A Fundación CIEC recibe o legado do profesor José Roselló

As obras pasarán a formar parte da colección da Fundación CIEC

A Facultade de Belas Artes acolleu este xoves o acto de entrega de 26 gravados orixinais do artista e docente José Roselló e das súas correspondentes placas á Fundación Centro Internacional da Estampa Contemporánea (CIEC). Con esta doazón, cumpríase coa vontade do que fóra catedrático de Debuxo na facultade ata a súa xubilación en 2003, falecido o pasado mes de febreiro aos 88 anos de idade. Este conxunto de obras, realizadas con diferentes técnicas de gravado e que en varios dos casos datan da década de 1950, pasan agora a formar parte da colección deste fundación con sede en Betanzos, cumpríndose un “reiterado desexo” do artista e docente, como lembrou neste acto o profesor emérito da Universidade de Vigo, Juan Fernando de Laiglesia.

Xunto a De Laiglesia, primeiro decano da facultade á fronte dun equipo do que Roselló era o secretario, participaron neste acto de entrega o presidente, vicepresidente e secretario da Fundación CIEC, Jesús Núñez, Pedro Galilea e Francisco Díaz, respectivamente; o vicedecano de Calidade, Javier Tudela, e a secretaria do Departamento de Debuxo, Anne Heyvaert, así como a depositaria dos bens de Roselló, Virginia Martínez. “Queremos agradecer esta magnífica doazón, que trataremos co debido respecto”, salientou o presidente da Fundación CIEC, cuxo padroado expresaba en febreiro a súa aceptación deste conxunto de obras “polo seu valor didáctico e artístico”. Nese senso, Martínez expresou o seu agradecemento por esta aceptación, lembrando que para Roselló “tería sido magnífico poder estar aquí hoxe”.

Non en van, a súa vontade era que esta serie de gravados, boa parte deles realizados na década de 1950 no marco da súa formación, pasasen a formar parte da colección “deste centro dedicado á didáctica do gravado especializado”, como lembrou De Laiglesia. Boa parte deles con motivos paisaxísticos, trátase dun conxunto de obras caracterizadas tamén “polo uso das diferentes técnicas clásicas de gravado, como augaforte, puntaseca, litografía, monotipo…”, lembrou o profesor emérito, ao que Martínez agradeceu a súa mediación no proceso que deu lugar a esta doazón.

Unha experiencia didáctica moi ampla e “moi técnica”

Primeiro decano da facultade, De Laiglesia lembrou neste acto a figura do que fóra catedrático de Debuxo e que foi tamén decano da facultade durante un breve período de tempo. “Era un home moi exacto nos seus sistemas de avaliación e moi técnico, fillo de ourives”, salientou o profesor emérito, que lembrou que a carreira de Roselló como docente no ensino medio comezou en 1957, o que fixo que no momento da creación da Facultade de Belas Artes, en 1990, “fose o secretario ideal, porque tiña unha experiencia didáctica moi forte e moi técnica”. Do mesmo xeito, De Laiglesia sinalou que o artista e docente, que en 1978 estableceu o seu estudio na rúa Benito Corbal, foi “un dos artífices do caldo de cultivo previo” que posibilitou á creación da facultade en Pontevedra, posto que “desde os anos 80 comeza unha serie de conversas coa Deputación e artigos de prensa”, incidindo na importancia de que Galicia contase con formación universitaria en Belas Artes.

Co propósito de pór en valor o seu labor como docente na facultade, De Laiglesia fixo entrega á Fundación CIEC dun exemplar de Valoración gráfica, un libro editado pola Universidade en 2003, coincidindo coa súa xubilación que “recolle toda a súa teoría didáctica do debuxo”, materia á que, lembrou, na década de 1990, optaron por denominar precisamente con este termo de “valoración gráfica”.