no debuxo a base das túas producións. Que che interesa deste medio?

Efectivamente, o debuxo, como medio primario, foi sempre a base do meu traballo artístico, desde as animacións iniciais ata os lenzos actuais. Hai unha frase de Salvador Cidrás na conversa con Chus Martínez e Filipa Ramos para o catálogo da exposición Pés de Barro coa que me sinto identificado. El fala da «creación do medio» e, dalgún xeito, sinto que o meu achegamento ao debuxo forma parte dese proceso: escoitar o medio, non para dominalo, senón para exploralo, facelo propio e poder crear unha linguaxe na que incorporar as miñas inquietudes, experiencias e imaxinarios.

Interésame a ubicuidade e a espontaneidade do debuxo. Podemos debuxar en todas as partes e non require de grandes medios. Eu construín a miña identidade desde as marxes, con referencias que na maioría dos casos estaban lonxe do meu contexto (televisión, libros, cómics, revistas…). Referencias nas que o debuxo tiña un papel relevante. É precisamente a súa ubicuidade e a súa espontaneidade o que o converte nun medio de expresión moi valioso para persoas e colectivos que non teñen acceso á cultura oficial, pero que teñen a necesidade de pensarse e pensar o mundo do que forman parte. Persoas e colectividades coas que eu, mesmo desde moi novo e case intuitivamente, tiña unha grande afinidade.

É certo que o debuxo estivo moi presente desde o inicio da túa traxectoria. Ás veces, faise forte a través da animación, como en Alguna vez pasa cuando estáis dormidos, mostra realizada no Espacio Uno do Museo Nacional Reina Sofía (2004), onde xa se advertían algunhas das preocupacións que empaparán o teu corpus creativo. Unha delas é a idea de paisaxe e a nosa relación coa contorna. Como foi variando a túa percepción desde esa exposición ata hoxe? Que papel xoga a túa contorna, neste caso o contexto do rural galego, na conformación da obra?

A paisaxe implica sempre a existencia dun espectador. Máis que «contemplar» a paisaxe gústame empregar o verbo «observar», porque incorpora unha mirada atenta. Cando observamos, miramos con moita atención para descubrir cousas que, doutro xeito, poden pasar desapercibidas. Tamén nos axuda a descartar ideas preconcibidas. Observar a paisaxe supón ver o seu artificio, a súa construción, pero tamén o que non está presente, o que falta.

Vivo nunha zona rural de Galicia onde as tradicións, os oficios, a arquitectura, a natureza e o idioma están a desaparecer. Tamén observo como a cultura non se promove desde as administracións, a estética non se valora e o aprecio polos detalles e o coidado do medio ambiente desaparecen baixo os modelos neoliberais que importan o luxo e o exótico. Neste contexto, sigo crendo na arte e na cultura como espazo de resistencia. Permite crear novas relacións coa contorna para desenvolver outras narrativas sobre pertenza, coidado, responsabilidade ou memoria colectiva e individual, que se desmarcan do relato único. A cultura non deixa de ser, en definitiva, aquel conxunto de saberes que nos permite o pensamento crítico. Quizais é inxenuo pola miña banda, pero non sei pensalo doutra maneira.

Falamos dunha paisaxe construída, manipulada, que xera contextos miméticos coa súa consecuente perda de identidade. Estas cuestións son exploradas no teu traballo en series recentes como Os corpos inesperados (2023). Aquí atopamos unha serie de personaxes e de formas simbólicas que se inscriben como fragmentos, talvez dispostos a que os descifremos desde a nosa propia perspectiva como espectadores ou espectadoras. O real mestúrase coa fábula e elementos propios do mundo contemporáneo dialogan con outros ligados á liturxia, ao ancestral ou á natureza salvaxe. Como seleccionas estes elementos e que desafíos enfrontas ao reinterpretalos esteticamente?

Para esta serie desenvolvín unha técnica de debuxo sobre lenzo que implicou unha complexa investigación de materiais para crear a aparencia de pel. Vistos en realidade, son moi sensoriais e presentan unha ambigüidade material porque, a primeira vista, é difícil pescudar como están feitos. Neles preséntase un mundo sensorial interconectado, onde o real se mestura co imaxinado e onde as liñas de lapis abrazan, como unha pel, os seres e os vínculos, pero tamén as violencias que o habitan.

Éme difícil describir como selecciono estes elementos. Moitos xorden de forma espontánea, no propio facer, outros proceden de imaxes e experiencias propias. Hai que ter en conta que, nesta serie, o xesto se volve máis repetitivo. O seu proceso de creación ten que ver cunha idea de ritual, ou liturxia, como comentas, en canto repetición dun xesto co que constrúo un espazo mental. Presento accións e personaxes que non teñen cabida no normativo. Parece que nas cidades a disidencia ten un espazo máis compartimentado, pero eu quero reivindicala dunha maneira máis orgánica, desde a propia natureza. Este proxecto parte das disidencias non normativas que reivindican os seus corpos e os seus desexos fóra destes espazos compartimentados.

A esta lectura súmase a exploración da identidade masculina, outro dos motivos recorrentes no teu traballo.

Efectivamente. Nos meus últimos traballos exploro a construción da miña identidade masculina desde o medio rural no que vivo. Ter construído a miña identidade desde as marxes fai que o achegamento á miña contorna sexa desde a mirada dous colectivos invisibilizados, colonizados ou explotados, como a natureza e os animais, polo que hai unha simbiose ou unha presenza recorrente en todos os meus traballos. Por unha banda, a vida rural está a desaparecer ou en vías de extinción. As transformacións ultrarrápidas actuais borran a diversidade de cosmovisións e crean unha especie de «ningún lugar». Por outra banda pregúntome: neste mundo en ruínas, como construírnos desde as marxes? Como narrarnos desde un contexto invisibilizado, que tamén invisibiliza desexos e existencias?

Se pensamos en series recentes como Os corpos inesperados (2023), Ego sense (2022) ou Todo o que foi tocado (2021) apreciamos seres humanos en pleno proceso de descubrimento, en transformación e diálogo con outros entes. Hai rotundidade e violencia, pero tamén liberdade e maxia. Recordan unha sorte de escenarios dantescos desde os que mirarnos como sociedade.

Nesas series de debuxos investigo con materiais gráficos e pictóricos para crear imaxinarios e narracións onde o outro, as dinámicas de poder, a estrañeza do ser pero non pertencer, van conformando as imaxes. Crear para pertencer, pensar noutras posibilidades para relacionarnos coa nosa contorna. Considero que eses escenarios desde os que mirarnos como sociedade ou como individuos, como expós, son importantes para desenvolver un pensamento crítico. Esa é a función da arte: mirarnos desde ángulos descoñecidos.

Nalgunha ocasión mencionaches que as túas estadías no estranxeiro foron significativas á hora de tratar certas cuestións desde a distancia. Como inflúen estas experiencias no teu enfoque artístico e na interpretación de temas locais?

As estadías son necesarias porque che permiten pensar o teu contexto desde fóra. Nese sentido interésame o concepto de estrañamento, que é moi importante no meu traballo. Atráeme esa capacidade da arte de producir estrañamento, isto é, de presentarnos aquilo que nos resulta familiar desde a distancia. Ten que ver coa mirada do outro, do estranxeiro que observa a través da súa experiencia o que para nós resulta natural e descóbrenos detalles, historias ou significados inadvertidos, que convidan á reflexión.

A miúdo o estraño asústanos. Ese medo é unha defensa cara ao que non coñecemos. O estrañamento implica, en primeiro lugar, recoñecer o outro. O receptor ten que estar aberto a esa diferenza. Leva, por tanto, unha actitude de curiosidade; de aprender a ver, no que é distinto a nós e ao noso mundo, a beleza.

Por último, gustaríanos coñecer a túa perspectiva non só como artista, senón tamén como impulsor de proxectos educativos e culturais en Lugo. Cales son os retos e as posibilidades que enfronta a creación desde o rural?

A nivel estrutural as dificultades son as mesmas que no contexto urbano. Situámonos nun contexto onde non hai apoios á creación. Estamos sumidos nun proceso de turistificación da cultura, e esas son as políticas culturais actuais desde as administracións.

Vivir no rural faite máis consciente das problemáticas do territorio en relación coa natureza e a biodiversidade. Dáme a posibilidade de coñecer oficios, tradicións, solucións construtivas, imaxinarios ou modos de vida que son importantes para enfrontarnos aos grandes retos que temos. Tampouco quero presentar unha visión romantizada do rural. Para min, agora mesmo, o gran reto á hora de impulsar proxectos educativos é poñer en valor ese enorme patrimonio material e inmaterial en relación cos problemas actuais. Nós traballamos moito co que denominamos «educación cívica en biodiversidade», que ten que ver cunha actitude de coidado e de activismo cara á contorna. A arte, a educación e a natureza para min son un posicionamento de coidado ante o mundo, que agora mesmo é urxente.

Moitas grazas, Vicente!