Abertos ao conxunto da cidadanía, desde esta semana é posible inscribirse, a través da plataforma Campus Activo, en cinco cursos de extensión universitaria que permitirán, tanto ao alumnado como a calquera persoa interesada, continuar formándose durante o verán. Con opcións tanto presenciais como virtuais, o campus acollerá entre os meses de xuño e setembro cinco cursos de entre 30 e 44 horas, que suman no seu conxunto máis de 180 prazas. Nesta programación insírense dúas propostas na Facultade de Belas Artes, centradas na performance e no traballo co torno cerámico.
Cerámica e arte de acción
Dúas das novidades desta programación de cursos de verán arrancarán neste mes de xuño na Facultade de Belas Artes. A primeira delas, o taller O torno cerámico como ferramenta terá lugar entre os días 16 e 30 e está dirixido a iniciar ao alumnado tanto no manexo desta ferramenta como noutras técnicas de construción con arxila. Dirixido pola profesora da facultade Chelo Matesanz, o curso contará coa participación como docentes das ceramistas Emilia Guimeráns e Teresa Pece e ten como obxectivo guiar aos e ás participantes na realización dun proxecto persoal en cerámica, así como explorar as posibilidades plásticas e escultóricas deste material e das súas formas, texturas, acabados e procesos de coloración.
Tamén en Belas Artes, do 27 de xuño ao 1 de xullo desenvolverase a primeira edición de Performance e actos poéticos, un curso dirixido a “descubrir e potenciar a personalidade creativa” das e os participantes, a través da comprensión da performance “como proceso de autocoñecemento e encontro”, segundo explican os seus promotores. Dirixido polo profesor Carlos Tejo, que o imparte xunto co actor e performer Alfonso Rivera, trátase dun curso de carácter principalmente práctico, no que as e os participantes levarán a cabo diferentes experiencias dirixidas a potenciar a súa “peronalidade artística”, a través de ferramentas procedentes da expresión corporal, o teatro físico, os actos poéticos ou o body-painting.