‘Os Sobrantes’ de Rosalía Banet presenta instalacións pictóricas creadas con restos de producións previas
A sostibilidade e unha reflexión sobre a identidade e fraxilidade do ser humano combínanse na primeira exposición do presente curso na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes, Os Sobrantes, da egresada da Facultade de Belas Artes Rosalía Banet. Coa escritora e crítica de arte María Marco como comisaria, esta exposición ten como punto de partido o traballo de Banet con pezas de papel sobrantes de proxectos previos. Con elas, a artista constrúe un conxunto de corpos fragmentados, cos que dá forma a unha serie de instalacións pictóricas de grandes dimensións, nas que propón unha reflexión sobre a vulnerabilidade do ser humano e a súa relación coa súa contorna.
“Na exposición, a idea inicial era falar do corpo e da súa relación co territorio que habitamos”, sinala Banet. Como exemplo, a artista alude á peza central da mostra, unha instalación na busca simular con ese conxunto de corpos fragmentados “unha paisaxe, unha montaña formada por restos humanos”, que lle permita “mostrar esa fraxilidade por medio a fragmentación” e reflexionar sobre “unha sociedade e un ser humano traumatizados por un sistema que o separa da súa orixe, que é a natureza”. Nesa mesma liña, desde a Sala Profesor Manuel Moldes destacan como neste proxecto, Banet “fragmenta e descompón os corpos para mostrar a vulnerabilidade e as diferencias entre os mesmos, creando unha bela gramática da diversidade e da inclusión”.
Unha artista que retorna ao centro onde se formou
Alumna da segunda promoción da Facultade de Belas Artes, onde realizou tamén a súa tese de doutoramento, Banet é “unha artista cunha importante traxectoria tanto a nivel nacional como internacional”, sinalan desde a sala, e o seu traballo foi recoñecido con premios, residencias e bolsas como as da Real Academia de España en Roma, a Casa de Velázquez da Academia de Francia en Madrid ou o Helsinki International Artist Programme. Nos últimos anos, o seu traballo está marcado pola busca dunha práctica artística sostible, o que levou a que este proxecto tivese como punto de partida eses “sobrantes” de traballos previos, que lles permiten, explica, tanto “realizar pezas de gran formato, que convertesen o espazo nun gran lenzo”, como xerar proxectos expositivos sostibles, tanto polo material empregado como pola facilitade para transportalo. Os Sobrantes é nese senso o primeiro resultado dese traballo con excedentes de producións previas e a exposición, que se inaugura este mércores ás 20.00 horas, poderá visitarse ata o 15 de novembro.
Antes da súa apertura, Banet, Marco e o coordinador da Sala Manuel Moldes, Ignacio Pérez-Jofre, protagonizaron esta mañá un coloquio dirixido a achegar o alumnado da facultade ao proceso de desenvolvemento e montaxe desta exposición.