A través de diferentes disciplinas, a mostra propón unha reflexión sobre a muller e a feminidade
Un percorrido polos últimos dez anos de traballo da profesora da Facultade de Belas Artes Chelo Matesanz, a través de medio cento de obras que articulan unha reflexión sobre a muller e a feminidade. Isto é o que propón Incredigirls, a exposición que a artista e docente protagoniza ata este domingo no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco) e na que se reúnen pezas escultóricas, pinturas, debuxos, colaxes ou traballos audiovisuais, conformando a mostra individual máis ampla dedicada á docente do Departamento de Pintura desde a retrospectiva que o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) lle dedicou en 2014.
Comisariada por Ángel Cerviño, a exposición promovida polo Concello da Coruña toma o seu título dunha personaxe dunha película de animación, máis en concreto, dunha “superheroína que posúe unha elasticidade sobrehumana”, como sinala Matesanz. Fronte a esa elasticidade, a mostra propón unha reflexión sobre “diversos modelos de conduta que se nos transmiten a través dos relatos que nos van educando desde a infancia”, sinala a artista, que incide en como personaxes de ficción, como princesas ou fadas, “estereotipan as calidades que deben acompañar ás persoas, ás mulleres en concreto”. Como salientou o Concello, Incredigirls pon o foco nese senso en “dúas áreas temáticas moi presentes na traxectoria de Matesanz”, eses “roles e modelos patriarcais e, por outra banda, a pulsión sexual”.
A arte como “elemento transformador”
A través da combinación de traballos de diversas disciplinas, entre as que destaca tamén o traballo coas artes téxtiles e coa cerámica, a mostra mestura “reflexións sociolóxicas, persoais e políticas”, como sinalaron desde o Concello. “Son unha muller e vexo todo como unha muller. É lóxico que todo isto estea implicitamente na miña obra, pero non como un propósito”, sostén Matesanz, que incide en que o punto de partida do seu labor creador son as cuestións “máis próximas”, aquelas “coas que empatizas” e sobre as que “sentes a necesidade de falar”. De aí que incida no seu traballo como “un reflexo do que es”, xa que, sinala, “podo falar do que vivín, do que me rodea ou atravesa ou sobre os temas que me fan reflexionar”. Neste punto, Matesanz destaca a capacidade da arte como un elemento “absolutamente transformador, tanto a nivel persoal como social”, xa que constitúe, sostén, “da experiencia máis sincera que podemos ter de nós mesmos”.
Conformada por pezas realizadas ao longo da última década, varias delas nunca expostas previamente, Incredigirls permite nese senso explorar no traballo máis recente desta artista e docente, que recoñece que o punto de partida dun conxunto de obras que buscan “establecer un diálogo co espectador” é a súa propia “curiosidade”, da que forman parte tamén “as diferentes disciplinas ou as formas nas que podo expresarme a través delas”. A primeira exposición individual na Coruña de Matesanz completarase coa edición dun catálogo con textos de Cerviño, da escritora e xestora cultural Marta Mantecón, do crítico Luis Francisco Pérez e da propia artista e docente.