Inaugurado na Vicerreitoría do campus de Pontevedra, continúa sábado e domingo no CGAC
Construír unha “base teórica que nos axude a entender a complexa disciplina da performance”. Con esa idea, explica o profesor da Facultade de Belas Artes Carlos Tejo, naceu en 2016 o congreso internacional Fugas e Interferencias, o único foro académico centrado no estudo da arte de acción que se desenvolve en España, que este venres inauguraba a súa sétima edición na Vicerreitoría do campus de Pontevedra. Entre esta xornada e o domingo, unha vintena de investigadores e investigadoras de cinco países participan nun congreso que combina a presentación de preto dunha vintena de comunicacións, con conferencias plenarias e o desenvolvemento de performances como a que levou a cabo o grupo Ennui, integrado por estudantes da Facultade de Belas Artes, a carón das ruínas de Santo Domingo.
Organizado polo grupo de investigación PE4 Imaxe e Contextos, coa colaboración da Vicerreitoría do campus e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), esta VII International Performance Art Conference abriuse coa presentación do libro de actas da anterior edición e a primeira das súas seis mesas de comunicacións. Dirixido por Tejo e a investigadora e comisaria Marta Pol, o congreso agrupa diferentes eixos temáticos, como son “o comisariado da arte de acción, as súas interseccións a nivel disciplinar con outras técnicas, a reflexión crítica, a acción e a política…”, explicou Tejo no acto inaugural. “Parecíanos interesante poder diferenciar áreas de interese, porque se algo ten a práctica da performance é a súa indefinición e cando te enfrontas á súa investigación é moi complicado asumir ese reto”, salientou o codirector do congreso.
Coa participación de investigadores e investigadoras dunha decena de universidades españolas, así como de México, Francia, Portugal e Reino Unido, Fugas e Interferencias constitúe un “punto de encontro para a transmisión do coñecemento e evolución desta disciplina”, á vez que busca “ser un elemento pedagóxico e de activismo cultural, abordando elementos políticos e de xénero”, como salientou o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, no seu acto inaugural. Tras este, Pol encargouse de presentar a publicación que reúne as comunicacións e conferencias da edición de 2021 e que contribúen, como sinalou, “ao corpo teórico e de pensamento que imos acumulando e construíndo”.
Teoría e práctica para dignificar a arte de acción
A pesar de que “a performance no estado español ten unha traxectoria bastante irregular”, como apuntou Tejo, no momento actual “empeza a ser unha disciplina artística máis popular, cun pouco máis de visibilidade nos centros de arte”. Mais isto levouno tamén a incidir en que se trata dunha disciplina “que sempre correu o risco de trivializarse”, xa que “é unha práctica que en moitas ocasións se presenta como un acto festivo, o que creo que non é o camiño”. De aí que, alén de contribuír a xerar ese corpo teórico, outro dos obxectivos de Fugas e Interferencias sexa “dignificar a propia práctica da performance”, subliñou Tejo.
Con esa idea, o congreso combina a presentación de investigacións con “pequenas mostras de performance”, como a que nesta xornada levaron a cabo os estudantes e egresados da Facultade de Belas Artes que integran o grupo Ennui. Blanca Castro, Daniel Calvar, Xoel López, Marina Aradas, Andrea Mosquera e Antón Iglesias desenvolveron, xunto ás ruínas de Santo Domingo, unha acción que tiña como elemento central unha corda, na que foron anoándose progresivamente ata rematar completamente atados. A corda, explican, constituía nese senso un “símbolo das relacións persoais e de como estas podían dar lugar a un momento de atadura ou de parálise completa”.
Xa pola tarde, o congreso trasládase o CGAC, onde terá lugar a performance (el)ARTE es ARTE da catedrática da Facultade de Belas Artes Yolanda Herranz e unha conferencia da crítica e comisaria Pilar Parcerisas, centrada no artista alemán Joseph Bueys. Na xornada do sábado, contará coa participación como conferenciante do produtor cultural e historiador da arte Óscar Abril Ascaso e continuarán desenvolvéndose ata o domingo as mesas de presentación de traballos, que afondan en cuestións como a historiografía da arte de acción, as súas posibilidades como elemento pedagóxico, as súas interrelacións coas artes escénicas experimentais ou o seu uso no activismo cultural, político e de xénero.
De América central ao «movemento mínimo»
As posibles interaccións entre a arte de acción e o contexto político era o título da mesa na mañá deste venres abriu tres días de reflexións en torno a performance. Da man do investigador da Universidad Autónoma de México Pancho López, a mesa arrancou cun achegamento aos «invisibilizados» movementos centrados na arte de acción en América central, resultado da investigación que levou a cabo en sete países e que deu como resultado a primeira publicación que afonda no traballo «máis de cen artistas da rexión», Centroamérica en acción, un libro editado polo Museo de Arte e Deseño Contemporáneo de Costa Rica.
Investigadora da Universidad de Castilla-La Mancha, Irene Mahugo presentou a continuación o seu estudo do que define como “revolución horizontal”, o uso do movemento corporal, a través “dun xesto mínimo”, para levar á acción e ao “espazo escénico” a falta de movemento dun “corpo que apenas pode moverse porque está padecendo dor ou por algún tipo de enfermidade”. A mesa completouse coa intervención que Eléonore Ozanne, da Universidade do País Vasco (UPV-EHU) centrou na súa liña de investigación en torno “a unha temática que aquí en Galicia se traballa moito, que é o camiñar como práctica artística”. Partindo do seu propio traballo, a investigadora detectou a ausencia de “referentes mulleres” neste ámbito, o que levouna a indagar respecto de se isto pode deberse “á que a historia da arte non evidencia que hai mulleres” traballando neste eido ou se ben “é que as nosas rúas non permiten” que as artistas poidan desenvolver este tipo de accións.