Unha exposición reúne os achegamentos á idea de retrato de doce estudantes de Belas Artes

A exposición pode visitarse ata o venres 10 de febreiro

Enmarcada no proxecto ‘O Abrigo’, que dá novos usos ao espazo da antiga cafetería

Doce achegamentos, desde diferentes perspectivas, á idea de retrato, realizados por alumnos e alumnas de Belas Artes exhíbense nestes días no espazo que anteriormente ocupaba a cafetaría da facultade. Despois de que as convocatorias abertas para a adxudicación deste servizo quedasen desertas, este espazo foi acondicionado para pór en marcha O Abrigo, un proxecto expositivo coordinado polo colectivo de estudantes Refugallo e dirixido a acoller unha serie de mostras colectivas de traballos do alumnado, articuladas en torno a un eixo temático. Esta iniciativa botou a andar, de feito, a finais de novembro, cunha exposición centrada no gravado e nestes días acolle unha mostra de retratos, na que se presentan as propostas de 12 estudantes.

Inaugurada a pasada semana, a exposición reúne as creacións de María Suárez, Víctor Chamorro, Carmen Sanmartín, Candela Eirea, Nico Pi, Andrea Agulla, Xulia Arias, Paloma Musso, Maruxa Alonso, Cristina Souto, Ainoa Simons e Santi Almeida, e poderá visitarse ata este venres 10. Como explican desde Refugallo, a base deste proxecto é que O Abrigo sexa un espazo “aberto a todo o alumnado de Belas Artes”, de tal xeito que as mostras que nel se organicen acollan, dentro das limitacións de espazo, todas as obras presentadas. Neste caso, a proposta lanzada desde este colectivo era a de achegarse á idea de retrato, fosen estes «alegóricos, simbólicos ou autorretratos», o que permitiu reunir obras que destacan pola súa “calidade técnica”, como resalta a integrante de Refugallo, Blanca Castro, mais tamén pezas que se achegan ao eixo temático desde diferentes perspectivas, como “a proposta de instalación de Maruxa Alonso, que anima a usar outro tipo de técnicas e linguaxes para falar de pintura” ou o “moi persoal retrato do seu propio mundo” que presenta Paloma Musso.

Un espazo aberto ás propostas do alumnado

Impulsado por Daniel Calvar, Candela Eirea, Paloma Domínguez, Blanca Castro e Xoana Abraira, Refugallo naceu hai dous cursos coa idea de contribuír a dinamizar a facultade nun contexto marcado pola pandemia. Desde entón, este grupo de estudantes promoveu diferentes iniciativas, como a exposición que o pasado mes de setembro reuniu as obras de 16 estudantes no auditorio municipal de Cangas, ou o proxecto expositivo A Esquina, que desenvolveron no segundo cuadrimestre do pasado curso e no que cada semana promovían unha pequena exposición nun corredor da facultade. “Digamos que O Abrigo é a evolución daquel proxecto inicial”, sinala Castro dunha iniciativa que botou a andar a finais de novembro coa mostra O gravado e as súas posibilidades, na que se reunían as creacións de 16 estudantes.

Nese senso, ante a imposibilidade de pór en marcha no presente curso o servizo da cafetaría, desde o Decanato acometeuse un acondicionamento deste espazo coa idea de destinalo temporalmente a esta iniciativa, o que permite a Refugallo promover “exposicións máis grandes, máis duradeiras e con temáticas mellor formalizadas”, como recoñece Castro. “Pareceunos moi interesante que o alumnado puidera facer unha programación continuada de exposicións”, salienta nese mesmo senso a secretaria académica da facultade, Chelo Matesanz, que destaca que O Abrigo é un espazo “no que poden colaborar e participar todos os alumnos que o soliciten”.

De feito, como explica Castro, a base deste proxecto expositivo é “non facer ningún tipo de selección”, de tal xeito que, a partir da temática proposta, “exporanse todas as obras presentadas, dentro das posibilidades de espazo da sala”. Do mesmo xeito, as convocatorias para as diferentes exposicións non estarán limitadas só a estudantes de Belas Artes, de tal xeito “que tanto docentes, como titulados e mesmo persoas alleas que se queiran animar, poden participar”, á vez que están abertas tamén a múltiples tipos de obras, xa que “estamos nun contexto de estudo e investigación”, lembran.

Nese senso, O Abrigo concíbese como «un espazo aberto ás propostas que faga alumnado» no que, ademais de exposicións, poidan tamén organizarse talleres, coloquios e outra serie de eventos artísticos. De feito, Refugallo ten previsto promover tamén talleres e “quedadas de traballo libre” neste espazo, que o vindeiro xoves 14 acollerá ademais un mercado de San Valentín organizado pola Delegación de Estudantes.