O festival combina as proxeccións con encontros e actividades formativas
“Durante o tempo que durou o taller, buscamos maneiras de transformar a realidade a través do cinema. E fixémolo cun simple xesto, introducindo a cámara en situacións cotiás da nosa contorna, como se a estivesemos hackeando”. Deste xeito presenta o artista audiovisual e investigador da Facultade de Belas Artes Berio Molina o taller A xogos coa realidade, no que dez estudantes do campus traballaron nunhas curtametraxes que na tarde deste martes abren a programación de Novos Cinemas. A oitava edición deste festival, que a Asociación Cultural Novos Cinemas e Matriuska Producións promoven coa participación do Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo celebra na noite deste martes a súa sesión inaugural, coa estrea en Galicia de Á procura da estrela, de Carlos Martínez-Peñalver. Mais, unhas horas antes, a súa programación bota a andar coa proxección dos resultados finais deste obradoiro promovido polo festival e a Vicerreitoría do campus.
Propostas que nacen do “xogo e risco”
“A experiencia do taller é moi enriquecedora. Dános a oportunidade de enfrontarnos á creación audiovisual a través duns preceptos complexos, pero que abren a porta a que xurdan situacións moi interesantes e valiosas”, sinala o graduado en Belas Artes Álex Viador, que neste obradoiro deu forma a Tránsito, unha curta que presenta como unha “viaxe sensorial”. Aberto tanto ao alumnado das diferentes titulacións do campus como a egresados e egresadas o pasado curso, a titorización deste artista audiovisual combínase no taller co traballo conxunto dos participantes. “Todos compartimos os nosos puntos de vista, axudámonos entre nós”, engade a alumna de Belas Artes Alba Amoedo, que estrea El anhelo del reflejo, un “videopoema-ensaio” que reflexiona, a través da abstracción e do experimental, “sobre o concepto da realidade, a existencia, a conciencia de si…”, explica.
Molina propuxo neste obradoiro a busca “do xogo e o risco”, o que levou a que xurdisen propostas como GALA, unha “conversa ficticia” co seu ordenador da estudante de Comunicación Audiovisual Ana Laura Rodríguez, que destaca o interesante de propostas que “sempre son capaces de facerte pensar e ver máis aló”. Graduada en Belas Artes, Eva Iglesias suma a esta presentación Neky.ia, unha “curta experimental” na que a protagonista realiza “unha viaxe a través dalgúns dos recordos da súa irmá falecida” grazas a unha intelixencia artificial que permite “revivir momentos do pasado”. Pola súa banda, Cristina Souto articulou a súa corta a partir dun xogo “co elemento do espello e co reflexo”, que traslada ao espazo público para reflexionar sobre como mudan as identidades. Estudante de Belas Artes, esta participante destaca tamén o interese do taller para introducirse no “panorama contemporáneo da videoarte e a arte sonora”, mentres que a tamén alumna desta facultade Yasmina Farhani Luaces presenta en Novos Cinemas A terra ten glitch, “un diálogo entre as imaxes, as casualidades e a terra”.
Xunto ás súas propostas, a presentación na que participaron a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón; o director artístico do festival, Suso Novás, e Molina ncluía tamén as estrea das curtas realizadas polos estudantes e egresados Julio Catalán, Fernando Areal, Ashling Ocampo e Ainana Barreiro.
Proxeccións, formación e encontros
Tras a sesión inaugural, na que participaron a directora de Área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, e o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, a oitava edición de Novos Cinemas esténdese ata o domingo 17. Xunto ás proxeccións, o programa abrangue diferentes talleres e encontros con profesionais, como os que protagonizarán o cineasta Victor Soho e o profesor da Escola Superior Artística do Porto Tiago Vieira na Casa das Campás, así como dunha mesa sobre produción e cinema emerxente, coa participación de Luís Campos, Silvia Cruz e Beli Martínez. A Vicerreitoría do campus será así mesmo sede do LAB, un programa de desenvolvemento de proxectos cinematográficos de cineastas noveis.