En colaboración coa Fundación Laxeiro, recolle obras de dez artistas que estudaron en Belas Artes e poderá visitarse ata o 12 de xaneiro
O son en todas as súas posibles representacións: o son que se escoita, o son que se mira, se presenta, se intúe e se lembra. O son como material e o son como significante. Este o eixo central e vertebrador da exposición Ollo á orella, 8 obras sonoras e unha partitura colectiva, que recolle creacións de dez artistas que teñen en común o seu paso pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra. A exposición, que se poderá visitar a partir de mañá venres na Fundación Laxeiro, está comisariada polo profesor Ignacio Barcia e foi presentada este xoves aos medios de comunicación nunha rolda de prensa na que participou o docente xunto co alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o director xeral da Fundación Laxeiro, Carlos García-Suárez.
Ollo á orella reúne propostas de Ana Gesto, Elena Matamoro, Berio Molina , Macarena Montesinos, Acacia Ojea, Alejandra Pombo Su, Anxo Rodríguez e ULOBIT (Xoan Xil, Horacio González, Ariel Ninas), cuxos traballos se sitúan entre a arte sonora, o audiovisual, a instalación e a performance. Este proxecto constitúe a segunda colaboración entre a Universidade de Vigo e Fundación Laxeiro, no marco do convenio en virtude do que se inclúe un proxecto expositivo vencellado á Facultade de Belas Artes, como parte da programación anual de exposicións temporais da fundación. A maiores, esta mostra conta tamén coa colaboración de Vertixe Sonora, enmarcándose dentro do programa Vertixe12.
Ademais do nexo común de seren egresados e egresadas de diferentes promocións de Belas Artes, o que realmente une a estes dez creadores e creadoras é que o son é un compoñente determinante no seu traballo, aínda que este non sexa de fácil adscrición. Así, Ollo á orella comprende arte sonora, accións, imaxes, vídeos, instalacións, esculturas,… mesmo música. O proxecto fai fincapé nas posibilidades plásticas do son como linguaxe e tamén como ruído, xa que como destaca o profesor Barcia, “o son pode ser un elemento máis, pode ser o “fondo” ou a “figura”, mesmo pode ser o marco, un resto, unha carga de significación, ou presentarse como alusión ou posibilidade, permanecer latente nun obxecto ou nunha imaxe para que o escoite quen o poida ver”.
Relacións que modifican o espazo expositivo
Espazo e tempo conflúen en Ollo á orella nunha montaxe composta por vídeos, debuxos, gravacións, obxectos, documentos, instalacións, e intervencións efémeras que se programarán en diferentes momentos ao longo da duración da exposición, entre as que se executará unha acción colectiva realizada pola totalidade dos e das artistas participantes. O resultado é unha mostra heteroxénea de traballos de artistas con proxectos moi diferentes, pero que se conxugan con sorprendente facilidade e coherencia, reunidos por un certo aire de familia que os envolve, mediante o establecemento de relacións que modifican o espazo expositivo, non só na súa materialidade, senón tamén na súa configuración sonora.
O proxecto propón un achegamento á experiencia estética mediante conexións entre o visual e o auditivo, unha experiencia próxima ao fenómeno da sinestesia á que o seu título, dalgún xeito, quere facer referencia: Ollo á orella é unha invitación á contemplación que non se limita ao feito visual, senón que se estende ao feito sonoro, mais tamén a un achegamento ao visual dende unha actitude máis próxima ao feito de escoitar que ao de mirar. Prodúcese así unha certa impugnación dos límites da percepción convencional, de xeito que, tanto a intencionalidade do que se elixe ver, como a imposibilidade de selección do audible, deixan de ser elementos definitorios e a experiencia amplíase mediante a posta en cuestión destas categorías, a partir das que, dunha forma ás veces intencionada e ás veces casual, suxiren a posibilidade dunha nova maneira de escoitar e tamén de ver.
Colaboración estable UVigo-Fundación Laxeiro
Ollo á orella é a segunda actividade que se fai no marco do convenio asinado entre a Fundación Laxeiro e a Universidade de Vigo e que permite normalizar unha colaboración que dende os inicios da Fundación Laxeiro, se levaba a cabo dunha forma máis ou menos espontánea e non regulamentada. A primeira proposta ao abeiro do acordo foi a exposición O que hai, obxecto, materia e o cotián nos tempos da precariedade, un proxecto que incidía na situación das prácticas artísticas despois do boom do apoio institucional á arte contemporánea a finais do século XX e na primeira década do século XXI.
Esta segunda iniciativa, Ollo á orella, poderá visitarse na sede da Fundación Laxeiro, na rúa Policarpo Sanz 15, cunha acción sonora colaborativa a cargo do elenco de artistas participantes na exposición. Poderá visitarse ata o 12 de xaneiro.