A profesora de Belas Artes Andrea Costas expón no Marco o seu proceso de ‘Desapego’

O proxecto está integrado por fotografías, vídeos e instalacións sobre a experiencia da maternidade

Desapego, a mostra da profesora de Belas Artes Andrea Costas Lago que se pode visitar no Museo Marco de Vigo dende o mes pasado, é o resultado dun proceso non só creativo, senón tamén vital, o da maternidade. Como a propia creadora recoñecía no acto de inauguración, “esta exposición é unha reclamación para que o mundo poida empezar a entender en que consiste este proceso (a maternidade) e trate de darlle cobertura, que o valore e busque a maneira de poñelo ao principio da lista de prioridades, xunto co resto de necesidades humanas básicas. Volver a valorar a orde simbólica da nai, o desexo materno e poñer os coidados no centro sería unha boa maneira de achegarnos ao mundo no que queremos vivir.”

Comisariada por Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto Soto, Desapego reúne “un conxunto extenso de pezas en diferentes formatos (imaxes fotográficas, vídeos e instalacións)” nas que a artista reflexiona sobre “a experiencia da maternidade propia dende un punto de vista non idealizado, deixando constancia das contradicións e desafíos que supón esta oportunidade ofrecida pola vida para cuestionarnos e crecer”.

O proxecto ten como punto de partida o ano 2008 cando, como ela mesma explica, “decidín ter familia xunto a miña parella. Conseguímolo sete anos despois tras moitos tratamentos. Foron xemelgos e resultou absolutamente desbordante”. Consciente de que da primeira infancia non tiña apenas fotos que non fosen de móbil, comezou a reflexionar sobre “como podería representar e transmitir unha mínima fracción de semellante frenesí. Conseguín empezar a fotografar en serio cando xa tiñan catro anos e nos iamos despedindo desa primeira etapa de crianza no colo”.

Eses primeiros anos de maternidade levárona a “tomar conciencia da importancia do tema da maternidade, do seu potencial como motor de evolución persoal, social e, sobre todo, da importancia da arte como transmisor da visión en primeira persoa dos temas que atinxen directamente a este sector da poboación tan pouco representado –fóra de convencionalismos e idealizacións– na sociedade e na arte”.

O proceso de ‘Desapego’

O título da exposición, Desapego, refírese ao “proceso continuo de separación experimentado dende o momento do parto, ou uns meses despois, se se respecta a diada. Cambios de fase, adaptación continua e despedidas. Unha evolución necesaria e liberadora, que tamén supón moita confusión e ambivalencia”. Neste proceso e como estratexia performativa e visual, Costas decidiu non cortar o pelo durante cinco anos, dende o nacemento dos xemelgos ata que finalizou a etapa de lactación materna. “Esa melena longa, traballosa, incómoda, exuberante e bicolor, funcionou como símbolo do vínculo e da maraña existencial que supón a experiencia materna durante os primeiros anos de crianza. Finalmente xs meus fillxs cortáronme esa melena, tras o último contacto dos seus beizos co meu peito”, lembra.

As imaxes que recollen este proceso e conforman a exposición foron tomadas, principalmente, durante o ano 2020 “dun xeito bastante espontáneo e precario” e coincidindo co período de confinamento. Ademais, en xaneiro de 2021 realizou catro accións no Marco “que dialogan con pezas dxs artistas Marina Abramović, Yoko Ono, Zhang Huan e Masahisa Fukase.”

Todas as obras poden contemplarse ata o vindeiro 2 xullo na galería B1 e na sala perimetral do 1º andar do museo Marco.

Parte da tese de doutoramento

Ademais de resultado dun proceso de investigación de varios anos, Desapego tamén forma parte da tese de doutoramento de Andrea Costas que aborda a representación do aleitamento materno en fotógrafas do século XXI. O seu obxectivo é analizar e reflexionar sobre como diversas autoras de todo o mundo se achegan “á súa propia maternidade e lactación utilizando a fotografía como medio principal de expresión, iluminando imaxinarios artísticos dende a experiencia persoal”.