Traballos fotográficos, pinturas, obras de carácter téxtil, esculturas ou debuxos dixitais, que abordan temáticas moi diversas, pero que á súa vez teñen un elemento en común, ser todas elas obras realizadas por estudantes do último curso do Grao en Belas Artes. Esta idea é o eixo central da exposición O último fume, que ata este venres 2 de febreiro pode visitarse no Bizarro, a cafetaría do Club Náutico de Pontevedra, e que foi impulsada polos tamén estudantes de último curso Álvaro Barbeito e José Adrián Méndez como traballo para a materia Xestión, ámbito artístico e mundo profesional.
Como explican estes dous alumnos, que ao abeiro desta iniciativa impulsaron o colectivo Borralleira, o título desta exposición fai referencia ao propio momento que atravesan os dez participantes na mostra, que nos próximos meses rematarán a súa etapa formativa e comezarán a súa “vida profesional no ámbito artístico, tendo en moitos casos que soportar prexuízos sobre a idea de que os artistas son vendedores de fume”. Fronte a isto, os impulsores desta exposición buscan pór de relevo que as e os artistas “son creadores capaces de plasmar as súas ideas máis complexas e espontáneas de forma material nos seus traballos e obras”. Nese senso, este proxecto expositivo naceu coa idea de “xuntar estes alumnos e crear un ambiente onde poidan mostrar as obras do seu último ano de carreira” e facelo ademais reunindo traballos de diferentes disciplinas co propósito, engaden, “de mostrar que ser artista é moito máis que realizar esculturas e pinturas”.
Martín Núñez, Sergio Middle, José Paniagua, Andrea Chas, Noa Blanco, Vaeli, Mariam Vecino, Álvaro Barbeito, Nerea Gundín e Maruxa Alonso son nese senso os protagonistas de O último fume, exposición inaugurada o pasado xoves 26 cun concerto do grupo Martes Mal e que poderá visitarse ata este venres de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas.