Andrea Costas e Eva Monroy reflexionan sobre a bibliografía escrita por mulleres nas bibliotecas

Eva Monroy e Andrea Costas reproducindo a acción "El peso del pensamiento"

O pasado xoves 14 de outubro, as artistas Andrea Costas e Eva Monroy realizaron unha intervención na  biblioteca da Facultade de Belas Artes para visibilizar o número de libros escritos por homes fronte aos escritos por mullers ou en co-autoría. O proxecto reproduce a acción El peso del pensamiento, que María Vidagañ e Amparo Alonso-Sanz idearon e realizaron durante o ano 2021 en varias bibliotecas universitarias da Comunidade Valenciana. Ambas coñeceron a iniciativa durante o último congreso Fugas e Interferencias e pareceulles moi interesante o modo no que explicitaba a desigualdade no ámbito do coñecemento.

Neste enlace podedes coñecer máis detalles sobre o proxecto orixinal, así coma un vídeo dunha das performances realizadas.

No caso de Andrea Costas e Eva Monroy, decidiron engadir un novo elemento á acción proposta, vendándose os ollos para que a elección fose o máis aleatoria posible, o que tamén engadiu un compoñente lúdico á acción.

Os resultados obtidos nesta ocasión foron:

Homes: 28 exemplares / 25,4kg de peso / 61 cm de altura
Mulleres: 8 exemplares / 8,40kg de peso / 16,5 cm de altura
Mixto: 15 exemplares / 15,95kg de peso / 35 cm de altura

Segundo as autoras “Chamounos a atención, ademais do obvio, o difícil que resultou dilucidar a autoría de certas publicacións grupais e catálogos, entre os que atopamos moitas co-autorías cun único membro feminino. Tamén nos resulta sorprendente que este tipo de análise de xénero non estea máis estendido e automatizado nas bases de datos das bibliotecas universitarias”.

Ademais, animan a outras persoas a seguir os seus pasos e participar no proxecto El peso del pensamiento: “Persoalmente resultounos estimulante levar a cabo este pequeno xesto reivindicativo e esperamos que moita máis xente o repita noutras bibliotecas”.