No camiño cara a “nova normalidade” os museos e salas de exposicións comezan pouco a pouco a abrir de novo as súas portas ao público. Desde este martes xa é posible volver a ver na Casa Galega da Cultura a mostra Ideas verdes incoloras dormen furiosamente, a décimo primeira da serie expositiva Afinidades Selectivas, iniciativa na que docentes e estudantes da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo crean obras xuntos. Inicialmente a mostra, comisariada por Chelo Matesanz, estaba previsto que estivera nesta sala do 6 de febreiro ata o 15 de marzo, momento no que se declarou a pandemia da COVID-19. Porén, as entidades implicadas na súa organización, a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria e o Concello de Vigo, acordaron ampliar o período de exposición ao público ata o 28 de xuño.
A mostra colle o seu nome dunha frase da obra Estruturas sintácticas do lingüista e filósofo estadounidense Noam Chomsky, que exemplifica unha estrutura gramaticalmente correcta pero sen significado aparente e coa que o autor norteamericano amosaba o seu interese pola gramática, polas regras que constrúen oracións, independentemente do que significasen. “As obras que conforman a mostra, son todas obras de artistas que desenvolveron xa unha ampla traxectoria como tales, e que loxicamente utilizaron as ‘regras’, os procesos ao seu xeito, para construír significados diferentes e complexos”, explicaba Chelo Matesanz na inauguración da exposición.