Como un espazo “que concentra o futuro do cinema experimental a través da participación de alumnas, alumnos e docentes de Belas Artes” presenta o festival (S8), a Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña, a súa sección Paraíso, que un ano máis terá entre os seus protagonistas ao estudantado da facultade do campus pontevedrés. Acompañadas pola profesora Xisela Franco, seis alumnas protagonizarán, o venres 2 de xuño, unha das sesións de proxeccións deste festival. Susana Gómez, Sara González, Alba Amoedo, Cristina Souto, Cristina Insua e Aniana Barreiro son as seis estudantes seleccionadas para presentar as súas curtas nun festival no que poderán tamén participar nas diferentes iniciativas impulsadas ao abeiro dunha sección que dá neste 2023 un “salto cualitativo”, como destacaron desde o festival. De feito, á proxección das súas curtas e as dun grupo de estudantes da Universidad de Salamanca súmase este ano un encontro internacional de estudantes e docentes de Belas Artes e a participación dunha “selección de profesionais do cine que ofrecerán asesoramento sobre os traballos en proceso do alumnado”.
Cinema en primeira persoa
Amor, liberdade e creación. O cinema experimental nas Belas Artes é o título que recibe nesta edición a sesión de proxeccións dedicada á facultade pontevedresa, que xa estivo presente nas dúas anteriores edicións de Paraíso. Como sinala a docente e cineasta Xisela Franco no texto de presentación, o punto de partida desta selección foi, na maioría dos casos, un traballo realizado para unha das materias do grao. Concretamente, sinala, “un exercicio de cine persoal, xa sexa un autorretrato, unha carta ou un breve ensaio de temática libre”, que lles axudase tanto a “perder o medo” como a “entender a obra como proceso e non tanto como meta”. O resultado son unha serie de “películas en primeira persoa”, realizadas no presente curso, que Franco presenta como “autorretatos íntimos que falan de temas como o tempo, a ansiedade, a vertixe do presente, a familia, os amigos, o asombro de vivir” e que “exploran o cinema máis aló do narrativo”.
Concretamente, Franco seleccionou para o festival as creacións de seis alumnas e artistas que “xiran a cámara cara si mesmas e se aproximan ao cinema desde as emocións e os sentimentos máis viscerais”. Así, no (S8) poderán verse pezas como Aquí y ahora, de Susana Gómez, “un ensaio persoal que explora a idea do presente entre persoas de múltiples nacionalidades que comparten un mesmo contexto, un presente continuo e cambiante”; ou 305 horas, que Sara González realizou a partir dunha viaxe a Suíza coa súa irmá, pondo o foco, como sinala, nas “sensacións e detalles que, como notas dun diario, capturaron a miña atención”. Como unha “resonancia sinestésica sobre o tempo” e como un “autorretrato que compón imaxes do caos, asocia cores, propón imaxes acústicas e suma obxectos sonoros á plasticidade das imaxes” presenta Alba Amoedo o seu filme No me olvido de ti, mentres que Cristina Souto propón, en Mirada amateur, un achegamento á figura da súa nai. Cristina Insua, pola súa banda, estreará Morir es egoísta, curta na que afonda en como o cinema permite expresar cousas que doutro xeito non poderían dicirse. Finalmente, esta escolma complétase con Where we meet, un traballo que ten no erro o seu punto de partida e que a súa autora, Aniana Barreiro, presenta como “unha conversa entre ecos, entre presentes e aínda non formados, entre imaxes cuxa natureza é destrutiva e a condición necesaria para a súa supervivencia”.
Unha sección que amplía contidos
Organizada pola Asociación Cultural eSe8, co apoio do Concello da Coruña, o Consorcio de Turismo e Congresos, a Deputación da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, o Instituto da Cinematografía e das Artes Visuais (ICAA) e a Fundación Luis Seoane, a XIV Mostra de Cinema Periférico desenvolverase na Coruña entre o 26 de maio e o 4 de xuño. O seu programa engloba a proxección de 182 obras, xunto a outra serie de actividades como á terceira edición de Paraíso. Xurdida como “un espazo para que o alumnado poida mostrar os seus traballos e, dalgunha maneira, enfrontarse á realidade de compartilos co público, xa que para moitos é a súa primeira experiencia nunha sala de cine”, define este apartado Ángel Rueda, director xunto a Ana Domínguez. Nesta edición, Paraíso, explica, contará cun “novo formato con tres partes”. Por unha banda, atópase a proxección das curtas seleccionadas, que no caso da facultade pontevedresa terá lugar o venres 2 de xuño ás 11.30 horas na Filmoteca de Galicia, e a estas súmase á posta en marcha dun espazo no que o alumnado “poderá dialogar dos seus traballos con profesionais que asistirán ao festival”, así como un “encontro internacional no que se reúnen distintos estudantes para compartir inquedanzas e experiencias”, apunta Rueda.
Concretamente, segundo informou nesta xornada o festival, ademais das alumnas da UVigo, tamén participará neste bloque un grupo de estudantes da Universidad de Salamanca, da man da investigadora e programadora Laura Gómez Vaquero. A estes sumarase tamén a presenza de Albert Alcoz, en representación da Universitat de Barcelona, e de profesorado de academias de Belas Artes de Italia. Nese senso, Rueda pon o foco en que un dos obxectivos do festival é “achegar ao público outras linguaxes da cinema máis artísticas”, para o que resulta preciso, engade, contar con “xente nova con novas ideas”, de tal xeoito que o festival poida servir tamén como “caldo de cultivo para as novas xeracións de cineastas”.