Coa participación de investigadores da Stuttgart Media University e da Autónoma de Barcelona
O estudo do anime, a animación xaponesa, como un medio cunhas características formais e uns sinais de identidade propios centrou este venres unha nova edición dos Encontros de Interacción Gráfica que promove o grupo de investigación dx5 (digital & graphic art research), da Facultade de Belas Artes. Coa participación de investigadores e investigadoras da Stuttgart Media University e da Universitat Autònoma de Barcelona, este encontro tivo como punto de partida a presentación do libro Estudios de Anime: Aproximaciones a Neon Genesis Evangelion desde una perspectiva de medios, un volume coordinado por este grupo de investigación no que especialistas de sete países utilizan esta serie como caso de estudo para presentar diferentes aproximacións ao estudo do anime como medio.
Unha análise do medio que parte dunha “serie icónica”
Coordinado polo investigador José Andrés Santiago e pola directora do grupo dx5, Ana Soler, trátase dun volume que ten como punto de partida o libro editado en 2021 polo grupo dx5 con Stockholm University Press, Anime Studies. Media specific approaches no Neon Genesis Evangelion. Resultado dun proxecto de investigación desenvolvido co financiamento do Programa Estatal de Fomento da I+D+i de excelencia, tratábase dun volume dixital de acceso aberto que reunía unha decena de estudos sobre anime, que partían dun “obxecto común”, Evangelion, unha “serie moi icónica, que redefiniu completamente o xénero e que segue influíndo no anime 30 anos despois”, como sinalou Santiago.
Tomando como marco esta serie ambientada nun futuro posapocalíptico, no que humanoides biomecánicos pilotados por adolescentes combaten criaturas de orixe descoñecida, esta publicación detíñase nunha serie de aspectos estéticos, formais e narrativos da animación xaponesa, desde os planos estáticos, o reemprego de elementos en novas escenas ou a banda sonora, ata a creación de franquicias en torno ás series ou a subcultura otaku. Estes estudos, realizados por investigadores e investigadoras de diferentes ámbitos, reúnense agora en castelán no libro publicado por Satori, “unha editorial que foi premiada polo Ministerio de Asuntos Exteriores do Xapón polo seu labor de difusión da cultura xaponesa”, como sinalou Santiago, xunto cun novo capítulo realizado por Alba Torrents, da Autónoma de Barcelona. Nese senso, esta nova edición permitía achegar a investigación “a unha comunidade de investigadores novos, tanto de España como de América Latina, que normalmente non teñen acceso a este tipo de publicacións en castelán”. Mais tamén ir máis aló dos “estándares da publicación en formato aberto”, como salientou Santiago, para dar forma a un produto acorde “coa liña de publicacións que realiza grupo dx5 desde hai case 20 anos” e que pon o foco no “libro como obxecto”.
Responsable do seu deseño gráfico, Ana Soler achegou a esta presentación unha serie de materiais intermedios xerados ao longo do proceso de edición, no que tamén colaboraron Santiago e Tatiana Lameiro. “Buscamos recoller no deseño editorial o espírito e o concepto do contido”, salientou Soler dun volume no que os artigos vense complementados por elementos que transmiten “unha dualidade de luces e sombras” e por referencias visuais a estética da serie, de tal xeito que, “a forma dialoga co contido”.
De ‘Evangelion’ ao Japanese Visual Media Graph
Tras a presentación do libro, o simposio continuou cunha serie de relatorios que tiñan como punto de partida os estudos que realizaron para esta publicación Zoltan Kacksuk, da Stuttgart Media University, José Andrés Santiago e Alba Torrents. A continuación, a intervención de Óscar García Aranda, tamén da Autónoma de Barcelona, conectou esta análise de Evangelion co segundo eixe temático da xornada, o Japanese Visual Media Graph (JVMG), da Stuttgart Media University, na que realizou a súa estadía. Da man de Kacsuk e do coordinador deste proxecto, Magnus Pfeffer, as e os asistentes puideron coñecer os traballos para o desenvolvemento dunha ampla base de datos sobre manga, anime e videoxogos xaponeses, que desenvolven no marco dun proxecto financiado pola Fundación Alemá para a Investigación, que encara xa a súa segunda fase, na que farán uso da «minaría de datos» para permitir tanto «análises cuantitativas como cualitativas», como explicou Santiago, que colaborou na primeira fase do proxecto.