8 mulleres para o 8M é unha proposta que nace no ano 2021 como parte da conmemoración do día 8 de marzo, na que se lle pediu a oito profesores e profesoras da nosa facultade que recomendasen unha ou dúas obras dunha artista que lles interese.
Un ano máis, queremos seguir aumentando este arquivo desde o cal visibilizar non só o papel da muller na arte contemporánea senón tamén poñer de manifesto a capacidade de moitas artistas para facer fronte ao pensamento dominante e de incidir en cuestións relacionadas co xénero, o social e o político, moitas das cales aínda non foron totalmente resoltas.
Durante oito semanas subiremos á web e ás nosas RR.SS unha das artistas seleccionadas, incluindo unha breve explicación e indicando os motivos de cada docente para facer a súa escolla.
Comezamos hoxe con Mª Covadonga Barreiro, quen nos recomenda revisar a obra dunha das clásicas: Mona Hatoum (Beirut, 1952).
Mona Hatoum é unha artista libanesa nacida no ano 1952, recoñecida polas súas obras cargadas de contido político e marcadas pola afirmación da súa propia identidade, como muller palestina e artista.
Neste caso Mª Covadonga Barreiro destaca, especialmente no convulso e ameazante momento actual, a peza Continental Drift da que comenta:
“Trátase dunha obra das moitas nas que a artista utiliza o mapa como modelo, nun intento de representación do mundo. Trátase dun mapamundi horizontal, visto dende o Polo Norte, e realizado en plástico transparente, que ademáis contén limaduras de metal no espazo que ocupan os mares. Estas limaduras metálicas son desprazadas por unha barra imantada que se desliza por debaixo, e que ao seu paso xera “mareas” e altera os límites xeográficos. É un mapa con fronteiras inestábeis, movedizas e cambiantes que nos devolve unha imaxe do mundo á deriva, desfigurado polas forzas e xogos ocultos do poder”.