Unha xornada explorará como a arte múltiple abandonou o bidimensional para “conquistar o espazo”

Seis artistas e investigadoras abordarán as relacións entre obra gráfica e instalación

Habitualmente ligada á obra gráfica, a idea da arte múltiple viuse afectada pola disolución das fronteiras entre disciplinas que, en boa medida, caracteriza á creación artística do século XXI. Afondar, a través das experiencias de diferentes creadoras e investigadoras, nas “interseccións” entre a arte múltiple e a instalación é o obxectivo central do Encontro de Interacción Gráfica que grupo de investigación dx5 (digital & graphic art research), da Facultade de Belas Artes, promove o vindeiro luns na Casa das Campás. Baixo o título de El múltiple que ocupa el espacio, este seminario propón unha reflexión “sobre como a clásica bidimensionalidade da gráfica transitou cara a busca dunha experiencia moito máis profunda e inmersiva, diferente a como a coñecíamos ata agora”, como sinalan desde o grupo organizador.

Coordinado por Ana Soler e Anne Heyvaert, este seminario aberto a o público insírese no proxecto de investigación do mesmo nome que o grupo dx5 desenvolve ao abeiro das axudas ao Programa de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas da Xunta de Galicia. “O obxectivo xeral é achegar unha nova perspectiva na gráfica contemporánea de campo expandido e investigar as súas aperturas e derivas”, sinala Soler dunha nova liña de traballo na que conflúen, desde diferentes perspectivas, os traballos investigadores e artísticos de diferentes integrantes do grupo. De feito, como explica, un dos propósitos deste seminario é tamén que sirva como un “encontro de traballo e posta en común de información”, que permita á súa vez “sentar as bases” dun futuro foro internacional centrado nesta temática, que o grupo proxecta para a primavera de 2023.

Repeticións que transforman o espazo

“A conquista do espazo é, entre outros fenómenos, o lóxico paso dunha secuencia alimentada pola fame de coñecemento e profundidade de reflexión dos distintos aspectos que rodean a gráfica do século XXI”, engaden as impulsoras dun encontro que busca analizar “como evolucionou a arte múltiple desde a estampa tradicional, en papel e de carácter bidimensional, cara o obxecto escultórico e, por extensión, a súa instalación no espazo”. Do mesmo xeito, este encontro buscará tamén analizar como as e os artistas gráficos “ocuparon distintos espazos públicos e privados”, tomando como punto de partida o “clásico potencial de repetición e transformación que posúe o múltiple”, convertido agora nun “medio de expresión contemporáneo para crear realidades complexas e experimentais”.

Farao a través de dúas mesas nas que intervirán seis investigadoras e artistas, tanto integrantes do propio grupo dx5 como colaboradoras externas, que tomarán como punto de partida a súa propia produción artística e investigadora, para explorar “distintos escenarios do múltiple que ocupa o espazo”, como sinala Soler. Así, na primeira mesa a docente da Universidad de Salamanca Vanesa Gallardo falará da gráfica 3D, mentres que a artista multidisciplinar Elena Jiménez porá o foco en como a “unión dos procesos” que implica o desenvolvemento dunha obra gráfica, dá lugar a creacións “máis complexas”, como apunta Soler, que pechará este primeiro coloquio abordando a representación “dunha multiplicidade de tempos superpostos”. Na segunda das mesas, Anne Heyvaert afondará na idea do “libro expandido” e en como, a través do pregue, unha creación a priori bidimensional pode estenderse polo espazo, mentres que a artista e tamén investigadora do grupo Almudena Fernández-Fariña afondará na repetición como “estratexia expansiva na pintura mural”, pechándose este encontro coa visión de Sara Coleman do téxtil como “interface” dun proxecto transdisciplinar.

Este encontro verase complementado á súa vez pola exposición Primuns movens, que na tarde deste venres se inaugurará na Fundación RAC e na que o artista Marco Moreira presentará unha serie de pezas derivadas da investigación que desenvolveu para a súa tese de doutoramento baixo a dirección de Heyvaert, tamén comisaria desta exposición, que poderá visitarse ata o 4 de novembro.