Unha publicación recolle as reflexións sobre sexualidade que o alumnado de Belas Artes levou ás rúas

Un intre da performance de Nerea Santiago. Foto: Adrián Porina

Desenvolvidas en diferentes prazas e rúas de Pontevedra, unha publicación fai balance de oito performances realizadas polo alumnado da Facultade de Belas Artes no marco dun proxecto que propón empregar a arte de acción como canle para reflexionar sobre a sexualidade, as identidades non normativas e os estereotipos relacionados coa orientación sexual. Baixo o título de Axitando a heteronormatividade. Performance, sexualidade e disidencia, o libro editado pola facultade, dentro do seu selo Error es bien, presenta os resultados dunha iniciativa coordinada polo profesor Carlos Tejo e desenvolvida ao abeiro do programa de axudas para actividades docentes con perspectiva de xénero da Unidade de Igualdade da UVigo. No marco da materia Proxectos de arte de acción, Tejo propuxo ao alumnado un exercicio que, a través da performance, “propón novos vieiros para a sexualidade, ao tempo que denuncia posturas pouco respectuosas coa diversidade”.

Tras levarse a cabo por primeira vez en 2020, a pandemia obrigou a interromper temporalmente un proxecto que Tejo impulsou de novo o pasado curso e que, á diferencia da primeira edición, nesta ocasión levou ao alumnado a executar as súas accións na rúa. “Coido que o espazo urbano é un aliado importante cando a performance ten implicacións políticas”, sinala este docente, que buscaba con este exercicio contribuír a unha educación que poña en valor “o positivo de respectar as diferentes opcións da xente que nos rodea”. Con esa idea, esta actividade, de carácter voluntario, arrancou cun coloquio coa dramaturga, actriz e directora teatral Gena Vaamonde, que centrou a súa tese de doutoramento pola Universidade de Vigo na representación das sexualidades que cuestionan a “heteronorma” e os xéneros binarios na dramaturxia contemporánea española. A partir desta conversa, os oito alumnos e alumnas participantes traballaron no deseño dunha serie de accións que executaron, en varias sesións, en diferentes puntos da cidade e que agora se plasman nesta publicación a través das fotografías de Adrián Porina. “Paréceme un bo xeito de reflexionar sobre temáticas complexas que afectan ao noso día a día e á nosa convivencia como sociedade”, salienta Tejo, que destaca no libro as posibilidades da performance “como unha das mellores ferramentas para alertar sobre a situación periférica dalgunhas opcións sexuais que transitan fóra do heterocentrismo e para dinamitar comportamentos innmobilistas”.

Accións cuns puntos de partida “profundamente simbólicos”

Xunto aos textos de Tejo e Baamonde, a publicación presenta en imaxes performances como a que Raquel Álvarez levou a cabo na alameda e coa que buscou pór de relevo que a defensa do “dereito a ser diferente” debe ser entendida como “unha batalla de toda a sociedade”, como lembra o coordinador este proxecto. Neste mesmo espazo desenvolveuse tamén a acción na que Tamara Goberna converteu o palco de música “nunha caixa de música xigante”, na que exerceu como unha bailarina que “debuxa a imaxe dunha muller sen vontade, que xira como unha autómata nun baile sen sentido”, para finalmente abandonar a “caixa” e tomar o espazo público, explica este docente.

Preto de alí, na cruz da Gran Vía de Montero Ríos, completaba Rubén Mascato unha performance presentada como “un particular viacrucis de afogamentos voluntarios”, coa que buscaba “advertirnos da dor e do desasosego das persoas que deciden vivir a súa sexualidade dun xeito diferente á norma”. A súa, como sinala Tejo, era unha acción cun punto de partida “profundamente simbólico”, ao igual que a que Antía Encisa levou a cabo ás portas da Casa Consistorial. Valéndose dun megáfono, Encisa trasladou aos transeúntes a pregunta “é un mozo ou unha moza?”, nunha proposta que, a través do “simple xesto de cuestionar aquilo que parece obvio, desestabiliza o xénero entendido como un constructo social e cultural”, sinala Tejo. O carácter simbólico é tamén un dos aspectos destacados no libro da performance que Xoel Gómez realizou na praza da Peregrina, onde representou “un camiñar acelerado, un corpo que, nesta deriva, tamén está esquivando un xénero estático ao destilar unha corporeidade en continua alerta”.

Preto deste punto, nunha das rúas comerciais máis concorridas, Nerea Santiago desenvolveu unha acción que tomaba como punto de partida un “acto estereotipadamente feminino”, pintar os beizos, para subvertelo e terminar “amosando un lado non normativo”, cunha aparencia que “rompe cos canons do que é formal e aceptado”. Esta idea obsérvase, así mesmo, na proposta desenvolvida por Ainhoa Martínez, quen a través dunha serie de movementos tras unha cortina e do xogo entre “o que se oculta e o que se mostra”, propuxo “unha metáfora de todos os medos que nos asaltan en moitos ámbitos da nosa vida”. Por último, o libro complétase coas imaxes da performance que Carmen Suárez realizou nas proximidades da basílica de Santa María e na que, a través dunha serie de carteis, propuña unha reflexión “sobre as consecuencias da condena e represión da homosexualidade no ámbito eclesiástico”, explica Tejo.