“O sentimento de pertenza, a familia, o feito de habitar, a paisaxe ou a autopercepción persoal” conflúen, como destacan desde a agrupación Refugallo, integrada por estudantes de Belas Artes, na nova exposición que nestas semanas acolle o espazo O Abrigo desta facultade. Resultado dunha convocatoria aberta «a calquera obra que englobe o sentimento de fogar», destinada principalmente ao estudantado do centro, esta mostra reúne as creacións de trece estudantes e graduados e graduadas da facultade, no espazo que anteriormente ocupaba a cafetaría do centro, onde poderá visitarse ata este venres 8 de marzo.
“O principal peso desta mostra é pictórico e bastante figurativo, convivindo coa fotografía de arquivo e de paisaxe”, sinalan desde a agrupación coordinadora desta exposición, que se ve complementada á súa vez por outras pezas cun carácter máis escultórico. Fogar, a segunda mostra que se promove neste cuadrimestre en O Abrigo reúne nese senso as creacións de Marta Potter, Alba Pérez López, Ainoa Simons, Blanca Castro Ponce, Laura David, Claudia Ferreiro, Sara, Xancinho, Laura Karnero, Rita Seijas, Sam Almeida Manrique, Bruno Castro e Candela Eira Orro.
Ademais de coordinar esta mostra, as integrantes de Refugallo traballaron nas últimas semanas no deseño dun dos espazos do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, inaugurado o pasado venres. Trátase de Trampa de fadas, un espazo, “destinado á lectura e o descanso”, baseado nun mural deseñado pola estudante da facultade e integrante desta agrupación Paloma Musso e no que se busca facer presente “un mundo de fantasía, onde as fadas e o bosque son protagonistas”, en liña co eixe temático desta edición do salón, a maxia.
O fin da escritura
Ademais desta exposición, este luns e martes a Facultade de Belas Artes acolle tamén o seminario O fin da escritura. A condición electrónica, a cargo do catedrático e poeta uruguaio Aldo Mazzucchelli. Organizado polo Departamento de Pintura e coordinado pola docente e cineasta Xisela Franco trátase dun seminario aberto tanto á comunidade universitaria como ao público xeral, sen necesidade de inscrición previa, cunha sesión este luns ás 18.00 horas e outra o martes ás 11.30, ambas no espazo 16.
Ambas permitirán afondar nas reflexións sobre o suxeito e as tecnoloxías da información, a escritura ou as humanidades deste escritor, poeta e ensaísta, catedrático da Universidade da República, en Montevideo. Doutor pola Universidade de Stanford, Mazzucchelli, que foi tamén docente na Universidade de Brown, é autor de diferentes ensaios sobre a condición electrónica e os seus efectos no pensamento, cunha mirada historizadora da idea do suxeito dende a perspectiva das tecnoloxías da información. Interesado en como a letra interactúa coa vida na modernidade, Mazzucchelli é tamén director da revista dixital eXtramuros, dedicada á actualidade cultural, histórica, filosófica e política.