Nova edición de Fugas e interferencias

Especialistas de cinco países reúnense nun congreso que busca potenciar a investigación sobre a performance

O programa combina a presentación de estudos con conferencias e accións artísticas

Reflexións teóricas sobre a historiografía da arte de acción, as posibilidades da performance como elemento pedagóxico, as interrelacións entre esta disciplina e a danza conceptual ou o seu uso no activismo cultural, político e de xénero. Estes son algúns dos eixos da análise que preto dunha vintena investigadores e investigadoras de diferentes países centrarán na pouco estudada disciplina da arte de acción na VII International Performance Art Conference Fugas e Interferencias. Organizado polo grupo de investigación PE4 Imaxe e Contextos, da Facultade de Belas Artes, coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Pontevedra e do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), trátase do único congreso académico dedicado á arte de acción de España e desenvolverá a súa sétima edición entre o venres 16 o domingo 18 de setembro en Pontevedra e Santiago. Ao igual que nas anteriores edicións, este foro académico combinará no seu programa a presentación de estudos sobre esta disciplina con conferencias e performances.

Nacido en 2016 co propósito de xerar unha maior reflexión teórica en torno a unha disciplina artística pouco analizada desde o punto de vista académico, o programa do congreso inclúe seis mesas de presentación de comunicacións, nas que presentan os seus traballos 19 investigadoras e investigadores dunha decena de universidades españolas, así como de institucións académicas de México, Francia, Portugal e Reino Unido. Os seus estudos foron seleccionados polo comité científico de entre “un número importante de comunicacións presentadas”, como apunta o profesor da Facultade de Belas Artes Carlos Tejo, director xunto coa investigadora e comisaria Marta Pol deste foro académico. “Iso axuda a crear un corpus teórico sobre a performance, que é un dos obxectivos destacados do congreso”, sinalaTejo.

De feito, tendo como eixos de análise a reflexión teórica sobre a arte de acción, as súas conexións con outras disciplinas e as posibles interaccións co contexto político, nas diferentes mesas trataranse “aspectos de activismo cultural, político e de xénero, reflexións teóricas sobre a historiografía da arte de acción ou aspectos filosóficos que poñen en cuestión a ideoloxía das narrativas documentais”, como explica Pol. Do mesmo xeito, os investigadores e investigadoras participantes tamén porán o foco na “acción como obxecto” ou como “dispositivo pedagóxico”, así como na súa interrelación coas “artes escénicas experimentais no ámbito sonoro ou en relación coa arte conceptual”, engade a investigadora.

Teoría e acción nun intercambio “intelectual e experiencial”

“Seguindo a liña das edicións anteriores, impórtanos concentrar toda a atención nas especifidades da arte de acción coa participación de investigadores e expertos no tema, pero moi especialmente, en establecer unha interacción entre todos os axentes participantes”, salienta Pol, que incide na importancia que para Fugas e Interferencias ten o intercambio “tanto intelectual como experiencial, xa que iso permítenos explorar a natureza performativa do encontro”.

De feito, a reflexión teórica combínase neste congreso coa realización de performances como as que o venres 16 levará a cabo, nas inmediacións da Casa das Campás, o grupo Ennui, do colectivo Refugallo, integrado por alumnos de Belas Artes de diferentes cursos. “No ciclo de performance, intentamos sempre combinar persoas emerxentes con outras que demostran unha traxectoria xa consolidada. Case sempre son do contexto galego que, dito sexa de paso, presenta un bo momento no que á variedade e calidade da performance se refire”, salienta Tejo. Esta performance verase precedida, na sede da Vicerreitoría, pola inauguración do congreso, a presentación do libro de actas da anterior edición e a primeira das mesas de comunicacións, para trasladarse na tarde do venres ao CGAC, onde pechará a súa primeira xornada coa performance (el)ARTE es ARTE, a cargo da catedrática de Escultura da UVigo Yolanda Herranz. Seguindo a súa liña de traballo, a artista e investigadora “xogará coa linguaxe para propor unha lectura aberta que traspase o puro valor semántico da palabra”, salienta Tejo, que destaca a ampla traxectoria artística, “de marcado carácter conteptual”, de Herranz, cuxos proxectos formaron parte ao longo das últimas décadas “de máis de 200 exposicións” en Europa, América e Asia.

Tamén no CGAC, entre o venres e o domingo desenvolveranse outras cinco mesas de presentación de traballos, complementadas á súa vez por dúas conferencias plenarias. A primeira, centrada no artista alemán Joseph Bueys, terá lugar o venres e correrá a cargo de Pilar Parcerisas, unha crítica, comisaria independente e guionista cunha “demostrada traxectoria profesional dentro do estudo da performance”. Ao día seguinte, Fugas e Interferencias contará coa participación como relator de Óscar Abril Ascaso, “un artista, músico, produtor cultural e historiador da arte” especializado na arte de acción que, como lembra Tejo, “centra as súas investigacións nas transformacións no ámbito da produción de música pop contemporánea e a performance”.