Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e cun Máster en Arte e Comunicación cursado na Acme Galicia, Santiago de Compostela, Nuria Díaz centrou a súa carreira artística no ámbito do deseño gráfico e a ilustración. Tras obter no ano 2010 o Premio de Ilustración Pura e Dora Vázquez da Deputación de Ourense, focaliza o seu traballo cara ao mundo da ilustración editorial, publicitaria e de produto.
Confiaron nela editoriais como Planeta, Anaya ou Xerais e empresas como Samsung ou Bezoya, entre outras. Recentemente publicou Gran Hotel Wes Anderson (Lunwerg Editores, 2018), un libro que nos aproxima ao director americano para marcar un percorrido a través da súa biografía e filmografía, establecendo un curioso diálogo visual entre os universos do cinema, a ilustración e a animación. Actualmente conta cunha marca propia que promociona e vende a través da súa páxina web. Falamos con Nuria sobre os retos e dificultades do traballo creativo, a necesidade de reivindicar e visibilizar a ilustración e as diferentes estratexias que emprega á hora de formalizar os seus proxectos.
Fórmaste en Belas Artes pero inicias a túa carreira no ámbito do deseño e finalmente te decantas pola ilustración como saída profesional. Fálanos desta evolución e cóntanos de que maneira influíu a túa formación como artista no teu traballo actual.
Nos últimos anos de Belas Artes decanteime polas materias máis enfocadas ao deseño ou o ámbito audiovisual, interesábanme máis que a profesión de artista. Estiven varios anos traballando como deseñadora gráfica por conta allea, en axencias de deseño e publicidade. A ilustración púxose no meu camiño cando quedei no paro e comecei a retomar o debuxo, algo que non deixara de todo pero ao que non lle dedicara o tempo necesario. Por mor de gañar un premio nun concurso de ilustración comecei a fixarme neste mundo. Do meu paso por Belas Artes lévome sobre todo a miña formación en debuxo, que é o que máis me axudou no meu traballo actual. Lembro as clases de debuxo ao natural como o mellor da carreira.
Desde que inicias a túa carreira profesional até hoxe, notaches un avance en canto á visibilización e dignificación da ilustración?
Levo poucos anos no mundo da ilustración (desde o 2012) e neste tempo si que foron xurdindo máis propostas ilustradas para todo tipo de público. Afianzouse o libro ilustrado para adultos, por exemplo. Pero en cuestións como a dignificación da profesión queda moito por facer. Non se acaba de valorar a profesión, as remuneracións para o ilustrador seguen sendo moi baixas e por desgraza temos un sistema de autónomos que non facilita as cousas cando te dedicas a unha profesión creativa. Téndese a idealizar o mundo da ilustración e non é así, de feito é unha profesión dura, realmente é moi complicado vivir plenamente dela.
Tal como dis, e como sucede coa maior parte das profesións creativas, parece que continúan manténdose certas barreiras que tenden a tipificar estes traballos e a infravaloralos moitas veces economicamente. Atopácheste nalgunha situación incómoda?
Si, lamentablemente máis dunha vez. Continuamente chégannos propostas de “colaboración” ou nos comentan que “o noso orzamento é limitado”. Tamén escoitei iso de “non podemos pagarte pero faremos moita publicidade”. Outra cousa moi habitual o “spec work” que é o traballo especulativo. Esta práctica consiste en que unha empresa lanza unha convocatoria para un proxecto (xeralmente a través de Internet) e varios creativos traballan en diferentes propostas, daquela a empresa decántase por un proxecto en particular deixando aos demais sen pagar. É como unha especie de concurso low cost e temos que loitar contra iso para que non se devale máis a profesión. Isto non pasa noutras profesións, non se nos ocorrería ir a un restaurante e pedir tres pratos para ao final pagar soamente polo que máis nos guste, por exemplo.
Ademais do traballo creativo existe ese labor ás veces invisible pero completamente necesario de xestión e difusión. É algo do que non se adoita falar, de todo ese traballo promocional e de procura de clientes que frecuentemente recae tamén nunha mesma. Cal é o teu caso?
Eu ocupo o 50% do meu traballo xestionando a miña empresa e o outro 50% debuxando. Hai moito traballo invisible: xestión da web, redes sociais, mails, orzamentos, facturas, procura de clientes e un longo etc.
É algo para o que non adoitan prepararnos na facultade…
Segundo a miña propia experiencia, nos anos que estiven na facultade en ningún momento preparóusenos para saber que nos iamos atopar fóra, o que é o mundo laboral. Unha gran parte da xente que sae da facultade vai dedicarse a un proxecto propio (sexa artístico, de deseño, de ilustración…) Estaría ben algún tipo de curso ou contidos que fagan fincapé en como atopar clientes, como crear un portfolio… En definitiva, en como funciona o mundo laboral unha vez rematas os estudos.
En canto ao teu traballo como ilustradora, publicaches libros tanto de literatura infantil e xuvenil (Libro dos bicos) como outros títulos enfocados ao público adulto (Fit girls). Á hora de traballar, son moi diferentes as directrices que se establecen para crear os deseños?
No meu caso a diferenza radica sobre todo na temática, en que é aquilo que tento contar coa ilustración. O meu estilo de debuxo non varía moito se fago un libro infantil ou de adulto pero si cambia a mensaxe que comunico a través da imaxe.
Encargácheste das ilustracións do libro Pioneiras. Galegas que abriron camiño (Xerais, 2018, con contidos de Anair Rodríguez). É unha forma necesaria de reivindicar o papel da muller e facelo nunha linguaxe amena, que pode chegar a outro tipo de espectadores máis aló da investigación académica. Fálanos desta experiencia, de como podemos reflectir a importancia da muller desde o ámbito creativo…
Encantoume realizar o traballo para Pioneiras. Primeiro, porque soamente coñecía a unha das mulleres que aparecen no libro e este tipo de proxectos nos que te dedicas un pouco á investigación fascínanme. En segundo lugar porque realmente era un libro moi necesario, o público infantil non ten apenas referentes femininos nos que verse reflectido xa que as mulleres raras veces aparecen nos libros de texto. Pioneiras mostra a varias mulleres bravas, que desafiaron o permitido na súa época e, ademais, de estratos sociais moi variados. En canto á ilustración, quería que fose un libro que lles gustase tanto a nenos como a adultos, por iso a miña intención non foi a de facer unhas ilustracións excesivamente infantís.
Cando realizas obras por encargo, cal é a formulación que fas para poder comunicar en imaxes a mensaxe que se pretende transmitir?
Tento pensar que tipo de imaxe expresa mellor o que o cliente quere comunicar. Ás veces é cuestión de escoller unha ou outra técnica ou algunhas cores determinadas para comunicar o que se pretende. Iso forma parte do traballo do ilustrador. Coñecer as distintas ferramentas que fan que un tipo ou outro de ilustración comuniquen cousas moi variadas.
Tamén realizas ilustracións persoais e tes unha tenda online na que ofreces diferentes produtos. Como é e como foi construída a túa marca?
A marca persoal é importante, hai que coidala. No meu caso a construín aos poucos. Empecei coa tenda online mentres ía facendo un portfolio para mandalo ás editoriais. Nesa época tiña tempo e non podía investir moito diñeiro así que empecei a facer pequenos obxectos artesanais que ía vendendo a través de Internet e en feiras especializadas. Considero importante ter un proxecto persoal que poida xestionar un mesmo e non depender exclusivamente dos encargos externos porque sempre hai meses con máis encargos que outros.
Promocionas a túa marca a través das redes sociais. Desde que comezas a empregar este tipo de ferramentas de interacción co público até hoxe, aumentou a demanda e o recoñecemento do teu traballo ou é algo que queda unicamente no plano virtual?
É certo que co paso dos anos vas creando unha comunidade online e considero que as redes sociais son indispensables á hora de mostrar o noso traballo. Pero non por iso aseguran máis ou menos traballo. O recoñecemento conséguese traballando, non tendo moitos seguidores.
É certo que cada vez son máis os creadores que promocionan o seu traballo a través da súa presenza en Internet. Con todo, tanta competencia fai difícil destacar sobre o resto e aplicar as ferramentas de forma útil. Actualmente contas con máis de 16.000 seguidores en Instagram. Como lograches o engagement e cal é a túa estratexia en redes?
No meu caso foi un camiño longo. Eu empecei en Instagram no ano 2012 sen ningún tipo de estratexia. Finalmente vas tentando configurar unha galería con certo sentido estético. Vas mirando o que che gusta compartir e como facelo. Eu enténdoo como un portfolio no que vas interactuando cos teus seguidores. Ao final a diferenza entre uns e outros é a persoa que está detrás. Somos todos diferentes e iso é o que fai o noso traballo único.
Falemos agora das túas ilustracións. Non prima nelas a representación realista senón que buscas a expresividade a través da simplificación, transmiten serenidade a través de ambientes despreocupados. Algunha vez definíchelas como naíf. De onde xorde a túa atracción por este estilo e que queres transmitir ao aplicalo nos teus deseños?
Sobre todo interésame provocar sentimentos no espectador. O estilo é algo que fun construíndo cos anos e que está en continua evolución. Basicamente creo que é aquilo co que eu me sinto cómoda e trátase dunha evolución natural, supoño que inflúe moito o que che inspira en cada época da túa vida e como estás emocionalmente. Para min, o estilo vai moito máis alá de técnicas e depende de como un autor comunica, forma parte do terreo conceptual.
Recentemente publicaches Gran Hotel Wes Anderson, unha homenaxe a este director de cinema no que das vida ao seu particular universo creativo, a súa biografía, os seus temas, personaxes e escenarios. Como xorde a idea de recrear a figura do director americano?
Coñecín ao meu editor, Javier (Lunwerg Editores), hai algúns anos en Valladolid nun festival de ilustración no que se facían revisións de portfolios. No meu portfolio levaba unha ilustración de Sam e Suzy, os protagonistas da película de Wes Anderson Moonrise Kingdom (2012). Pasaron algúns anos e Javier púxose en contacto comigo para ilustrar o libro Fit Girls. Despois propúxome a idea de realizar un libro tributo de Anderson pensando que o meu estilo encaixaba perfectamente para iso. Ademais, non había ningún libro publicado en España no que se explicasen desta maneira as claves do estilo do director. Así que me puxen co proxecto a finais do 2017.
Ademais do contido e a calidade visual, o libro expón un interesante diálogo ao tratarse dunha creadora reinterpretando a outro. Unha artista que mira a un cineasta e que o fai cargada de toda unha bagaxe plástica, combinando as súas propias ferramentas de comunicación con outro estilo plástico e conceptual. Que hai de Wes Anderson nestas ilustracións?
En canto tiven de fronte o propio estilo de Anderson vinme reflectida en moitas das súas pautas estilísticas. Nas miñas ilustracións utilizo moito as composicións frontais e as cores son semellantes tamén. Mesmo atopo conexión nalgunhas das temáticas empregadas, como o caso dos personaxes inadaptados.
Seguro que tes multitude de referentes. Literarios, fílmicos, das artes plásticas e da ilustración… Algún outro/a artista ou cineasta sobre quen che gustaría traballar?
Hai artistas e películas que sempre me gustaron pero non sei se serán unha influencia directa no meu traballo. Supoño que si, aínda que sexa de maneira inconsciente. En canto á arte sempre me atraeron René Magritte e Caspar Friedrich. Son referentes para min. Logo en cinema declárome fan absoluta de Charles Chaplin, Buster Keaton, Alfred Hitchcock… e encantaríame traballar algún proxecto sobre Jacques Tati ou mesmo Tim Burton.
Moitas grazas Nuria! Que proxectos teus poderemos atopar proximamente?
Estou a traballar en varios libros que se publicarán durante o segundo semestre de 2019. Á vez fago cousas de publicidade e encargos personalizados. Grazas a vós, un pracer!