Unha marabilla presentarvos «Desbordamentos», a primeira publicación da serie «En tránsito», onde recolleremos entrevistas a diferentes exalumnos e exalumnas artistas da facultade.
A serie «En tránsito». Unha ollada ao noso contexto artístico despois da facultade
Desde hai uns anos, iniciamos desde a Facultade de Belas Artes de Pontevedra un proxecto de entrevistas a exalumnado da facultade co obxectivo de coñecer os seus proxectos, procesos, traballos, inquietudes e incertezas. Desde entón, estamos a xerar un amplo arquivo de entrevistas artistas, profesionais do deseño, da xestión cultural ou da educación que nos permite seguirlle a pista a todas as persoas que nalgún momento pasaron polas nosas aulas empapándose de conceptos e aptitudes que talvez continúen atesourando na súa memoria. Todas estas entrevistas están dispoñibles na web e poden consultarse aquí.
Cada publicación desta serie achegarannos a un total de 6 artistas e/ou xestores culturais que pasaron polas nosas aulas, seleccionados por un profesor ou profesora da facultade que escribirá un texto introductorio establecendo unha serie de diálogos entre os diferentes perfís. As entrevistas son realizadas pola tamén exalumna e comisaria Sara Donoso, quen participa na selección de nomes para cada publicación.
A publicación «Desbordamentos»
«Desbordamentos» é a primeira publicación da serie. Nesta ocasión, contamos con entrevistas a Julia Huete, David Fidalgo Omil, Mar Ramón Soriano, Joseba Murazábal, Alba Fandiño e Óscar Raña realizadas entre os anos 2018 e 2020. Sen ánimo de tecer un fío condutor senón máis ben coa intención de indagar nos seus tránsitos e inquietudes, o profesor Juan Carlos Román debuxa no seu texto «Bordeando a arte» algunhas das claves para aproximarnos á obra destas artistas.
Podes descargar o libro en Pdf aquí: Desbordamentos. Da serie En Tránsito