Inauguración Ausencias, esencias, presencias

Ausencias, esencias, presencias

Ausencias, esencias, presencias pretende amosar a diversidade de traballos e de visións artísticas que se xeran baixo a mirada e o pensar de alumnas do último curso de Belas Artes. Esta é unha mostra artística comisariada tamén por estudantes que están a un só paso de rematar a carreira, producindo así converxencias entre as últimas producións como alumnado e as futuras andaduras como profesionais do mundo da arte. Ofrécesenos, deste xeito, a oportunidade de achegármonos ás creacións artísticas feitas por unha nova mocidade que se reivindica libre e nos mostra as súas formas de entender o mundo e de ver a vida.

Unha reflexión sobre as ausencias da man de Andrea Mosquera, falando da casa baleirada; das esencias do corpo, a ánima e o espírito grazas a Raquel Álvares e Lucía Perdíz, que nos amosan distintas formas de expresión do ser; e, por último, a presenza, poderosa, que só posúen os corpos libres e que reivindican a súa personalidade individual sobre a que Tamara Goberna e Marina Aradas traballan.

Esta exposición pretende tamén ser unha mostra da diversidade creativa destas novas artistas, dende a serigrafía ata a performance, pasando pola fotografía e o videoarte. Reivindácase a pluralidade de enfoques que xorden baixo un mesmo teito e a diverxencia de camiños que se crean no mesmo centro educativo, que é a  Facultade de Belas Artes en Pontevedra. Cada visión é única, é diferente e moi especial, Raquel Álvarez, Marina Aradas, Tamara Goberna, Andrea Mosquera e Lucía Perdiz colaboran no proxecto achegando diferentes visións e expresións do corpo.

Proxecto de comisariado de Aldara Vázquez e Iris Rodríguez

 

INAUGURACIÓN: Mércores 2 de febreiro ás 20:00 h

DATAS: Mércores, 2 de febreiro a domingo, 3 de abril do 2022

HORARIO DA SALA PARA VISITAS: De martes a sábado de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00.

LUGAR: Zona C. Punto de Información Cultura. Preguntoiro nº 1, Praza de Cervantes, Santiago de Compostela.