Unha exposición en Cangas dá conta do talento artístico do alumnado

A exposición pode visitarse ata o 23 de setembro

‘Unha fiestra aberta’ pode visitarse no auditorio ata o 23 de setembro

Dar a coñecer as creacións do alumnado de Belas Artes é o propósito central de Unha fiestra aberta, a exposición que ata o 23 de setembro reúne en Cangas as obras de 16 estudantes e titulados e tituladas e que foi impulsada á súa vez pola agrupación Refugallo, integrada por estudantes da facultade. “A temática da exposición é a xente de Belas Artes”, salienta Daniel Calvar, alumno da facultade e un dos promotores da mostra que pode visitarse no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos, xunto con Candela Eirea, Paloma Domínguez e Blanca Castro. Impulsores, xunto coa tamén alumna da facultade Xoana Abraira do colectivo Refugallo, este grupo de estudantes busca con esta iniciativa contribuír a “dar visibilidade ao que se está facendo na facultade”, como sinala Calvar.

Esa idea de achegar á cidadanía as creacións do alumnado motiva precisamente o título da mostra, Unha fiestra aberta, na que se agrupan creacións “de diferentes estilos e temáticas” e que se caracteriza así mesmo pola presenza de múltiples disciplinas, desde a pintura e o debuxo ao vídeo ou a fotografía. Como explica Calvar, nesa idea de promover “unha exposición que falase da facultade”, desde Refugallo buscaron que estivesen representados os diferentes ámbitos de traballo do alumnado que se forma no centro, convidando “unha grande diversidade de artistas”, na súa meirande parte, estudantes dos últimos cursos do grao ou recentemente titulados.

Un paso máis na idea de visualizar o traballo do alumnado

Coa idea de axudar “a dinamizar dalgún xeito a facultade”, nun contexto de pandemia, este grupo de estudantes impulsou hai dous cursos a agrupación Refugallo, que no seu primeiro ano de andaina organizou “unha pequena exposición de fotografía performática” no Galpón Lab, en Pontevedra. Xa o curso pasado, desenvolveron unha actividade no Salón do Libro Infantil e Xuvenil e contaron no interior da facultade cun “pequeno espazo”, ao que deron o nome de A esquina “e onde fixemos unha exposición semanal durante o segundo cuadrimestre”, ao longo do que exhibiron as creacións de preto dunha vintena de alumnas e alumnos. Previamente, as e o integrante de Refugallo xa fixeran en Cangas, na capela do hopsital, unha mostra “de obras propias do colectivo”, experiencia que lles axudou agora a pór en marcha “unha exposición un pouco máis grande, na que o alumnado tivese incluso a posibilidade da venda de obras”, como a que nestas semanas pode verse no auditorio deste municipio.