Convertido nun dos sinais de identidade de monumentos como a Alhambra de Granada ou os riads de Marrocos, o zellige, os mosaicos xeométricos de azulexo característicos da arquitectura andalusí seguen a ser, a día de hoxe, influencia e fonte de inspiración para artistas, arquitectos e deseñadores. A pegada que esta técnica deixou en artistas como Soledad Sevilla, Frank Stella ou Sean Scully e en arquitectos como Antoni Gaudí foi analizada por Asselman nunha tese que afonda nas orixes e evolución desta técnica, así como na súa influencia na arte e arquitectura contemporánea. Deste xeito, a investigación achega un novidoso enfoque á análise do zellige, que previamente só fora estudado, explica, “a nivel técnico e patrimonial”.
Dirixida polo profesor da Facultade de Belas Artes Juan Carlos Meana, a tese Zellige y creación contemporánea en Marruecos y España: El Zellige (Alicatado) como soporte identitario en el arte y el diseño ten como obxectivo “demostrar a grande influencia dos mosaicos xeométricos propios do zellige nas obras de artistas, arquitectos e deseñadores internacionais”. Máis concretamente, a tese, desenvolvida no Programa de Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea, pon o foco nos casos de España e Marrocos, onde “segue sendo un elemento identitario da cultura andalusí”. De orixe marroquí e nacido en Francia, Asselman completou a análise sobre a percepción actual do zellige co desenvolvemento dunha “linguaxe propia” baseada na xeometría destes mosaicos, que deu lugar a unha serie de obras que este artista multidisciplinar presentou en diferentes exposicións colectivas en España, Marrocos e Alemaña.