Lara Buyo (A Coruña, 1993) e Ana Corujo (Lugo, 1993) coñécense no ano 2011 na Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo), onde nace o Colectivo LAG. Licenciadas en Belas Artes e cun Mestrado en arte contemporánea, dedican a súa traxectoria á arte de acción baixo unha liña que reivindica a igualdade na súa totalidade sen despegarse da cohesión que para elas supón a arte en parella.
O difuso límite entre vida persoal e profesional é a frase que as une. Ao longo da súa traxectoria, defenden a arte en parella e dan a entender que, o que para algunhas persoas significa unha dinámica de traballo máis eficaz, para elas constitúe unha forma de definirse. O seu percorrido artístico vai da man dunha temática feminista onde a ironía e a reivindicación funcionan como ferramentas protagónicas.
Xeralmente, o seu traballo execútase no espazo urbano, apoiado por escenografías sobrias pero con gran simbolismo, e dá vida a unha coreografía de ritmos cíclicos que pretenden probar a resistencia do corpo e da mente para crear un punto de inflexión que provoque no público espectador unha nova toma de conciencia.
Coñecédesvos na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, onde xorde a posibilidade de formar un colectivo artístico. Como valorades o voso período formativo?
Ambas decidimos estudar Belas Artes baixo unha idea completamente diferente aos nosos posteriores traballos. Unha vez que comezamos a carreira, descubrimos e cursamos moitas disciplinas que descoñeciamos, pero probar, investigar e incluso errar axudounos a encamiñar o noso proxecto.
No ano 2016 recibides unha axuda Incuvi Emprende 2016 para levar a cabo unha idea de negocio, que cristalizou nunha tenda de deseño. O voso caso é un exemplo das diferentes opcións laborais que se poden atopar tras realizar os estudos en Belas Artes. Contádenos como foi ese primeiro ano e de que maneira foi evolucionando o voso proxecto.
O premio Incuvi Emprende cambiounos a vida por completo. Presentámonos case casualmente porque non tiñamos nin idea do que facer coas nosas vidas. Tiñamos claro que seguiriamos creando e traballando xuntas, de calquera xeito. Soubemos da oportunidade e, coma sempre, xa tiñamos o «non» (con esa frase atrevémonos a facer grandes cousas). Para presentarnos, elaboramos un pequeno modelo de negocio de pezas de roupa personalizadas. Na segunda fase, coa entrevista persoal, a directora da Asociación de Jóvenes Emprendedores viu en nós moita ilusión e enerxía e decidiron darnos o premio. Estivemos durante un ano elaborando un modelo de negocio cunha boa base, informes, estudo de mercado etc., da man do grande equipo de BlueBusiness. Grazas a iso puidemos conseguir un préstamo e entre iso e o crowdfunding recadamos o xusto pero suficiente para comezar.
Algo que compatibilizades co voso traballo artístico como Colectivo LAG. Contádenos que é e cales son os vosos obxectivos.
Si. Estamos moi agradecidas á Facultade de Belas Artes porque, aínda que é certo que ao terminar os estudos non podes acudir directamente a ningún sitio a enviar o teu currículo de artista, si achega ferramentas suficientes para valorar o teu traballo e conseguir aquilo que te propós. Colectivo LAG nace por mor de asociarnos en traballos da facultade, onde nos demos conta de que o que máis nos movía eran os temas sociais. Traballamos, desde un principio, a arte de acción baixo unha liña de reivindicación social ata que comezamos a dedicarnos á investigación sobre os colectivos artísticos, a arte en parella e as relacións persoais.
Por que decidides apostar pola creación artística en parella?
Foi algo que xurdiu dunha maneira inocente. Comezamos a colaborar en traballos e vimos que, aínda que somos totalmente opostas, temos moitas cousas en común e de aí xurdiu tanto a nosa relación persoal coma artística. Tamén temos que dicir que, polo menos no noso caso, traballar en parella non foi para nada unha vantaxe, nós sempre o vimos como unha dobre carga pero tiñamos e temos a sorte de entendernos á perfección e iso facilita o proceso de traballo.
Como comentades, hai un interese particular pola arte de acción, empregando o voso propio corpo como principal ferramenta creativa. Que posibilidades plásticas e expresivas ofrece?
Para nós a arte de acción foi un descubrimento. Agora podemos dicir que implica moita máis carga emocional da que pensabamos, polo menos segundo as nosas últimas obras e tendo en conta que sempre quixemos tratar temas sociais (que tamén entendemos como política individual). Posibilidades plásticas? Case diriamos que todas. Porque, como comentas, o corpo é a principal ferramenta pero na propia acción podes xogar con moitísimos elementos e materiais. As posibilidades son moitas, tanto no momento da acción coma no propio residuo.
Na vosa obra ten un especial interese a reivindicación da igualdade, así como a análise do rol da muller na sociedade e os estigmas baixo os que a miúdo se constrúe a identidade, algo que queda patente en pezas como Dos infieles, una sanción (2015).
Si, esa obra pertence ao noso traballo de fin de grao (TFG). Nesa etapa centrámonos moito na temática social e para nós o social vai inevitablemente ancorado á igualdade de xénero, é algo co que persoalmente loitamos a diario. Nesa peza utilizamos a ironía «bañándonos» durante horas en peles de mazás (o pecado orixinal) para referirse aos inicios, á primeira muller, a Eva como pecadora.
Masculinidad frágil (2020) volve cuestionar o enfoque respecto ao xénero. Esta obra foi seleccionada por La Juan Gallery para participar na multiperformance Xm2 no festival Territori de Eivissa. Como foi a experiencia?
A visita a Eivissa xurdiu por mor dun encontro que tivemos cos responsables de La Juan Gallery e tanto a viaxe, a convivencia cos demais compañeiros e a acción no festival foron unha experiencia moi grande para nós. Compartir ese espazo con outros artistas e con obras tan diferentes motivounos a probar novos enfoques para a arte de acción. Doutra banda, a propia acción que pensamos guiounos un pouco fóra da nosa zona de confort. Foi a primeira vez que creamos a nosa propia ferramenta para levala a cabo, deixando un pouco máis de lado a creación de escenografías coidadas que participan na obra.
Como presentades, neste caso, a posta en escena e que resultados vos interesaba mostrar?
Foi algo bastante experimental para nós. A posta en escena por primeira vez non eran máis ca as ferramentas necesarias para levar a cabo a acción. Neste caso, un pene de plástico verde suxeito por unha estrutura de madeira e uns arneses que atamos ás cadeas dunhas motoserras para manternos atadas a unha á outra de modo que, para serrar o pene, tiñamos que realizar exercicios abdominais de modo sincronizado. Non esperabamos ningún resultado en concreto pero si ironizar co ambiguo. A escena na que dúas mulleres facendo abdominais serran un fráxil pene de plástico pretende pór en evidencia o tema da masculinidade fráxil, como o seu propio nome indica. Buscamos estudar como o machismo e a desigualdade afectan tamén ao xénero masculino, facendo que se sinta ferido ao ser superado ou igualado por unha muller en deportes ou outras actividades vinculadas por herdanza ao home.
Cal diriades que é o impacto, tanto na sociedade coma na esfera artística, da creación en chave feminista?
Esta pregunta cústanos un pouco respondela porque temos dous puntos de vista diferentes. Por unha banda, cremos que o impacto que ten é positivo, que funciona como un espazo seguro de visibilización da arte de mulleres artistas e da arte de mulleres e homes con temática de xénero. Doutra banda, dóenos pensar que quen pode chegar a comprender ese tipo de arte como válido é xente que xa está educada nesa contorna e que, quizais, é a que menos necesita nutrirse desa imaxe. Por iso, hai que seguir loitando día a día para continuar gañando espazo na esfera feminista.
Outra das reflexións que impulsan os vosos proxectos é o significado social de parella e o binomio amizade/amor, que tratades en Luna de miel ou De hecho, pareja (2016), pezas realizadas no contexto da vosa formación.
De hecho, pareja foi o noso traballo de fin de mestrado (TFM) e supuxo un punto de inflexión na nosa traxectoria. Se de algo nos queixamos todos eses anos foi de que a institución non entendía que o traballo en parella non supón menos esforzo ca facer un traballo de forma individual e todo iso levounos a tratar o tema das relacións persoais. Quixemos falar dos tipos de amizade e ironizar a nosa ata tal punto de facela legal, para ter un argumento de peso á hora de poder traballar como colectivo.
Luna de miel é un traballo que precede ao anterior, pero xa estaba enfocado nos mesmos termos. Presentámonos vestidas de noivas porque consideramos que hai un problema coas etiquetas e os límites nas relacións interpersoais. O único que nos diferencia do que a sociedade actual entende como «parella» é que non mantemos relacións sexuais. Por iso reivindicamos o noso lugar como parella dunha forma irónica e seguimos experimentando modos de expoñelo. O tema dos ladrillos vestidas de noiva gustábanos moito a nivel estético, parecíanos significativo romper coa imaxe da doce noiva inmóbil que camiña cara ao altar. A idea dos ladrillos era representar que o noso propio altar é todo o que construímos xuntas.
Enmarcariades o voso traballo dentro do activismo artístico? Pode a arte axudar a sensibilizar sobre as diferenzas culturais, de xénero e outros temas relacionados?
Sen dúbida. A maioría das nosas accións danse no espazo urbano e en todas contamos coa azarosa intervención do público, polo que sempre esperamos provocar algunha reacción no público espectador.
No ano 2019 traballastes no Vello Cárcere de Lugo, dentro do proxecto das Residencias Paraíso (Colectivo RPM). Este é un espazo moi connotado, por ser prisión. A vosa proposta, Libertad condicionada, recollía parte da memoria e a enerxía dese lugar. Como foi a presentación desta obra?
Foi máis un proxecto de investigación para nós ca unha obra pechada. Chamounos a atención ese lugar desde un principio por toda a carga social e política que contiña. Quixemos investigar o espazo e a historia para poder materializar nunha obra de varias accións, o que nós entendemos como a represión que houbo nese lugar. Cando te atopas nel e o vives desde a túa situación privilexiada, sénteste pequena por non poder chegar a comprender todo o que alí sucedeu.
Para vós supuxo unha inmersión total no espazo, ademais dunha investigación que implica profundar no humano. Contádenos como vivistes o proceso.
Procuramos involucrarnos na historia, a metade da residencia tivemos varias entrevistas con familiares e investigamos todo o que puidemos co material que nos proporcionaron; a outra metade tentamos vivir o espazo para traballar o corpo, as emocións e as sensacións. O resultado foi honesto. Non houbo unha obra final pero si varias accións realizadas a modo de broche que englobaban un pouco a nosa experiencia alí.
Continuando co interese por atender a cuestións de carácter social, destaca a vosa acción Pánico realizada no marco de Plataforma. Festival de Artes Performativas no ano 2020, coincidindo coa covid-19. De que maneira integrastes a pandemia no discurso e cales foron os principais retos do proxecto?
A verdade é que o tema das restricións pola pandemia afectou moito á nosa obra porque a maioría das nosas accións realizámolas no espazo urbano e, en case todas, proponse algún tipo de contacto físico co público. De aí naceu a idea de Pánico, como resultado dunha acción que non requirise máis persoas ca a nós mesmas. A mensaxe, coma sempre ironizada, narra a historia dunha época na que a sobreinformación da pandemia covid-19 afectou á poboación e provocou unha histeria xeneralizada, un sementar o pánico que conduciu a moitas persoas a reformular o seu estilo de vida e florecer como símbolo de prosperidade, tanto individual coma colectivo.
En que estades a traballar actualmente?
Actualmente continuamos coa nosa tenda de produtos personalizados e deseño gráfico, o cal nos resta bastante tempo para dedicarnos á arte de acción. Con todo, utilizamos ese pouco tempo para a investigación máis teórica e seguimos coa liña do autorretrato como parella, do traballo como colectivo e da arte como reivindicación social. Procuramos ler e ir anotando todo tipo de ocorrencias: ideas que xorden espontaneamente, localizacións interesantes para elaborar accións ou materiais cos que nos gustaría traballar. O proxecto que talvez teñamos máis claro actualmente é unha acción que está a esperar ver a luz, o seu título é Marco Polo e só necesitamos un labirinto…
Moitas grazas!