O congreso ‘Fugas e Interferencias’ prepara a súa oitava edición

O congreso desenvolverase do 26 ao 28 de outubro. Imaxe: Colectivo Ennui, '105 m'. Fugas e Interferencias 2022. Ciclo de acción- performances

O foro académico de referencia en España no estudo da performance prepara a súa oitava edición.

Desenvolverase do 26 ao 28 de outubro na Vicerreitoría e no CGAC

Pese a que a práctica da performance ten cada día unha penetración maior nas institucións artísticas, desde o punto de vista académico, continúa a ser “un campo disciplinar con grandes carencias en investigación”, como recoñece o profesor da Facultade de Belas Artes, Carlos Tejo. Co obxectivo de promover o estudo da arte de acción naceu hai oito anos Fugas e Interferencias, o único congreso académico centrado na performance, que o gupo de investigación PE4 Imaxes e Contextos desenvolve coa colaboración da Vicerreitoría do campus e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Entre o 26 e o 28 de outubro, as dúas institucións exercerán novamente como sedes deste evento internacional, dirixido por Tejo e a investigadora e comisaria Marta Pol. Ata o 31 de marzo permanece aberto o prazo de presentación de traballos, dos que sairán os estudos que dean forma ás diferentes mesas que integran o programa dun foro académico que, como recoñece Tejo, é “un referente no estado español”.

De feito, alén de que que outras universidades e outra serie de entidadades promoven encontros centrados na arte de acción, Fugas e Interferencias continúa a ser, como recoñece Tejo, “o único congreso académico en España e atreveríame a dicir que en Europa” centrado especificamente na análise na arte de acción. “Desde Fugas faise o esforzo de traballar desde unha rigorosa investigación universitaria”, engade o codirector dun foro académico que ten como resultado a publicación cada ano dun libro de actas, indexado en bases de datos, que recolle en formato artigo as comunicacións e conferencias presentadas. Seleccionadas por un comité científico conformado por “unha importante rede de investigadores e académicos”, como sinala Tejo, trátase de artigos que “achegan novas perspectivas desde a academia” ao estudo dunha práctica artística que “corre o risco de banalizarse” e que precisa nese senso de “aproximacións teóricas de calidade”. Esta serie de libros dixitais que, como explica Pol, permiten que tanto académicos e profesionais como estudantes de doutoramento presenten “os resultados das súas últimas investigacións” permitiron compilar ata a data preto de 90 estudos sobre esta disciplina, realizados por investigadores e investigadoras de dez países.

Catro liñas de análise

Segundo recolle a súa convocatoria, ata o 31 de marzo permanece aberto o prazo de envío de resumos para un congreso que ten como eixe central a “análise dos novos comportamentos da arte de acción, tanto desde a práctica como desde a reflexión teórica”. Concretamente, as propostas de comunicacións deberán afondar nalgún dos catro eixos temáticos nos que se centra este congreso; a reflexión teórica que contribúa a construír un “marco contextual” arredor da performance; “a acción e as súas interseccións” coa videoarte, o teatro contemporáneo ou a danza; as súas “interaccións” co contexto político e a súa análise desde unha perspectiva de xénero e, por último, o comisariado de arte de acción.

Un diálogo “interxeracional, ideolóxico e práctico”

Como en anteriores edicións, o programa do congreso combinará de novo as conferencias e mesas de presentación de comunicacións cun conxunto de performances, tanto na Casa das Campás como no CGAC. “Esta estrutura permítenos establecer un diálogo interxeracional, ideolóxico e práctico sobre a arte de acción”, salienta Pol, que sinala o positivo dun formato polo cal Fugas e Interferencias arrancará, un ano máis, na sede da Vicerreitoría. Na Casa das Campás, a presentación institucional combinarase rá coa defensa de comunicacións e un programa de perfomances de estudantes da Facultade de Belas Artes. A contiuación, o evento trasladarase o CGAC, onde ás diferentes mesas de presentación de traballos sumaranse “dúas conferencias plenarias convidadas”, que permiten incorporar, como explica, Pol, a visión de profesionais de ámbitos como “a dirección de institucións artísticas, o comisariado, a crítica ou as artes escénicas”.

“O congreso está funcionando moi ben e iso notámolo edición tras edición”, engade Tejo, que subliña que este esquema permítelles abranguer “as facetas máis importantes da práctica da performance”. Nese senso, o profesor de Belas Artes sinala o “reto” de manter esquema como principal obxectivo a futuro deste congreso, aspecto no que tamén incide Marta Pol. “Gustaríanos manter, por un lado, a estrutura e as sedes e, por outro, aumentar a visibilidade e recoñecemento do congreso a nivel internacional”, salienta esta investigadora.