Xa está dispoñible o novo catálogo de entrevistas da serie «En tránsito», neste caso trátase do libro «Performance: unha arte intermitente».
Desde hai uns anos, iniciamos desde a Facultade de Belas Artes de Pontevedra un proxecto de entrevistas a ex-alumnado da facultade co obxectivo de coñecer os seus proxectos, procesos, traballos, inquedanzas e incertezas. Desde entón, estamos a xerar un amplo arquivo de entrevistas a artistas, profesionais do deseño, da xestión cultural ou da educación, que nos permite seguirlles a pista a todas as persoas que nalgún momento pasaron polas nosas aulas e se empaparon de conceptos e de aptitudes que talvez continúen atesourando na súa memoria.
Nesta ocasión, quixemos mergullarnos na arte de acción para activar unha serie de reflexións en torno ao corpo, as prácticas performáticas, o son ou a dramaturxia, da man dunha selección de artistas escollidos polo profesor Carlos Tejo Veloso, quen firma o texto Unha arte intermitente.
As entrevistas foron realizadas pola tamén ex-alumna e xestora cultural Sara Donoso, en colaboración con Carmen García Infante, quen falou con Gena Bahamonde, Félix Fernández, Ana Gesto, Amaya González Reyes, María Marticorena e Berio Molina, entre 2021 e 2022.
Todas as entrevistas están dispoñibles na web e poden consultarse aquí
Libro realizado en risografía por Error es bien, deseñado por Andrea Núñez Pidre coa colaboración de Marcos Covelo.
Podes descargar o libro en Pdf aquí: Performance, unha arte intermitente