Esdemga reúne no Pazo da Cultura 16 historias narradas a través da moda

O Pazo da Cultura acolleu a inauguración de 'Queridas cousas: historias vestidas'
O Pazo da Cultura acolleu a inauguración de 'Queridas cousas: historias vestidas'

Once dos proxectos forman parte dos traballos de fin de estudos presentados en Debut 2021

Un total de 16 coleccións, cun marcado carácter experimental e narrativo, realizadas polo alumnado de Esdemga no marco da súa formación reúnense en Queridas cousas: historias vestidas, a exposición que o Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda promove no Pazo da Cultura. Como un conxunto de “creacións que contan historias a través das prendas” e nas que “a selección de tecidos, as siluetas e os estampados conforman un relato a través dos significados que gardan” presentan desde o mestrado a exposición inaugurada na tarde deste xoves. Desta mostra forman parte once das coleccións de fin de estudos presentadas en Debut 2021, xunto con outras cinco propostas realizadas por estudantes do mestrado.

«O que presentamos aquí é, dalgún xeito, unha expresión do que facemos. Son coleccións de moda, pero desde a experimentación e a conceptualización e todas comparten un certo fío condutor en torno a unha gran narratividade», salientou a directora de Esdemga, Lola Dopico, coordinadora, xunto coa docente Patricia Dopico, dunha exposición dirixida a dar a coñecer as «moitas cousas que nos contan» os deseñadores e deseñadoras a través das prendas. Trátase dunha mostra cun «carácter divulgativo», na que cada selección de varios dos estilismos que configuraban cada proxecto preséntase acompañada dun texto no que os propios deseñadores e deseñadoras explican os seus traballos. Deste xeito, a mostra busca dar a coñecer toda esa serie de «referencias cinematográficas, literarias, experiencias persoais» e outra serie de elementos que configuran estas «creacións artísticas», como salientou Dopico na súa inauguración. Este acto contou tamén coa intervención do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que destacou o orgullo que para Pontevedra supón Esdemga, «unha escola que colócanos na vangarda e que é capaz de proxectar a cidade». Ata o 30 de xaneiro poderá visitarse no Pazo da Cultura unha mostra que contou tamén coa participación na súa apertura da vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama.

A mostra reúne as coleccións premiadas en Debut

Entre os proxectos que integran Queridas cousas figuran once coleccións que en novembro formaron parte de Debut, que neste 2021 reuniu unha selección de proxectos defendidos en Esdemga ao longo dos últimos dous cursos, despois de que a pandemia impedise levar a cabo o desfile en 2020. Entre eles, 78.17 MB, a colección coa que Noemí Montenegro acadaba o Premio Setga ao deseño e a creatividade e coa que busca, explica no texto de presentación, “render homenaxe á figura da miña avoa dentro do contexto familiar, os seus costumes, a súa forma de falar…” e na que “a imaxe dela que se formulou na miña cabeza” exerce como “guía narrativa». Recoñecida co premio á colección con valor artesanal, outorgado pola Xunta, a través de Artesanía de Galicia e o Xacobeo, tamén poden contemplarse varios dos estilismos de Les années passent, de Bibi Martín, un proxecto “cun matiz tremendamente existencialista”, que ten na “incerteza” o seu motivo central, xa que é o resultado das propias vivencias e procesos de traballo ao longo dun ano marcado pola pandemia. Tamén está presente no Pazo Condominio, a colección coa que Sabela Juncal obtivo o galardón á mellor aplicación en moda de técnicas de sublimación Digipress & Epson, un proxecto centrado na creación dunha historia, “tanxible, física e visible», como é a creación dun fogar e as “relacións, estruturas, espazos e ambientes” que nel se establecen.

Xunto con outros oito traballos finais

Presentes tamén en Debut 2021 e previamente seleccionados para o Ego da Fashion Week Madrid, na exposición preséntanse Zebras in London? Why not?, de Sergio Villasante, e Cool people visit Benidorm, de Candela Novoa. O primeiro propón unha reflexión sobre o colonialismo xurdida dunha investigación centrada na zooloxía e na época victoriana e inspirada no filántropo británico Walter Rothschild; mentres que Novoa reuníu na súa colección distintos elementos «sobre o turismo de sol e praia e a cidade de Benidorm, dentro dunha estética dos anos 60 e notablemente kitsch”.

Queridas cousas permite tamén coñecer TFM como ( ) Entre paréntesis azuis, de Mireia Bruguera, nacido dunha reflexión sobre as mudanzas e “o proceso de habitar, as súas fases e necesidades”; e Goodspeed, de Lucas Cabaleiro, que afonda na idea das bandas e en como “a fronteira da sociedade acolleu a un grupo moi concreto de persoas, eternos buscadores, viaxeiros sen destino…”, sinala. «A mosca, a morte e como estes dous conceptos poden entrelazarse na idea da metamorfose” centran El funeral de la mosca, de Marta García, mentres que a reinterpetación dunha festa tradicional do Ecuador é a orixe Ambos diablos, de Santiago Proaño, que se presenta a través dunha peza audiovisual.

Asemade, entre as creacións nacidas como traballos de fin de estudos figuran tamén /9.6.51/ Bienvenido a tu destino, de María Alborés, un proxecto inspirado pola traxectoria vital do poeta William Burroughs. Tamén pode contemplarse Citizen 00, colección na que, a partires da súa análise sobre as consecuencias do sistema capitalista, Noemí Vidal dá forma a un “imaxinario onírico onde os individuos viven nun contexto homoxéneo e hermético”.

E cinco proxectos do alumnado actual

A exposición complétase coas propostas de actuais estudantes do mestrado, como Noemí Comesaña, que presenta Dandis en el jardín, que parte do seu interese “sobre o xardín salvaxe inglés, o movemento Arts and Crafs británico” e a figura do dandi; ou Andrea Rodríguez Eiras, que propón con Labores unha conversa entre artesanía e moda que lembra “o fogar e a tradición” de Galicia. Natalia Belén de Roia, pola súa banda, inspira o seu proxecto Haenyeo. Mujeres en el mar, nunha forma «de subsistencia matriarcal baseada en mergullarse directamente no mar» para capturar en apnea peixe ou marisco das mulleres das illas surcoreanas e nos traxes de mergullo que elaboraban. Así mesmo, Sergio Vidal achega á mostra unha reflexión sobre as flores, entendidas “como aparato reprodutor da plantas, no que a forma, as cores ou os olores manteñen un carácter funcional”, que á súa vez mestura con “elementos propios da cultura sexual contemporánea”; mentres que Sara Díaz Miranda amosa Entre verano, unha colección inspirada no “choque entre o doce e o terrorífico” que propón película Midsommar.