As obras inspiradas nas paisaxes de Monçao continúan mudando da man do alumnado de Belas Artes

As diferentes obras permanecen expostas no Museu do Alvarinho

Os cadros expostos no Museu do Alvarinho serán novamente intervidos en maio

Desde o mes de novembro exhíbense no Museu do Alvarinho, na vila portuguesa de Monção, as obras resultantes do proxecto Arte em Trânsito, que este municipio promove xunto coa Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo e o Instituto Politécnico de Viana do Castelo. Non obstante, os lenzos inspirados nas paisaxes e na tradición vitivinícola desta rexión que poden verse nestes días no museo mudaron o seu aspecto respecto de semanas anteriores. Xurdido como un reto que propón a estudantes das dúas institucións “crear un traballo artístico en tres momentos diferentes” e que dea lugar “a tres exposicións diferentes”, como explicou o seu coordinador, Ricardo Campos, as obras realizadas en novembro por catro alumnos e alumnas intervidas novamente por outros catro estudantes, no marco da súa estadía nunha quinta dedicada a produción de viño do municipio.

Na primeira das tres fases deste proxecto, que baixo o lema de Monção, berce do Alvarinho propón que cada artista “interprete o territorio adegueiro de Monção a partir da súa experiencia persoal e da súa investigación plástica”, participaron os estudantes de Belas Artes Marina Aradas e Abraham Alonso e as alumnas do Politécnico de Viana do Castelo Maria João Gonçalves e Adriana Bacelo. As obras realizadas polas dúas últimas víronse agora transformadas polas achegas das estudantes da facultade pontevedresa Sandra Gutiérrez e Lili Algo. “A experiencia foi moi interesante e enriquecedora”, recoñece esta última, á que lle correspondeu intervir o traballo de Bacelo, un lenzo no que esta plasmara “uns arbustos e un farol, bastante realistas”, aos que Lili Algo sumou achegas baseadas “no meu imaxinario visual, levándoo a un terreo máis de fantasía”, recoñece. “Traballei integrando uns personaxes co que xa estaba no lenzo”, apunta a artista e estudante, que recoñece que antes da súa participación “tiña un pouco de medo ao intervir nalgo que xa realizara outra persoa”.

A Sandra Gutiérrez, pola súa banda, correspondeulle transformar o lenzo iniciado por Gonçalves. Seguindo a proposta de “canibalismo artístico” formulada por Ricardo Campos, a artista e estudante optou por “transformar algún dos elementos que ela pintara, ata case a súa completa desaparición”, coa idea de que “se fundisen” as súas achegas e que “non se distinguise o que fixo ela do meu”. Fíxoo, explica, partindo da súa propia liña de traballo, na que “adoito usar a natureza corrupta para representar o corpo”, vinculándoa nesta ocasión á “tradición do viño”. Gutiérrez recoñece que foi “unha experiencia positiva e fóra da miña zona de confort”, xa que traballar a partires do “xa feito por unha persoa deume outra perspectiva e fíxome preguntarme ata que punto podía intervir sen ofender ao anterior artista”, engade.

Terceira intervención en maio
Tras esta segunda intervención, na que participaron tamén as estudantes do Politécnico de Viana do Castelo Rita Braga e Lisandra Carneiro, as obras exhíbense no Museu do Alvarinho ata maio, cando terá lugar a terceira e última intervención por parte doutros catro estudantes, dando lugar á exposición final de Arte em Trânsito.