Sete olladas ao mar, reunidas nunha exposición

'Un mar de sensaciones' reúne obras de estudantes de Belas Artes

A través dunha serie de pezas, que van máis aló da paisaxe para reflectir “sentimentos e sensacións”, sete artistas emerxentes desenvolven o seu “concepto de mar, un mar libre e subxectivo que busca romper cos convencionalismos”. Deste xeito presentan os estudantes da Facultade de Belas Artes Fabiola Quintela e Héctor Pousa Un mar de sensaciones, a exposición que ao longo deste mes de xaneiro pode visitarse no estudio A Balea, de Moaña, e que comisarían como traballo para a materia Xestión, ámbito artístico e mundo profesional. Foi a propia importancia que ten o mar para esta localidade a que serviu como punto de partida para unha mostra que definen como “unha homenaxe aos nosos océanos” e na que reúnen as pinturas, gravados e pezas cerámicas de sete artistas, boa parte delas estudantes da facultade.

Ese é o caso de María R. Hervás, que presenta un lenzo que “polos seus trazos e vivas cores”, recorda desde a abstración “un fondo de corais mariños”, como salientan os comisarios dunha mostra na que a tamén estudante da facultade Jimena Rodríguez presenta unha impresión dixital que lembra a “calidade reflectante do mar” polas súas “texturas acuosas” e gama cromática. Combinando pintura e téxtil, a obra de Isis Huerga, “unha reflexión visual sobre recordos, persoas e lugares que xa non existen”, achega a mostra ás conexións dos o océanos coa da travesía, mentres que Lucía Riveiro percorre os lugares que habitaron os seus familiares a través dunha serie de gravados de paisaxes marítimas. A tamén comisaria da exposición Fabiola Quintela suma á exposición outro gravado, o dunha “paisaxe descoñecida que convídanos a mirar máis aló do evidente”, mentres que Lara Brañas conecta nos seus cadros auga e emocións e Paula Gil exhibe un conxunto de pezas cerámicas con motivos propios dos fondos mariños.

Un mar de sensaciones pode visitarse os luns de 19.00 a 21.00 horas; os martes de 10.00 a 12.00 e de 19.00 a 21.00 horas e os mércores de 18.30 a 21.00 horas. Así mesmo, este sábado 18 permanecerá aberta de 10.00 a 13.00 e de 17.00 a 20.00 horas, mentres que o sábado 25 poderá visitarse de 16.00 a 20.00 horas.