Entrevista a Victoria Diehl

Desde a Facultade de Belas Artes, estreamos a sección de entrevistas dentro deste apartado de novas co obxectivo de visibilizar o traballo das nosas exalumnas e exalumnos. Deste xeito, buscamos un achegamento entre diferentes xeracións de estudantes ao mesmo tempo que demostramos as posibilidades que a práctica artística ofrece na actualidade.

Comezamos conversando con Victoria Diehl (A Coruña, 1978) que conta cunha importante proxección nacional e internacional, compaxina o seu traballo como artista coa actividade docente e actualmente acaba de ler a súa tese As representacións do corpo en tránsito entre significados e espazos discursivos fronteirizos. O traballo de Victoria Diehl destaca pola súa capacidade de exploración do corpo; un corpo repensado, que revisa toda a súa tradición expresiva e a súa significación moderna para descansar nun estado de tránsito onde coinciden a carne e a pedra. A quietude da escultura clásica e o fervor rosado do corpo, a perfeción e a deformidade… Formalmente, as súas imaxes miran á historia recollendo o seu perfil para adaptalo a unha óptica contemporánea e entón, desde aí, expor unha serie de temáticas comúns que poboan o noso contexto sociocultural. Falamos con Victoria da representación do corpo na súa obra, da súa investigación artística e teórica e de todas as intencións conceptuais que se atopan no seu traballo.

A túa obra está orientada ao mundo da fotografía e o tratamento dixital da imaxe. Visto con algo de perspectiva, que aspectos destacarías da túa etapa como estudante de Belas Artes e como influíu a túa formación no teu traballo actual?

A miña actividade artística comeza no ano 2002, sendo alumna da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Obtiven a Bolsa de Creación Fotográfica do Concello de Santiago de Compostela e do Centro de Estudos Fotográficos de Vigo (CEF) codirixido por Manuel Sendón e X.l. Suarez Canal (responsables, á súa vez, de diferentes comisariados de fotografía, da Fotobienal de Vigo desde 1984-2000, de VIGOVISIÓNS 1986-2000 e da programación da Sala dos Peiraos de Vigo durante os mesmos anos). O proceso de creación de Vida y muerte de las estatuas sucede en Pontevedra, digamos que non foi unha influencia senón o comezo de toda a miña traxectoria actual. Vida y muerte de las estatuas foi publicado polo CEF na colección Do Trinque, conxunto de monografías que inclúe o traballo de fotógrafos históricos da talla de ACID E Cucher, Antoine D´Agata ou Milagros de la Torre, entre outros, e expúxose por primeira vez en 2003 no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela. Isto supuxo un marco de visibilidade e de recoñecemento do meu traballo que me permitiu desenvolver a miña carreira no mundo da arte.

Desde as túas primeiras aproximacións á fotografía ata agora, como dirías que evolucionou a túa obra?

Desde o proxecto artístico comezado no ano 2002 con Vida y muerte de las estatuas, as temáticas fóronse repetindo e reiterando. No meu último traballo, En las moradas del castillo interior, as imaxes do estudo anatómico proporciónanme unha fonte de información que reúne as características dos corpos indefinidos ou inclasificables tan presentes na miña obra. Na serie anterior xa estaban presentes as nocións de cambio e mutabilidade, a representación do corpo exterior e a insinuación da existencia do interior, a dúbida sobre a beleza do corpo presente nas alusións ás vanitas barrocas e os ritos de devoción dos cadáveres dos corpos santos. A narratividade do discurso conceptual aséntase no fragmento, nas mans que rozan e avivan as expresións das Venus da miña última serie. A ambigüidade que proporcionan estes corpos femininos é difícil de resolver. A diferenza no modo de producir corpos en tránsito nesta serie de imaxes está en que non é o corpo o que se modifica, senón que se repite, e son os obxectos que a rodean os que transforman o corpo.

As túas imaxes propoñen, visual e conceptualmente, unha convivencia coa iconografía clásica sen perder de vista o enfoque contemporáneo. De onde nace o teu interese por conciliar ambos universos?

En realidade non só traballo con iconografías do mundo da arte, senón que tento conciliar a representación do corpo entre distintas ramas do coñecemento, xa se trate da obstetricia ou da anatomía, pero tamén doutro conxunto de saberes e prácticas discursivas como a relixiosidade ou o mundo do espectáculo. Desde este punto de vista, quixen investigar baixo que condicións os obxectos familiares e coñecidos dentro dunha disciplina pódense tornar sinistros noutra. A hipótese da que me servín na miña investigación teórica, e que tamén inspira a miña obra por completo, é a sobresignificación do corpo, é dicir, a idea de que nin os discursos disciplinarios, nin os saberes ou prácticas relixiosas son capaces de absorber por completo o significado do corpo humano, que sempre presenta ou ben un déficit ou ben un exceso en relación ao seu contexto discursivo.

Fálanos un pouco do proceso de traballo, desde que nace a idea ata a súa materialización final.

O meu proceso de traballo non é en absoluto ordenado. O proceso creativo está aberto desde que busco as imaxes nos museos, igrexas, arquivos… ata que termino as montaxes dixitais. Eu non podería encargar ningunha peza das que realicei porque vou tomando decisións durante todo o proceso. O que quero non é tanto proxectar o traballo senón gozar do proceso.

No teu traballo prodúcese unha sorte de suspensión do tempo que poderiamos ler en dúas direccións. Por unha banda, está a parte máis visual onde se confronta a serenidade clásica, marcada pola posición e a brancura das imaxes, co brío do corpo vivente, que tamén solicita o seu espazo e deixa o rastro da actualidade. Doutra banda, o teu proceso de produción require un tempo prolongado. Isto difire da inmediatez propia da fotografía contemporánea.

Traballo coa fotografía polo carácter de veracidade que ten este medio. Aínda que somos completamente conscientes de que estamos ante unha montaxe, a fotografía ten esa capacidade de pornos diante das imaxes e crer que iso que vemos ocorreu dalgunha maneira. Por outra banda, a imaxe fotográfica está sempre relacionada co acto de documentar e a min interésame porque me gusta xogar co engano. Hai, sobre todo, unha intención de recrear as imaxes oníricas, coma se saísen directamente da nosa imaxinación. O proceso difire da inmediatez propia da fotografía contemporánea, como dis, pero non do traballo de laboratorio nin da posprodución fotográfica. É verdade que eu experimento un proceso moi ligado á pintura, con todo, este traballo non funcionaría na linguaxe pictórica por moi hiperrealista que fose o acabado.

Estableces un contraste entre a carne e a pedra, a perfección e a deformidade. Trátase dun xogo de opostos que provoca un estrañamento no espectador, pero tamén nos convida a reflexionar sobre os canons establecidos en torno ao corpo. Que buscas ao crear estes diálogos?

O meu traballo fala do corpo en metamorfose e, como parte da modificación obxectual do corpo, quixen prestar atención á súa transitoriedade entre o real e o imaxinado. O meu interese polos monstros, como as formas retóricas que empapan a miña propia obra, centrouse no papel que desempeñaron as representacións visuais da deformidade física. Dito doutra maneira, interésame a fronteira entre o corpo real e o corpo imaxinado, entre o híbrido e o organismo denominado normal. O meu traballo conduciume a tentar comprender os mecanismos que confiren verosimilitude ao obxecto representado. Construín unha parte importante da miña obra, onde a figuración entre a realidade e a ficción estivo sempre presente. Posto que toda representación é, en boa medida, tamén un engano, a dificultade consiste en esclarecer cales son os artificios retóricos que permiten testemuñar a realidade dos seres representados, sobre todo se eses seres supoñen unha ruptura do patrón ou a norma establecida.

Hai unha intención política en todo iso?

Sempre hai intención política na representación do corpo.

No ano 2014 recibiches unha oferta do New York Times para crear a imaxe de portada do seu número anual de cultura. Como xurdiu esta oportunidade?

Nuns encontros organizados por PHOTOESPAÑA, nos que se puxo en contacto aos artistas pertencentes ao Archivo de Creadores de Madrid, (no meu caso seleccionada polo comisario David Barro) con comisarios internacionais. Alí coñecín a Kathy Ryan e Lesley A. Martin, interesáronse polo meu traballo e dous anos despois encargáronme a portada do anual de cultura.

Seguindo o teu particular estilo, retrataches á actriz Lena Dunham para posteriormente convertela en estatua, concretamente en Paulina Bonaparte, esculpida por Antonio Canova. Como foi o proceso de creación da imaxe e que supuxo para ti esta experiencia?

Traballar para o New York Times achégache un gran recoñecemento. Proporcionoume a posibilidade de expor con recoñecidísimos fotógrafos e en centros como o Aperture Foundation de NY.

Recentemente liches a túa tese As representacións do corpo en tránsito entre significados e espazos discursivos fronteirizos na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Cóntanos un pouco de que trata e que supuxo para ti a investigación, tanto a nivel persoal como profesional.

O principal obxectivo desta tese consistiu en investigar as representacións do corpo en tránsito, xa sexa que consideremos ese tránsito entre espazos ou entre discursos e disciplinas. Ao mesmo tempo, busquei indagar nas condicións que fan posible as transicións e transmutacións de significado das representacións do corpo. Do mesmo xeito que no conxunto xeral da miña obra artística, quixen indagar en formas culturais fronteirizas, tanto no sentido de explorar imaxes situadas na intersección de varias disciplinas como de profundar naqueles espazos ou discursos que pertencen de maneira simultánea a máis dun ámbito de representación. De maneira máis particular, para estudar estas representacións de corpos en tránsito centreime nas características iconográficas de corpos que viaxan ou que se transmiten dunhas disciplinas a outras, mesturando estes obxectos ou provocando semellanzas que non atenden a unha explicación específica. En relación a este tipo de sucesos, hai estudos precedentes como o Atlas das expresións da dor do antropólogo italiano Paolo Mantegazza, ou o famosísimo Atlas Mnemosyne do teórico da imaxe Abby Warburg. Non pretendín, con todo, catalogar nin as expresións da dor nin as paixóns humanas, senón indagar nas condicións que fan posible os desprazamentos da representación- incluíndo a representación emocional. Mesmo cando fago uso da historia, non se trata dunha tese doutoral de historia nun sentido convencional. Non son historiadora, senón artista. O que si fixen foi servirme da historia para, case a modo de flashbacks, ir dunhas imaxes a outras, buscando as súas suxestións recíprocas e a súa iconografía complementaria. Tamén quixen ver como evolucionan estas representacións do corpo e van variando a súa forma dependendo das crenzas e hábitos socioculturais. A representación estará enmarcada por un contexto cultural que posibilita a lectura plural de distintos obxectos e afástaos, como sucede no conxunto da miña obra de produción artística, dunha significación cultural ou visual unívoca. A hipótese sobre a que se sostén esta idea é que o corpo non se mantén constante nin na experiencia nin no ámbito da representación. Por unha banda, as relacións emocionais coas imaxes do corpo analizáronse atendendo á intencionalidade para a que se construíron estas representacións. Pola outra, indaguei nas condicións que fan posible a representación polisémica do corpo. Esta investigación puxo orde o meu pensamento e a miña obra, ao mesmo tempo que serviu de resumo retrospectivo do que foi o meu traballo unido ás miñas experiencias coa arte.

Moitas grazas Victoria, cales serán os teus seguintes pasos?

O meu futuro inmediato parece ligado ao papeleo, é dicir realizar a documentación da Acreditación (ANECA) no que respecta ao meu futuro docente. No que respecta ao meu traballo de creación, que sufriu unha pequena interrupción, a realización desta tese supón un gran enriquecemento conceptual á hora de retomar os proxectos que aínda estaban en curso.

Moitas grazas Victoria!