Estudantes de Belas Artes dan forma a obras cambiantes inspirándose nas paisaxes de Monção

As obras poden verse no Museu do Alvarinho. Na imaxe: pezas de Marina Aradas e Abraham Alonso

Unha exposición reúne os primeiros cadros, que serán intervidos novamente por outros alumnos

Ata o mes de febreiro exhíbense no Museu do Alvarinho, na vila portuguesa de Monção, as primeiras obras resultantes do proxecto Arte em Trânsito, que este municipio promove xunto coa Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo e o Instituto Politécnico de Viana do Castelo. Inspiradas nas paisaxes desta rexión vitivinícola, trátase de catro lenzos realizados, en adegas do municipio, por estudantes das dúas institucións sobre os que, no mes de febreiro, intervirán de novo outros catro alumnos e alumnas, que transformarán coas súas achegas unhas obras que, tras un segundo período de exposición, completaranse en maio cunha terceira intervención por parte doutros catro estudantes.

“So aí, o proxecto quedará concluído, cando cada lenzo teña sido pintado por tres artistas diferentes”, salienta Ricardo Campos, coordinador dunha iniciativa que propón a seis estudantes de Belas Artes e outros seis do Politécnico de Viana do Castelo o reto de “crear un traballo artístico en tres momentos diferentes” e que á súa vez dá lugar a tres “tres exposicións diferentes”. Como explica Campos, a proposta do proxecto, é que, baixo o lema de Monção, berce do Alvarinho, cada artista “interprete o territorio adegueiro de Monção a partir da súa experiencia persoal e da súa investigación plástica”. De feito, con ese propósito, cada artista realiza a súa intervención no marco da súa estadía nunha das quintas dedicadas á produción de viño do municipio.

Coñecer un lugar e representalo

A primeira fase do proxecto tivo lugar o pasado 30 de outubro, coa participación dos estudantes da Facultade de Belas Artes Marina Aradas e Abraham Alonso e das alumnas do Instituto Politécnico de Viana do Castelo Maria João Gonçalves e Adriana Bacelo. “Foi unha experiencia nova para min. O contexto, a historia ou a tradición son aspectos cos que sempre traballei, pero nunha a partir dun lugar co que non me identificaba ou ao que non pertencía”, salienta Aranas, que destaca o interese que lle suscitou tratar de realizar “unha obra representativa” de Monção a partires das súas experiencias na adega na que traballou, a Quinta das Pereirinhas. “No meu caso, prestei bastante atención ao que me foron contando os donos”, tanto no relativo á importancia que ten no municipio a industria do viño, como no referido a outra serie de cuestións vinculadas coa natureza e a sostibilidade, explica. “Collendo un pouco estas ideas, adapteino á miña maneira de traballar, sintetizándoas a partir de formas simples coas que vou formando distintos patróns que se van superpoñendo”, explica da obra que nestas semanas pode verse no Museu do Alvarinho.

“Foi unha grata experiencia. Gústanme os proxectos sobre os que non tes expectativa algunha”, engade Abraham Alonso, que destaca a oportunidade que este proxecto lles supuxo para coñecer Monção e “conectar cun espazo natural pleno”. De feito, este alumno recoñece que chegou a esta estadía sen ideas previas e coa vontade de non “reproducir a miña liña de traballo sen máis”, senón co propósito de “nutrirme de todo aquilo que rodeaba a quinta na que traballei e que todo iso influenciara a miña obra, creando unha amalgama composta por toda esta contorna natural e o meu imaxinario propio”.

Unha exposición que irá cambiando

A divulgación e promoción da arte contemporánea e o achegamento á poboación local do coñecemento xerado nas institucións de ensino superior forman parte dos obxectivos de Arte em Trânsito. Con esa idea, cada unha das tres fases dá lugar a unha exposición, que permitirá ir vendo como as obras se van transformando, así como o resultado final, que permanecerá exposto entre maio e setembro. “Para os alumnos é unha oportunidade estupenda de dar visibilidade ao seu traballo fóra das nosas fronteiras e tamén de mostrar a súa valía profesional e adaptarse a proxectos aos que deben responder de forma inmediata e directa”, salienta a secretaria académica da facultade, Chelo Matesanz, que pon tamén de relevo a colaboración coa facultade de Ricardo Campos, “un egresado do noso antigo Máster en Arte Contemporánea e que agora é xestor de cultura” en Monção.

Do Pazo da Cultura a Monção

Alén deste proxecto, neste mes de decembro, as creacións dos artistas formados na facultade tamén estarán presentes neste municipio do norte de Portugal a través da exposición The year we make contact, que o vindeiro sábado 11 se inaugurará na Galería de Arte CTJV. Organizada coa colaboración da Plataforma Arte e Cultura do municipio, a mostra, que ten como comisarias as profesoras Sonia Tourón e María Covadonga Barreiro, reúne 38 obras xurdidas como parte dos traballos de fin de grao defendidos nos últimos dous cursos na facultade, que previamente integraron a mostra Do final e do comezo, que en setembro puido verse no Pazo da Cultura de Pontevedra.