Investigadoras de Belas Artes publican o primeiro estudo sobre instalacións téxtiles na arte contemporánea

A publicación aborda o uso do téxtil como un xeito de conectar corpo e espazo

Unha investigación sobre a relación que se dá entre corpo e espazo a través do uso do téxtil nas instalacións artísticas contemporáneas. Deste xeito preséntase o libro Espacios Textiles: Habitando la interfaz, nova publicación do grupo de investigación dx5 (digital & graphic art research), da Facultade de Belas Artes, que recolle os resultados do estudo de máis de 200 obras de artistas dos séculos XX e XXI, que Sara Coleman desenvolveu no marco da súa tese de doutoramento e que deu como resultado o primeiro libro centrado nas instalacións artísticas téxtiles. Publicado polo grupo dx5 e Dardo, co financiamento da Xunta de Galicia, o ensaio “parte da idea de que o téxtil é reflexo dunha estrutura de pensamento que sucede a través dunha relación material entre corpo e espazo, onde o tecido se sitúa como interface”, sinala esta artista e investigadora.

“Neste ensaio, proponse pór o foco nese espazo intermedio que ocupan os téxtiles e que permite aos artistas explorar novas formas de expresión e significado”, engade Ana Soler, directora do grupo dx5 e editora dun volume que recolle unha adaptación da tese que Coleman desenvolveu baixo a súa dirección. Espacios Textiles: Habitando la interfaz articúlase arredor do concepto de “modos téxtiles”, co que Coleman busca ir máis aló do uso de tecidos na arte “para referirme aos téxtiles nun sentido amplo e, sobre todo, para entendelos como procesos e formas de facer”. Xerados a través do entretecido, do anoado ou do compactado, “os téxtiles encerran múltiples e diversas formas de procesar que, á súa vez, remítennos a diferentes formas de pensamento”, subliña a tamén profesora da Universidad de La Laguna.

Coleman buscou neste volume “reconceptualizar os modos téxtiles desde a contemporaneidade, cun enfoque baseado na complexidade”, o que outorga un carácter pioneiro a esta publicación, financiada a través das axudas do Programa de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Nese senso, recoñece que se ben realizáranse investigacións e artigos previos “que analizaban o téxtil desde unha perspectiva máis contemporánea ou desde a súa materialidade”, non existía previamente unha publicación que abordase as instalacións téxtiles desde esta óptica. Neste punto, Soler destaca que esta análise “transcende as divisións entre o visual, o táctil e o conceptual”, para dar lugar a unha investigación sobre os “espazos téxtiles”, concibidos “como unha maneira de entender o mundo, a condición humana e a maneira en que ambas se interrelacionan”. Esta, engade, conéctase á súa vez coa liña de investigación que o grupo dx5 centra na chamada “gráfica de campo expandido” e en como a arte múltiple hibrídase coa instalación. Presentado recentemente na sede da Fundación Didac, o libro conta tanto cunha edición física como cunha edición dixital de acceso aberto, respondendo á “vocación” do grupo dx5 de que “as investigacións salgan á sociedade”, salienta Soler.

Da reflexión teórica á práctica artística

Coleman aborda esa relación entre corpo e espazo a través do téxtil a partir dun “modelo tecnolóxico téxtil” articulado polos filósofos Gilles Deleuze e Félix Guattari, que lle permite formular a hipótese do téxtil como reflexo dunha “estrutura de pensamento”, que exerce como interface. Nese senso, a primeira parte do libro aborda o tecido como un “sistema interrelacional complexo”, para a partir de aí e vincular esta idea con campos como a filosofía, a socioloxía, a antropoloxía ou a psicoloxía.

Co obxectivo de analizar esas interrelacións entre corpo e espazo, o volume recolle unha análise de máis de 200 obras de artistas que “traballaron cos téxtiles desde a súa procesualidade”, que abrangue desde a década de 1920 ata a actualidade. Coleman aborda os traballos de “artistas pioneiros”, deténdose en movementos como a arte da fibra (fiber art) e a arte do proceso (process art) para logo centrarse xa na instalación téxtil, tanto no seus antecedentes como, en maior medida, en obras realizadas ao longo dos últimos 20 anos e que organiza conforme a tres modelos, o reticular, o rizomático e o de rede. Do mesmo xeito, esta visión do téxtil como “linguaxe material e espacial” susténtase na propia práctica artística de Coleman, tamén recollida nesta publicación e que “serviu como punto de partida para formular un estudo onde teoría e praxe se entretecen entre si de maneira indisoluble”