Pode verse no espazo O Abrigo, da Facultade de Belas Artes, ata o 20 de xullo.
Dentro das actividades do festival de banda deseñada BDra Gráfica
Desde este xoves desenvólvese en Pontevedra a segunda edición do festival de banda deseñada BDra Gráfica, no que se insiren diferentes actividades e exposicións en varios puntos da cidade. Un deles é a Facultade de Belas Artes, que acolle no espazo O Abrigo a exposición 45 anos de cómic para supervivintes. Esta mostra propón un percorrido polos 45 anos de historia da editorial La Cúpula, reunindo 45 portadas dos seus cómics máis emblemáticos.
A exposición poderá visitarse ata o 20 de xullo e contará mañá venres, ás 18.00 horas, cunha visita guiada a cargo do editor de La Cúpula, Emilio Bernárdez. Como explica o director de BDra Gráfica, Kiko da Silva, nesta actividade “contaranos anécdotas sobre as portadas dos cómics que marcaron estes 45 anos da editorial, desde os seus comezos coa revista El Víbora”, título co que iniciou a súa andaina en 1979 unha empresa que centrou a súa traxectoria na novela gráfica e na banda deseñada para público adulto.
Promovida polo Concello, coa colaboración da facultade, esta mostra súmase á súa vez á programación de O Abrigo, un espazo para o desenvolvemento de exposicións, obradoiros ou proxectos que esta semana acollía tamén un taller de danza contemporánea, a cargo do colectivo Cabalum. Trátase da sala que antigamente albergaba a cafetaría da facultade, reconvertida, despois de que os concursos para a licitación deste servizo quedasen desertos, nun espazo para “proxectos diversos”, como apunta o vicedecano de Cultura, Ignacio Pérez-Jofre. Nese senso, ao longo do curso tiveron lugar nesta sala exposicións promovidas polo alumnado, talleres ou actuacións musicais, converténdose nun “complemento fantástico” á programación da Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes.