Despois de que as convocatorias abertas para adxudicar o servizo de cafetaría da facultade quedasen desertas, o Decanato de Belas Artes decidiu o pasado curso acondicionar o espazo que ocupaba este servizo coa idea de destinalo á organización de exposicións e actividades por parte do alumnado. Nacía así O Abrigo, un espazo que neste curso 2023/2024 volve ter como protagonistas as creacións do alumnado da facultade. Da man do colectivo Refugallo, esta sala recuperou a actividade a comezos de outubro cunha mostra centrada na paisaxe e nestes días alberga a exposición Procesos de xilografía. Esta mostra, que pode visitarse ata este mércores 25, reúne unha serie de xilografías, estampadas de xeito manual, que oito estudantes realizaron como exercicio para a materia de gravado.
“A mostra recolle o proceso creativo do alumnado dende os bocexos ata a estampa final”, sinala a integrante de Refugallo Blanca Castro dunha exposición colectiva que busca trazar un “percorrido visual” polo proceso de realización de xilografías, reunindo desde o bocexo inicial e a matriz tallada, atá as probas de estampado, xunto coa obra final. Candela Sueiro, Sara Ricoy, María Pérez Mera, Sheila De La Fuente, Diosbett Montero, María Martelo, Pablo Martínez Romero e Zöe Pérez son as e os protagonistas da que é a segunda mostra deste curso no Abrigo. Previamente, este espazo retomou a súa actividade cunha mostra que reunía os achegamentos realizados a temática da paisaxe, desde diferentes técnicas e perspectivas, por trece estudantes e antigo alumnado da facultade. Con esta mostra, dábase tamén continuidade a unha programación de exposicións impulsada o pasado curso, conformada por un conxunto de mostras colectivas que tiñan nunha temática ou nunha disciplina o seu fío condutor e nas que se presentaban todas as obras presentadas polo alumnado a unha serie de convocatorias abertas.
Tras esta mostra, O Abrigo acollerá nas próximas semanas unha exposición de obras de estudantes de doutoramento de Belas Artes, xunto con outra serie de actividades. De feito, este xoves 26 terá lugar un mercado de Halloween, organizado pola Delegación de Estudantes, e os días 30 e 31 de outubro terá lugar un curso de torno e iniciación á cerámica.