A artista e alumna de Belas Artes Rocío Campoy Lage acadou con Berros o segundo premio na modalidade de fotografía do Xuventude Crea e a súa obra participará en futuras exposicións.
“Reflectir certos síntomas físicos que sofre unha persoa con trastorno de ansiedade social ao exporse a interaccións sociais”. Isto é o que a estudante da Facultade de Belas Artes Rocío Campoy buscaba conseguir con Berros, a obra pola que foi recoñecida cun segundo premio na modalidade de fotografía do Xuventude Crea, uns galardóns impulsados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Gailcia. Alumna do Grao en Belas Artes, Campoy Lage recibía o pasado sábado o seu galardón no acto que o Goberno galego promoveu en Santiago, tras o que destaca a “ilusión” que lle supuxo obter este galardón, dotado con 1500 euros, na “primeira vez que me presento a un certame de arte”, así como os ánimos que lle achega para concorrer a futuros premios.
Nacida como unha performance, Berros trata de reflectir eses “síntomas físicos” que enfrontan as persoas con ansiedade social e que a artista e estudante materializou en pintura sobre o propio rostro. “Elixín as ganas de chorar e pintei a miña cara simulando bágoas. Tamén selei a miña boca, dado que por moito que se queira falar, as palabras non saen”, relata Campoy dun proxecto no que buscou tamén presentar a presión e os “os nós na gorxa” que poden padecer as persoas con ansiedade, “a través dun estrangulamento de pintura”. Trátase dunha serie de accións, engade, que a propia artista se infrinxiu a si mesma, “xa que estes síntomas son á súa vez provocados pola propia mente do individuo”. Por último, Campoy plasmou esta acción nunha serie fotográfica en branco e negro, coa idea de achegar dramatismo ás imaxes, pondo así de relevo que “son precisamente a angustia e a impotencia as protagonistas destas situacións”.
O premio engadido de dar a coñecer o traballo
O pasado mes de novembro, Berros formou parte, na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela, da exposición que reunía as obras finalistas nas categorías de fotografía e artes plásticas destes galardóns, algo para que Campoy supuxo “máis ilusión que o premio en si mesmo”, dado que facía posible “compartir a obra con outras persoas”. De feito, tras a entrega este sábado dos premios nas 14 categorías dun certame aberto á participación de mozos e mozas de entre 16 e 30 anos, esta serie fotográfica formará parte nos próximos meses de novas exposicións impulsadas pola administración autonómica. Así mesmo, na gala de entrega, o presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, anunciou a creación dun museo dixital onde poderán contemplarse tamén as obras galardoadas.
Por outra banda, no acto deste sábado tamén recibiu o seu galardón a titulada de Esdemga Beatriz Chan, que acadou o terceiro premio na categoría de moda pola súa colección Storm Boy, nacida como proxecto fin de estudos da titulación que se imparte na Facultade de Belas Artes.