Graduada en Belas Artes e cun Mestrado en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas pola Universidade de Santiago de Compostela e outro en Fotografía Conceptual e Artística pola Escola EFTI de Madrid, Verónica Vicente traballa na intersección entre a fotografía, a escultura e o vídeo-performace. O seu proceso sitúase nese espazo de hibridación no que se reforzan as potencialidades de cada linguaxe para situalas en relación a unha idea ou concepto. Desde o inicio, destaca o seu interese pola cuestión da identidade na sociedade contemporánea, investigando os nosos diversos perfís nun contexto multipantalla que imposibilita o encontro do eu. As súas series fotográficas exploran a idea da aparencia e a corporeidade integrando ao espectador nesa fráxil liña entre o privado e o público, facéndonos reflexionar sobre a imaxe que proxectamos e tratando de investigar as nosas propias orixes.
Actualmente foi recoñecida co Premio de Fotografía Joven Fundación Enaire en JustMad 2019 e a súa obra está depositada en coleccións como a Fundação Bienal de Arte de Cerveira, o Colexio de España en París, o Centre d´Art La Panera de Lleida ou o Museo Nacional de Escultura de Valladolid, entre outros. O seu traballo estivo en mostras individuais na galería La Gran de Valladolid ou na Casa da cultura de Pontedeume dentro do Festival Outono Fotográfico (2013) e foi presentado en multitude de exposicións colectivas a nivel nacional e internacional.
Desde os teus primeiros traballos interesouche a idea de corpo e identidade. Se nun primeiro momento esas preocupacións tiñan que ver con nocións sobre o privado e o público ou con preguntas como quen son? ou quen son ante o outro? en series como Una estrategia de la apariencia ou Figuras decorativas o discurso comezou a centrarse no concepto de invisibilidade ou ocultación. Fálanos desta evolución.
Creo que tomei máis conciencia do meu corpo, de min mesma, e centrei a preocupación na súa corporeidade. Aínda que é certo, antes non aparecía ou se o facía era porque o feito de sacar a fotografía delatábame e, ao mesmo tempo, delataba ao espectador ao facelo cómplice da acción, como sucede en Frontière à ne pas franchir? Digamos que agora o corpo pasou a ocupar un lugar determinante. É protagonista aínda que se ve reducido a forma, luz e materia e aparece totalmente despersonalizado. Interésame especialmente esa fráxil liña que separa o privado do público, o estar e o non estar, o ser un corpo (vivo) ou simplemente materia propia de obxecto. Poderíase dicir que simplemente houbo un cambio de posición con respecto á cámara: antes só aparecía detrás, como voyeur, e agora son o obxecto da mirada.
Nunha sociedade cada vez máis tendente á virtualización do eu, na que a nosa imaxe aparece reproducida en miles de pantallas e moitas veces modificada en canto á súa aparencia real, o que propós é precisamente o contrario: a eliminación do suxeito.
Teño a sensación de que nos estamos desdebuxando… A nosa identidade na rede multiplícase con tantos perfís como aplicacións e, ao final, acabamos por non saber cal é a nosa identidade real: a que filtramos na rede ou a que mostramos cando estamos cara a cara. Na sociedade na que vivimos hai un exceso de imaxes e van a tal velocidade que se volven imposibles de asimilar. Non paramos de sacarnos selfies, cando viaxamos sacamos compulsivamente fotografías sen tomar conciencia do lugar, nin de nós mesmos. Se non sacamos algunha fotografía para subila a unha rede social non estivemos alí. Vivimos a través da pantalla. Hai un exceso de información e distraccións. A sensación de que todo toma unha especie de borrosidade é cada vez maior. Case tan borroso como o selfie que sacamos ás carreiras en calquera lugar e gardamos en calquera cartón de memoria de calquera dispositivo…
Utilizas a tea para invisibilizar o corpo, para convertelo nun ente amorfo e desposuído de personalidade.
Falamos continuamente de coidar o corpo, de estar en forma. Preocupámonos pola aparencia ante os demais pero facemos pouco por pensarnos e analizarnos, por parar e tomar conciencia de nós mesmos. O ritmo acelerado da sociedade, os estereotipos que propón (ou impón), fan do corpo un obxecto case escultórico, moldeable e despersonalizado. Todos seguimos os mesmos modelos. Vestimos igual e parece que debemos ter a mesma “forma” musculada de ximnasio para ir no mesmo sentido no que vai a sociedade, a moda, a publicidade…
Para as accións que realizo utilizo roupa normal: un xersei, saia ou vestido… calquera peza de roupa cuxa tea sexa un pouco flexible e se adapte ao corpo para darlle forma. E é así porque quero incidir nese vórtice de consumo e preocupación pola estetización do corpo, desde a súa vestimenta até o excesivo culto ao corpo.
Desde outra perspectiva, podemos pensar por exemplo nas grandes envolturas arquitectónicas de Christo & Jean Claude que servían para modificar a paisaxe circundante e xerar maior expectación sobre aquilo que ocultaban. Ao anular o seu aspecto créase unha especie de admiración ou de curiosidade polo que hai debaixo. No teu caso, esta idea de ocultación ten tamén que ver con iso?
Exacto, ao xogar con esa invisibilidade acábase xerando maior interese sobre o oculto. Converter o corpo nunha “escultura decorativa” (de forma literal) é evidenciar o seu estado como obxecto, obxecto da mirada do outro. Aquel que é construído ou esculpido por e para a súa contemplación, co fin de ser desexado. Cando o espectador dáse conta de que aí debaixo hai un corpo, o seu xesto cambia. E é aí onde quero ir, á reflexión sobre o corpo sometido aos estereotipos, os canons ou as modas. Cando o corpo é atrapado polas súas propias vestiduras.
Falas do corpo convertido en escultura. Poderiamos dicir que o teu traballo transita nun espazo híbrido no que se conectan fotografía e escultura. Lembra a cando Bernd e Hilla Becher recibiron o premio de escultura na Bienal de Venecia de 1990 (León de Ouro) polas súas fotografías.
É algo que me interesa especialmente, a conexión de diferentes disciplinas. Cando a escultura ten tanto peso como a fotografía. Mesmo se pode dicir que traballo con accións que se converten en escultura e que logo rexistro en fotografía ou vídeo. Gústame que haxa un equilibrio, que todos os elementos que aparecen estean por algún motivo e, sobre todo, que non haxa nada que non achegue algo á imaxe. Teño a sensación de que cada vez traballo máis a escultura que a fotografía… e esa idea gústame.
Falemos agora das túas vídeo-performance. Nestes casos o corpo abandona o seu lugar como obxecto inerte e comeza a moverse sutilmente, mostrando ás veces algunhas das súas extremidades. Estas figuras convértense agora no único punto móbil da imaxe. Que buscas representar nestas pezas?
Cando realizo esas accións, o meu corpo vese reducido ao espazo dunha peza de roupa. É un tira e afrouxa entre o tecido e o meu corpo oprimido. Visualmente pode resultar estético, atractivo, pero se mirásemos como está ese corpo aí dentro quizais a nosa percepción cambiaría. A facilidade coa que o corpo pasa a ser materia máis propia dun obxecto subliña a súa vulnerabilidade e fraxilidade. O seu atractivo visual deixa oculta a identidade. Son accións que pretenden agudizar a crítica sobre o corpo que é pensado para os demais, a excesiva preocupación sobre a fachada e a imaxe que proxectamos.
Non é un pouco kafkiano?
Totalmente. A sensación, ao estar dentro desa roupa que me oprime, perfectamente podería lembrar á situación de abafo e tensión que sofre Gregor Samsa na Metamorfose.
Coa túa nova serie, Escrito en las hojas, dás un pequeno xiro temático á túa obra. Confrontas o papel dos libros, repletos de historias, coas follas das árbores que caen e desaparecen cedendo o seu lugar a outras. Que orixinou este traballo?
En maior ou menor medida, todos os meus proxectos conectan comigo mesma, con algunha preocupación, obsesión ou circunstancia… Neste caso realizo unha volta á orixe, ás raíces, ao lugar que sempre estivo presente aínda que tomase distancia. O lugar ao que chamamos fogar, de onde dicimos que somos ou pertencemos. De forma metafórica, os libros, as súas páxinas, son as follas da árbore da vida; onde forxamos e escribimos a nosa historia persoal. A idea da folla que cae no outono pero volve na primavera é aquilo que che distancia do lugar de orixe (das raíces) e, ao mesmo tempo, iguálache e identifícache.
Ten algún sentido a selección dos libros ou é arbitraria?
Os libros forman parte da biblioteca da miña tía, lectora compulsiva e amante dos libros desde sempre. Gran parte da súa marabillosa colección tena na casa da miña avoa, lugar onde vivín cando era pequena. Lembro xogar e durmir na habitación onde estaban (e aínda están) todos eses libros. Usalos conecta directamente coa miña infancia e con esa casa.
Seguen latentes cuestións como a camuflaxe, a adaptación ao medio ou a revisión da identidade.
Son conceptos que sempre están presentes; cuestións existenciais ás que volvo continuamente en busca de novos puntos de vista, como unha necesidade inesgotable e incesante de revisar e analizar quen son con respecto ao que me rodea. Cuestións que expoño sobre min mesma nun primeiro momento para logo extrapolalas a un plano colectivo ou social. Interésame analizarme no contexto, que é o que me afecta, os fíos que dirixen a sociedade e as problemáticas cotiás. Todo aquilo que nos afecta acabará formando parte da nosa identidade, transfórmanos e sitúanos.
Agora trátase dun obxecto inerte (o libro) que se enche de significado pola acción humana mentres antes o corpo despersonificábase para converterse en algo inactivo.
Aínda que formalmente é un proxecto diferente, Escrito en las hojas ten moito que ver con proxectos anteriores. Os libros tamén aparecen despersonalizados, a súa identidade aparece oculta; non sabemos nin o autor, nin o seu título. Tampouco sabemos nada da historia que nos contan. Novamente a súa presenza vese reducida ao puramente material, como o meu corpo en accións anteriores.
É certo o que dis en canto á visualización ou construción final da obra. Pero, se nos imos ao plano conceptual, penso que eses libros están máis cargados de significado. Falas da experiencia, de volver á orixe, a importancia do fogar… cuestións que teñen que ver cun compoñente indentitario que precisamente se ocultan en anteriores series. Ou talvez son diferentes modos de ler o teu traballo…
Nese sentido, quizais teña que ver co carácter metafórico que adquiren os libros ao ser descontextualizados e postos en contacto co medio natural, coa súa verdadeira natureza. Se o pensamos ben, os libros tamén regresan á súa orixe. Da posta en relación coa árbore, coas súas follas, despréndense conceptos ligados á formación da identidade, a marcha e o regreso, os ciclos da vida… Unha visión poética sobre a natureza identitaria e como a partir de aí aprendemos, filtramos ou absorbemos, en maior ou menor medida, todo aquilo que acabará formando parte da nosa identidade.
A escultura adquire aquí maior protagonismo, xa non é intuída a partir desa ocultación do corpo senón directamente construída. Parece case un exercicio de Land Art. Como expós a construción da imaxe?
Polo xeral, primeiro busco as localizacións e logo volvo cos libros -son moitos e moi pesados-. Desa forma podo facer apuntamentos previos no estudo aínda que deixo unha boa parte á improvisación e ás esixencias do propio lugar. Paréceme moito máis interesante resolvelo in situ que levalo totalmente planificado. Ademais, é esencial que se adapten ao terreo ou ás árbores e acaben formando parte dun todo.
Outra cousa que está moi presente en todas as túas series é o coidado da escenografía. O equilibrio da composición ou a cor, por exemplo, tamén xogan un papel importante. Como é todo este proceso previo de decisións para chegar ao resultado final?
A procura e elección dos espazos e localizacións é, normalmente, o máis laborioso. Pero tamén o fundamental, do mesmo xeito que a luz, que sempre é natural. En Escrito en las hojas está moi condicionado á climatoloxía e á estación do ano. Ao tratarse do bosque só tomo as fotografías con días nubrados para conseguir unha luz suave e evitar altos contrastes. Tamén me condiciona a estación do ano; empecei esta serie no outono, polo ton marrón que adquire o bosque, a caída das follas… Agora na primavera, co recente brote das follas novas dificúltao un pouco máis. Pero consiste en percorrer o bosque até visualizar un determinado espazo que por algunha razón encaixe na idea que previamente traballei.
Pola súa banda, en Figuras decorativas a procura de espazos (salóns ou estancias de casas señoriais) foi aínda máis complexa xa que, ademais do feito de ter que acceder a palacetes particulares ou privados, necesitaba de certos permisos. En ocasións abríronme a porta de par en par e, noutras, pechárona sen escoitarme, todo hai que dicilo. Ao final púideno resolver entre o sur de Pontevedra e norte de Portugal, incluíndo Oporto. Nesta ocasión, levaba a idea bastante traballada (ao visitar previamente o espazo), unha selección importante de roupa pero tamén unha boa porcentaxe de improvisación; normalmente só tiña acceso unhas horas nas que debía resolvelo.
Por último, quédanos felicitarte polo recente Premio de Fotografía Joven Fundación Enaire en JustMad que recibiches este 2019 e preguntarche se este recoñecemento abriuche outras portas e cales serán os teus próximos pasos. Moitas grazas por atendernos!
O premio é sen dúbida un aliciente enorme, unha motivación extra e un xute de enerxía para continuar por ese camiño. Grazas a Fundación Enaire, tres recoñecidos fotógrafos están a achegarme a súa experiencia nun traballo que será exposto no acto inaugural de PhotoEspaña no Xardín Botánico de Madrid.
Tamén estou a preparar unha exposición individual en Espazo Alexandra (Santander) que fará parte da programación off de PhotoEspaña. E grazas ao traballo incansable de Pedro da galería La Gran tamén estamos a preparar un pequeno libro sobre o meu traballo e será presentado nese mesmo espazo.
Moitas grazas, é un pracer 🙂