O británico Simon Callery presenta na Sala Manuel Moldes unha obra nacida en contacto coas paisaxes de Pontevedra

Resultado dun proceso de traballo no que contou coa colaboración dun grupo de estudantes da Facultade de Belas Artes, o artista británico Simon Callery presenta na tarde deste xoves na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes unha obra de grandes dimensións que é o resultado final de semanas de traballo en contacto directo coas paisaxes do río Lérez, Cabo Udra e Mogor. Baixo o título de The making of a painting / Facer unha pintura, este espazo expositivo acollerá ata o 30 de abril a que é a terceira exposición en España dun artista que ao longo das últimas tres décadas protagonizou un bo número de mostras, tanto no Reino Unido como en diferentes países. Nela poderá verse tanto unha pintura que, explica Callery, “non é unha representación da paisaxe”, senón que foi “feita en contacto” con esta, como un vídeo que documenta o proceso de traballo para a realización desta peza.

“A obra non fala sobre un lugar, senón que provén del. É unha pegada do territorio, pero non está intentando representalo”, destaca Elena Bangueses, comisaria dunha exposición promovida coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Pontevedra e do Departamento de Pintura da UVigo. Como explica o coordinador da Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes e vicedecano de Cultura de Belas Artes, Ignacio Pérez-Jofre, a obra de Callery defínese por “unha concepción da pintura marcada pola materialidade” e tamén por “un traballo moi relacionado co territorio”, o que sumado a que o artista londiniense xa tiña desenvolvido procesos colaborativos previamente levárono a convidalo á realización “dun taller, coa intervención de estudantes, encamiñado a producir unha obra”.

O resultado final dese proceso, no que Callery contou coa colaboración dos estudantes da facultade Goa Vázquez, Julio Catalán, Álex Fuertes, Diego del Río e Cristina Rus estrease na exposición que inaugurada este xoves. Á súa vez, a mostra complétase coa proxección dun vídeo documental realizado polos estudantes Ruth Vidal e Carlos Fernández, que permite coñecer as diferentes fases do traballo desenvolvido ao longo das últimas semanas.

Unha pintura marcada polo territorio

“Detrás dos meus procesos está a ambición de que a pintura sexa algo que sentes co teu corpo, non só algo que ves”, sinala Callery, que incide na importancia que ten no seu traballo a materialidade e o contacto directo co territorio. O seu obxectivo, explica, é que o espectador poida “sentir fisicamente” a pintura, “con todos os seus sentidos” e non unicamente percibila a través da vista. “A razón pola que fago isto é porque penso que a cultura é demasiado visual. Poñemos un énfase masivo na imaxe e perdemos contacto con outras partes de nós mesmos”, subliña o artista británico.

Nese obxectivo, a produción artística de Callery caracterízase polo desenvolvemento, como explica Bangueses, “de pinturas a grande escala no territorio”, que son o resultado duns “procesos moi laboriosos”, como o desenvolvido neste caso na contorna de Pontevedra. Realizado coa colaboración do estudantado seleccionado para este proxecto, este traballo iniciouse coa preparación dun lenzo, provinte da India, a través “dun lavado natural, usando as técnicas clásicas en zonas de correntes de auga”. Este primeiro paso levouse a cabo no Lérez, nas proximidades do antigo balneario. Tras ela, acometeuse o tinguido do lenzo “con pigmentos naturais, provenientes da terra”, empregando cores, como apunta Bangueses, que inciden tamén nesa conexión coa paisaxe. Finalmente,traballou coas teas en distintas localizacións, como Mogor, Cabo Udra ou novamente o Lérez, onde se foron “marcando e cortando os lenzos”, sobre “zonas escollidas polo artista, sen premeditación previa”, dando como resultado unha obra marcada por esa “pegada do territorio”.