8 mulleres para o 8M: Rosa Neutro

Rosa Neutro. Peza da serie Corpos mudos, 2020-2021

Seguimos presentando a obra de mulleres artistas dentro do proxecto “8 mulleres para o 8M”. Nesta ocasión pedímoslle á artista, exalumna e profe da facultade Lucía Romaní que nos recomendase a obra dalgunha artista do seu interese.

Lucía falounos de Rosa Neutro, unha artista galega que reflexiona sobre cuestións relativas á identidade e aos estereotipos vencellados ao feminino. Combina técnica como a colaxe, a fotografía, a palabra ou a instalación para levar a cabo un traballo no que enfatiza o carácter múltiple e indefinido do concepto de muller.

En concreto, Lucía Romaní escolleu unha peza da serie Corpos mudos (2020-2021), sobre a cal comenta:

“Sempre me interesou o traballo enigmático de Rosa Neutro impregnado de sombras e misterio, de identidades múltiples e relatos inconclusos. Na serie Corpos mudos a artista dirixe o seu punto de mira cara as mans, centrándose no seu movemento, forma e posición. Unha mirada profunda que abre a porta ao xesto inconsciente a través dunha linguaxe non verbal, que se escapa do control convidando a desvelar aquilo que se atopa oculto, ao coidado do invisible, da propia existencia. Dalgún xeito, esas mans están a contarnos cousas (e nos delatan)”.