Inserido na programación de extensión universitaria da Vicerreitoría
“A cerámica é un material natural que ofrece múltiples posibilidades a nivel formal e pictórico, co que se pode abarcar o deseño, a arquitectura, a escultura, a tecnoloxía…”, salienta a profesora de Belas Artes Chelo Matesanz, directora do obradoiro que nestas semanas busca iniciar o alumnado participante nas diferentes técnicas pictóricas que poden aplicarse sobre este material. “Inténtase mostrar as posibilidades pictóricas que este material nos ofrece”, explica esta artista e docente respecto deste taller de 32 horas, inserido na programación do obradoiros de extensión universitaria, abertos a toda a cidadanía, da Vicerreitoría do campus.
Xunto a Matesanz, este obradoiro ten como docentes á egresada da facultade e técnica de escultura Teresa Pece e á ceramista Elena Guimeráns, profesora desde hai máis de 25 anos na Escola Municipal de Cerámica de Nigrán e directora do taller Tinglao en Vigo. Coas súas 16 prazas cubertas, este obradoiro dá continuidade a outros cursos e talleres centrados no traballo coa cerámica que as súas docentes impartiron en Belas Artes o pasado curso e que cubriron igualmente todas as súas prazas. “É moi gratificante ver o grande interese que hai por coñecer as posibilidades plásticas desta disciplina artística”, salienta Matesanz da aceptación recibida por un taller que reúne «tanto alumnado de Belas Artes como doutros ámbitos” e para o que non eran precisos coñecementos previos na materia.
A diferencia de obradoiros previos, o taller que entre outubro e decembro se desenvolve nas tardes dos venres en Belas Artes constitúe un “monográfico” sobre as técnicas pictóricas en cerámica. Nese senso, partindo de que «a cerámica é unha disciplina moi complexa que debemos ir descubrindo pouco a pouco», o obradoiro busca afondar nas posibilidades plásticas do traballo «cos distntos estados da materia», como o barro húmido e seco, a aplicación de texturas, a estampación, a mestura de barros,»a aplicación de cores con engobes” ou a ilustración con pigmentos e óxidos. Deste xeito, o seu obxectivo final, como lembran as súas responsables, é que os alumnos e alumnas “entendan as posibilidades pictóricas da cerámica”. Ao mesmo tempo, o taller implica tamén o traballo “con distintos tipo de arxila, para ver en cada caso as súas posibilidades e resultados expresivos”, o que implicou o traballo con arxilas vermellas ou amarelas e, principalmente, “con barro branco para resaltar as cores que imos aplicar posteriormente”.