Os significados que achegan os propios materiais pictóricos conectan as obras de dez titulados en Belas Artes
Comisariada por Ignacio Pérez-Jofre, pode visitarse ata o 20 de xuño
Nunha época marcada pola “omnipresencia da imaxe inmaterial, electrónica, infinitamente reproducible e transmisible”, a pintura “afírmase pola súa orixinalidade, pola súa fisicidade, por ser un obxecto impregnado por unha materia”. Esta idea, como apunta o profesor da Facultade de Belas Artes Ignacio Pérez-Jofre, constitúe o punto de partida de Materiais, a exposición que desde este venres reúne na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes as obras, “moi diversas”, de dez egresados e egresadas da facultade, conectadas polo feito de que o propio material pictórico “é unha parte importante do significado da peza”, como destaca Pérez-Jofre, comisario da exposición.
Nacidas gran parte delas como traballos de fin de grao (TFG) titorizados por este docente do Departamento de Pintura, a exposición reúne as creacións de Galia Baba Chamah, Julio Catalán, Álex Fuertes, Aitana Iglesias, Gloria Lorenzo, Sol Mussa, Diego del Río, Paula Santomé, Ruth Vidal e Carlos Vivero. “Paga a pena ver as construcións persoais, os conceptos que hai detrás de todas estas obras”, resultado “de todo un ciclo de traballo na facultade”, salientou na inauguración o vicerreitor do campus, Jorge Soto, mentres que o decano, Xosé Manuel Buxán, puxo de relevo a importancia de iniciativas como esta exposición na “promoción dos egresados”, aspecto no que destacou a implicación de Pérez-Jofre.
A presentación desta exposición, que poderá visitarse ata o 20 de xuño, viuse complementada pola edición dun catálogo, realizado con técnicas risográficas na propia facultade no marco do selo editorial Error es bien e deseñado por Ruth Vidal.
Pedras, ladrillos ou plásticos no lugar de pigmentos
Como explicou Pérez-Jofre, este proxecto expositivo xorde do coñecemento das liñas de traballo destes artistas, nas que puido observar “unha serie de puntos de conexión” co súa propia investigación artística en torno aos materiais. “Para min, a pintura agora mesmo enténdese sobre todo desde a súa materialidade”, salientou este docente na presentación dunha mostra na que cada artista “leva ao campo que lle interesa, nalgúns casos máis ecolóxico, noutro máis político, noutros máis vivencial”, un punto de partida común, o feito de que “a pintura é un obxecto, unha materia que ten os seus significados”.
Seguindo esa idea, na exposición poden observarse obras como “a paisaxe de dúas cores” que Gloria Lorenzo construíu substituíndo os pigmentos por anacos de plástico procedentes de redes de pesca, botellas, películas VHS ou bolsas, nunha obra coa que “está aludindo á cuestión da sostibilidade”, como salientou o comisario da mostra. O uso de plásticos está presente tamén na obra de Álex Fuertes, pertencente a unha serie construída con “fragmentos de lixo” levados polo mar ata a praia de Camelle e cos que compuxo unha serie de obras “a partir da unificación das descontinuidades de cada residuo”, coa idea de que “o propio lixo se converta nun obxecto pictórico”, como explica no catálogo da exposición.
Os ladrillos, como “pequenas representacións da escala do módulo básico das construcións que habitamos” son, por outra banda, o material empregado por Ruth Vidal para a serie Lugar de lugares, nas que “estes pequenos muros adáptanse a formas corporais”. Do mesmo xeito, Aitana Iglesias empregou “pezas de derrubamentos recollidos na cidade” como base dunha serie na que busca representar “unha mínima parte dunha imaxe”, mentres que Sol Mussa usou carteis de cine recollidos na rúa para unhas obras nas que a pintura cubre parte dos carteis “creando rotundas elipses e deixando ver só algúns elementos do cartel orixinal”, como explica no catálogo.
Por outra banda, “nunha peza feita con técnicas aditivas”, a artista saharauí Galia Baba Chamah evoca na súa obra Esquecemento un deserto que, como sinalou Pérez-Jofre, “rapidamente podemos asociar coa idea do esquecemento de todos os saharauís, que están sufrindo unha situación de abandono nese espazo ermo, baleiro, do deserto”. O uso tanto de materiais ligados á natureza como artificiais presente en toda a exposición combínase na proposta de Paula Santomé, quen sitúa unha pedra sobre dous botes de spray, dando lugar a unha acción pictórica, na que revela “unha conexión entre cidade e natureza, entre o facer do humano e o facer do mundo”. En Materiais pode contemplarse o díptico Ás portas de Merzouga, de Diego del Río, unha obra na que se apoxima á historia da vila marroquí de Ait Ben Haddou, así como a instalación Alfombra, na que Julio Catalán empregou “diversas técnicas pictóricas sobre fragmentos de papel que cobren o chan” e que dan lugar a unha composición que o espectador altera ao pisalos, “producindo unha especie de cartografía interactiva”. Por último, nesta exposición poden verse tamén os debuxos que Carlos Vivero creou deixando a súa man morta sobre un anaco de papel nunha serie de viaxes en metro, de tal xeito que fose o propio movemento o que os configurase.