Entrevista a Mónica Cabo
Mónica Cabo estudou de Artes Aaplicadas á Escultura na Escola de Arte de Oviedo (2001) e é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo (2006). A artista foi construíndo unha obra persoal que se nutre da revisión dos hábitos, as identidades e a mirada cara ao cotián para alumar novos modelos de lectura.
No ano 2012 recibiu o Premio Arte Joven do Principado de Asturias e foi seleccionada en diferentes bolsas de artes plásticas como a concedida pola Xunta de Galicia «San Martín Pinario» para a produción de obra (2005) ou a bolsa «Taller de creación Fabra i Coats» de Sant Andreu Contemporani en Barcelona (2013). Realizou exposicións individuais en institucións e en galerías como There will be a sea battle tomorrow no espazo anexo do museo Marco de Vigo (2016) ou Safe Word na galería DF en Santiago de Compostela (2007). Ademais, participou en exposicións colectivas como Cultivar incertezas. Reformular o espazo/ conmocionar a mirada (comisariada por Ángel Cerviño no CGAC de Santiago de Compostela, 2021); Alén dos xéneros. Prácticas artísticas feministas en Galicia (comisariada por Anxela Caramés no Marco de Vigo e o Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela, 2017); Geneaologías feministas en el arte español (comisariada por Juan Vicente Aliaga no MUSAC de León, 2012-2013); Situación (comisariada por Manuel Segade no CGAC de Santiago de Compostela, 2008 ); ou MICA ASSAIG II (museo Miquel Casablancas de Barcelona, 2006).
Fálanos sobre os teus anos de formación na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Como consideras que foi madurando o teu traballo e de que maneira influíu na túa obra actual?
Antes de Belas Artes estudei Artes Aplicadas á Escultura na Escola de Arte de Oviedo e é aí cando empecei a entrar en contacto coa escultura e a instalación, sobre todo a nivel de técnica e materiais. Así que xa en Belas Artes fun bastante consciente do privilexio que supón estudar nunha facultade como a de Pontevedra e dispor de tempo para dedicalo integramente á plástica. Nun contexto totalmente creativo, puiden dispor de espazos e talleres destinados á produción, gozar e compartir mil realidades distintas xunto aos compañeiros e aproveitar a experiencia do profesorado. Para min, o paso pola facultade foi indispensable e contribuíu non só á miña formación como artista, senón tamén como persoa a todos os niveis. A partir dos dous últimos anos de carreira empecei a traballar nun proxecto máis persoal e a entrar en contacto con outros artistas vencellados aos meus intereses e preocupacións.
Algúns dos aspectos máis interesantes da túa produción artística teñen que ver co interese por revisar o cotián e situarnos como público espectador ante un estrañamento do real. En G Force (2022) enfrontas dous cascos de moto unidos entre si, de modo que perden a súa función orixinal e adoptan unha nova forma. Transmítese así un choque de realidades, unha tensión entre dúas forzas.
Sempre me interesou esa mirada que temos cara ao cotián, cara a esa atracción pola normalidade máis anormal que constitúen, por exemplo, a relación cos espazos de socialización ou a configuración da nosa identidade. Sempre para propor a desautomatización, redescubrir o que o hábito volveu invisible e introducir un xogo subversivo que impulsa a reflexión sobre os nosos desexos, comportamentos ou rutinas. G Force, pola súa duplicidade e simetría, obriga a reconsiderar a maneira de levar a cabo o duelo; dous corpos confrontados e unidos entre si a través dun dispositivo de seguridade que acaba adquirindo unha forma nova. O resultado é unha peza que anticipa a batalla inalcanzable. O enfrontamento que parte do xesto da aceleración, a marcha, a fuxida cara a adiante, para converterse nunha estrutura realmente ameazante ante o risco latente de imposibilidade ou de anulación. En esencia, G Force trata un concepto que desemboca na condición da fraxilidade humana, no xogo co cotián e no desexo e as pulsións entre o eu e o outro.
Os obxectos ou as circunstancias que nos rodean abandonan en moitas ocasións a súa condición amable, reformulando estas relacións ás que aludes.
É unha cuestión que está presente na miña obra e á que atendo á hora de enfrontar unha proposta. Trato de analizar e reinterpretar todos eses esquemas estereotipados e funcionais, para falar da desorde que habita na orde establecida. Situándome desde e fronte ao que está na marxe, nos bordos do lexítimo, do correcto, do bo e do homoxéneo.
Isto enlaza co binomio público/privado, presente en obras como BDGU (2009). Hai un desexo de subvertir (ou cuestionar) as normas establecidas?
Si, é un claro intento de reinterpretar ou analizar todas esas estruturas de poder que nos dominan: reflexionar sobre os elementos básicos que a sociedade utiliza para manter o que se entende como orde pública; e analizar tanto as formas de control implícitas que se canalizan a través dos medios de comunicación, a familia, a escola…, como aquelas nas que as institucións lexitimadas para iso empregan a violencia de forma explícita. No caso de BDGU, trataba de aplicar as técnicas de encordamento do bondage ao espazo público, sacando esas prácticas reservadas ao íntimo e ao privado á rúa e mostrándoas como un espectáculo exemplar. Unha escusa para introducir a «desorde» do desexo nun mundo dominado pola orde e a clasificación.
Penso agora en Escenografía complementaria (2008), unha peza anterior na que xa se van intuíndo algunhas destas preocupacións. Neste caso, transformas un pequeno parque de bólas nun espazo que provoca estrañamento, o seu aspecto lúdico e infantil reconfigúrase a través da cor negra.
En moitas ocasións, utilizo a cultura material derivada dos procesos lúdicos, incluídos os xogos sexuais, para crear inquietantes xoguetes ou dispositivos que desvelan, tras unha mínima e simple intervención, os seus valores ocultos. Uns valores tremendamente eficaces para construír a nosa identidade persoal. Esta peza reinterpreta un dos obxectos máis comúns da nosa paisaxe contemporánea: o parque infantil. A aparente indiferenza destes obxectos que pertencen ao mundo dos xogos da infancia transfórmase nunha presenza inquietante, subliñando o carácter misterioso e ameazante deste percorrido totalmente pechado e pintado de negro, esta vez dedicado aos adultos. Sempre me inquietaron todos eses obxectos cotiáns que, ao introducir unha chiscadela, se converten en obxectos sublimes, quizais pola estrañeza que provocan. Como referencia, parto de dous conceptos que considero chave nalgúns dos meus proxectos: por unha banda, o xogo; por outra, os códigos de cor no vestir. Este tipo de estruturas, como as empregadas en Escenografía complementaria, teñen, de seu, ese aspecto de gaiola ou alxube que estaba a buscar. Son estruturas labierínticas que se pechan en si mesmas; un xogo que non fai máis que repetirse. O negro é unha cor relacionada coa etapa adulta, pero tamén é un código de cor utilizado en determinadas prácticas e que serve para identificarse.
De que maneira tes en conta a importancia da simboloxía da cor na túa obra?
Non hai nada aleatorio na miña obra e, por suposto, a cor é un elemento fundamental. Interésame o negro polo seu simbolismo: é un valor abstracto, como todas as cores acromáticas, pero dotado dun forte contido máxico, quizais porque é raro na natureza e normalmente lese como un buraco. Partindo de que é a negación da cor, o seu uso achega ás formas dureza, pesadez, resistencia… Evoca a nada, a escuridade, o loito, o misterio. O negro está presente en moitas das miñas pezas e, en ocasións, é o único elemento que vira e que se torna en estrañeza, como sucede en Escenografía complementaria. O negro está relacionado coa etapa adulta e é unha cor que fai referencia a determinados xogos sexuais. Quizais esta significación se debe a que algunhas das zonas sensuais do noso corpo están relacionadas co negro, tamén coa falta de luz e a idea de intimidade.
Así como a cor ten unha determinada connotación, o material empregado é outro elemento que inflúe na lectura da obra. Que papel xogan estas decisións no teu traballo? E como inflúe na interpretación que o público espectador fai dela?
Podería dicir que para min o material é o medio, é aquilo que dá aá sensación do poder de existir pero non se confunde con el. Na maioría das miñas pezas altérnanse momentos de dinamismo e de quietude, que sitúan o público nun estado de ansiedade e de estrañeza fronte ao anómalo/descoñecido, coa inestabilidade e a tensión propias dunha acción que non existe máis aló do propio xesto en que se realiza: igual que acontece co sexo, co xénero ou mesmo co propio acto creativo. A interacción é algo que teño presente á hora de enfrontarme a un proxecto, interésame a participación e que a xente actúe dalgún modo, aínda que a indiferenza tamén funcione como posicionamento. Chámame a atención a presenza dun público que non é simple espectador, senón que tamén participa na acción. Ese punto no que o artista queda relegado a espectador e, pola contra, o espectador convértese en personaxe necesario ao decidir o lugar que ocupa ou o modo en que trata un espazo dentro dunha contorna elixida.
Mencionaches en varias ocasións o sexo e o xénero como conceptos que atravesan dalgunha maneira os teus proxectos. Se miramos en retrospectiva, ao longo da túa carreira reflexionaches sobre a sexualidade e os estereotipos asociados ao xénero, así como as súas formas de identificación social. Penso nunha serie de obras realizadas entre os anos 2006 e 2007. Que lugar ocupan a día de hoxe estas cuestións na túa práctica artística?
Ao longo destes anos os meus intereses cambiaron un pouco, ao mesmo ritmo que as miñas necesidades e responsabilidades. Aínda así, as cuestións de xénero e identidade seguen sendo o pano de fondo en todas as miñas obras como metáfora política de calquera práctica xerada fóra da liña marcada como «normal». É unha causalidade inevitable que vén marcada desde o inicio. Sempre me fixei nas imaxes que actúan para facer alusión a esa capacidade de acción que conteñen certas imaxes, en tanto que posibilitan a mobilización das fronteiras do real e a produción de novos marcos simbólicos nos que se sitúan e adquiren intelixibilidade e recoñecemento social nas nosas prácticas, relacións, corpos e identidades. A revisión continua dese límite de diferenza entre o un e o outro é o que segue movendo a miña inquietude fronte ás artes plásticas e a forma de entender e afrontar o meu propio mundo. A visión crítica sobre os procesos de socialización e sobre as elaboracións que facemos «ás veces de forma inconsciente» da realidade social; o que incumbe tamén á sexualización dos corpos e das prácticas, e ás categorías cognitivas nas que se apoia a dominación. De tal modo que os meus traballos incitan, de forma explícita ou tácita, a unha reflexión sobre o xénero.
Actualmente estás a traballar en Away of seeing, que interpreta o patrimonio natural galego desde a análise do vínculo ser humano/paisaxe. Cóntanos máis sobre este proxecto.
A paisaxe é un tema moi presente e ao que recorrín nalgún dos meus proxectos anteriores como Volver arriba. A capacidade dun ser desprezable (2015), unha intervención específica para a exposición Como na casa no pazo de Tor, onde se reservaba sen podar 25 cm dunha sebe mentres o resto era podado ao tempo que duraba a exposición. Desta maneira, a vexetación podada e ordenada contrastaba coas matas que crecían no mesmo espazo sen planificación, xerando unha estrutura desordenada que ocupaba unha pequena área dao sebe. Outro exemplo é A linguaxe das flores (2012), onde catalogaba as flores e plantas dun parque abandonado na Coruña, que facía ás veces de lugar de encontro e cruissing segundo os códigos de representación das flores no Romanticismo. Crecín no interior de Asturias e a paisaxe e a natureza están moi presentes na miña forma de habitar o espazo. Sempre me fascinaron os parques e xardíns, os parterres e a forma de clasificación das especies. Por iso, interésame analizar o binomio natural-articial/ natureza-cultura e o ámbito en que a natureza aparece sometida, ordenada e seleccionada. Away of seeing trata de analizar as reaccións emotivas ante a interpretación da cultura territorial do noso patrimonio natural, incidindo especialmente na paisaxe e nas súas dimensións simbólicas e identitarias. A paisaxe é a porción de terra que o ollo pode recoñecer nunha mirada. É, por tanto, o resultado dunha conversa entre o ollo humano, os elementos vivos e os elementos inertes nun anhelo de perder o seu carácter persoal para estar baixo controis externos que desvirtúan a súa natureza.
A paisaxe como escenario sometido a uns usos e cultura concretos. Tamén ten que ver co concepto de territorio, que xa trataches en anteriores ocasións, como na serie Situacións de emerxencia (2013).
Na serie de diapositivas Situacións de emerxencia proxectábanse simultaneamente imaxes idílicas de lugares onde se realizaron simulacros de emerxencia e, doutra banda, accidentes e detalles ameazantes destes lugares, convertidos en zonas de risco ou espazos latentes, como á espera de que algo suceda, entendendo a paisaxe e territorio con fins produtivos ou de subsistencia.
Por último, cóntanos en que outras investigacións ou proxectos estás centrada actualmente.
Estou a revisar traballos anteriores e preparando un proxecto para presentar a unha galería.
Hai catro anos montei, xunto con outras dúas amigas, o espazo gastronómico Alnorte, en Barcelona, ao que lle estiven dedicando este tempo. Seguín producindo obra pero con menos visibilidade, non me presentei apenas a nada… Non puiden traballar ao mesmo ritmo e a arte non perdoa e esixe uns tempos. Agora é cando volvo dispor de máis tempo e é por isto que estou a volver a producir.
Moitas grazas Mónica!