Reto RRSS con motivo do 25N

#performandocontraasviolencias

Con motivo da conmemoración este venres 25 do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, desde a Facultade de Belas Artes impulsamos nesta semana un “reto” en redes sociais dirixido a crear un novo mapa das violencias. Con ese obxectivo, convidamos a escribir nun post-it situacións violentas ou machistas, para logo construír unha instalación performática entre todas, pegando estas notas adhesivas tanto na propia facultade como na rúa e subindo fotografías destas á rede social Instagram coa etiqueta @facultadedebelasartes.

Como explica a secretaria académica da facultade, Chelo Matesanz, trátase dunha iniciativa proposta pola responsable das redes sociais da facultade, a xestora cultural Sara Donoso, que ten como obxectivo facernos pensar en frases que están incrustadas na nosa forma de comunicarnos, que usamos sen darnos conta e que moitas veces teñen connotacións e significados implícitos de violencia. Nese senso, este reto en redes sociais busca reunir tanto denuncias de situacións machistas ou violentas, como exemplos de respecto e bo trato. “Pensar a frase é pensar en todos os seus significados”, engade nese senso Matesanz. Desde a facultade propoñemos ás persoas participantes que coloquen estas frases tanto nas aulas e corredores da facultade, como na rúa ou nas súas propias casas, para así crear un novo mapa das violencias a través das redes sociais.

Anímaste a participar?