8 mulleres para o 8 M: Shirin Neshat

Shirin Neshat. Allegiance with Wakefulness,1994

Un ano máis, dende a Facultade de Belas Artes de Pontevedra conmemoramos o día 8 de marzo con: “8 Mulleres para o 8M”. Este proxecto, que comezou no 2021, continúa a crecer co obxectivo de mapear as diversas propostas que as mulleres artistas achegan á nosa comunidade.

Nesta edición, decidimos ampliar a nosa busca de inspiración pedindo a artistas exalumnas que compartan as súas recomendacións connosco. Queremos estender a pegada da nosa comunidade académica e construír unha narrativa colectiva que celebre a diversidade e a creatividade das mulleres artistas.

Cada obra recomendada é unha exploración tanto persoal como universal, desafiando estereotipos e expandindo a nosa apreciación da arte. Desde temas políticos e relixiosos ata cuestións de xénero e influencias culturais, a arte posúe a capacidade de presentar realidades moitas veces ignoradas ou silenciadas: abre as portas a pequenos descubrimentos e pode tornar extraordinario o que ata entón considerabamos trivial.

Comezamos esta nova edición falando da obra de Shirin Neshat (Irán, 1957), escollida pola artista e educadora Eva Monroy, da cal comenta:

“Shirin Neshat explora, a través do vídeo e a fotografía, as condicións da muller na cultura islámica. Desde un feminismo interseccional entrecruza as problemáticas do corpo, etnia, violencia e política cos dereitos humanos básicos. As súas series fotográficas dos anos 90 recobran hoxe en día unha lectura moi significativa”.

A obra que presentamos titúlase “Allegiance with Wakefulness” (1994) e forma parte da serie fotográfica “Women of Allah” (1993-1997). Cada imaxe contén símbolos asociados ás representacións occidentais do mundo musulmán: o veo, a arma, o texto e a mirada, suxerindo unha realidade complexa que busca subverter os modelos de representación e reflexionar sobre a identidade das mulleres iraníes.

Seguiremos actualizando este arquivo nos vindeiros meses. Tamén podes seguir as nosas redes sociais para estar ao día das actualizacións!