Materiais atopados na rúa sitúan o público sobre a obra de arte

O profesor Ignacio Pérez-Jofre presenta a instalación ‘Tarima flotante’ na sede da asociación Kentada

O uso de elementos atopados nas rúas da cidade constitúe unha das liñas centrais do traballo artístico do profesor da Facultade de Belas Artes Ignacio Pérez-Jofre, que na tarde deste xoves presenta no local da asociación Kentada Tarima flotante, unha instalación que define como unha “colaxe” conformada por un conxunto de táboas atopadas na rúa, pero que o artista presenta no chan, colocada sobre “unha estrutura de palés” que remiten a esa idea dunha tarima flotante e que obrigan ao público a situarse sobre a propia obra. De feito, é necesario camiñar sobre esta instalación para poder contemplar ás pezas que completan este proxecto expositivo, definidas tamén polo uso de materiais atopados.

“Interesábame moito a idea dunha instalación habitada polo espectador”, recoñece Pérez-Jofre, que construíu con “unha especie de colaxe que ocupa case todo o espazo e sobre o que se pode camiñar”. De feito, foi o propio traballo na construción dunha obra tomando como punto de partida unha serie de táboas e fragmentos de madeiras “de diferentes grosores, que van encaixando, aínda que non perfectamente”, o que levouno á idea dunha tarima flotante, que contrapón a “sensación de comodidade ou de benestar” que se asociaría a un fogar co “precario” dos materiais empregados. Deste xeito, a peza que o profesor do Departamento de Pintura presenta este xoves ás 19.00 horas no local de Kentada rematou por converterse “nunha obra á que téste que subir”, o que leva a unha “percepción completamente diferente”, marcada “polas resonancias” que se van xerando ao pisar ás diferentes táboas.

De feito, é preciso atravesala para contemplar as obras que completan a exposición que ao longo deste mes poderá visitarse no local dunha asociación impulsada, entre outros, por investigadores e antigo alumnado da facultade. Tarima flotante permite nese senso achegarse aos procesos de traballo deste artista e docente, “que sempre parten da experiencia directa co material”, como destaca o investigador Julio Catalán no texto de presentación desta mostra. Nela, Pérez-Jofre presenta tamén unha serie de pezas que parten tamén de obxectos atopados, aos que “sen intervilos”, outorga un “valor experiencial, estético e relacional”, sinala Catalán. Ese é o caso das pezas de serie Fósiles, nas que emprega residuos urbanos marcados pola presenza dunha “pegada”, como se remitisen a “procesos fosilizados”, sinala o artista e docente. Xunto a estas, poden verse tamén diferentes pezas da serie Pintura encontrada, que ten como punto de partida unha serie de papeis atopados na rúa aos que as pegadas do paso da xente ou do tempo outorgaron un “valor plástico”.