Entrevista a María Marticorena

María Marticorena é artista visual, performer e conservadora-restauradora de bens culturais. Dedicada á arte de acción dende 2004 como eixe da súa traxectoria artística, fórmase en talleres con Marina Abramović e Fernando e Adriano Guimarães. Comezou a súa formación na Escola de Arte Pablo Picasso da Coruña. Posteriormente diplomouse na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia e licenciouse en Belas Artes na Universidade de Vigo, e concluíu cun Mestrado en ensinanza bilingüe na Universidad Pablo Olavide de Sevilla. As súas constantes creativas son sutileza e beleza, mensaxe e forza, loita e resistencia, traballo e emoción, improvisación, intuición e repetición. Todo iso, interactuando coas persoas asistentes con certa tensión e verdadeira implicación.

Entre os seus recoñecementos atópanse o Primeiro Premio Novos Valores en 2004 e o Primeiro Premio Gzcrea en 2006 da Xunta de Galicia. Participou con diferentes proxectos performáticos en festivais, residencias, museos, galerías, conferencias, obradoiros e publicacións no ámbito nacional e internacional. As súas obras foron exhibidas en espazos como o Marco de Vigo, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e o Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela, o Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa (MACUF) e o Palexco da Coruña. Tamén no Círculo de Belas Artes en Madrid, no Centre d’Art Sant Mónica de Barcelona, no Octubre Centre de Cultura Contemporània de València, na UANL en México, na Casa das Artes Múltiple de Porto en Portugal, na Harlech Biennale en Wales (Reino Unido) ou na Hans Payan Art Gallery en (EUA), así como en diversos festivais en parques, prazas, igrexas ou na vía pública.

No ámbito académico, contas con diferentes títulos que sitúan a túa formación entre as artes visuais, a restauración e conservación de bens culturais e a educación. Son sectores diversificados que, á súa vez, atopan varios puntos comúns. Dirías que estas circunstancias formativas se manifestan no teu traballo actual?

Definitivamente si. Empecei a miña formación na Escola Pablo Picasso facendo volume, pasei logo á conservación e restauración de bens culturais e despois a Belas Artes para, finalmente, formarme en ensino artístico bilingüe e didáctica. Toda esta formación e experiencias, tanto con compañeiros coma con profesores, foron de gran relevancia no meu traballo.

Cando comezas a integrar a arte de acción como medio de expresión principal e como lembras a experiencia da túa primeira performance?

O primeiro contacto que tiven coa arte de acción ocorreu case sen sabelo, xurdiu como un impulso ou necesidade. Aínda que xa coñecía o concepto de performance na Facultade de Belas Artes, nunca me involucrei niso ata o ano 2003 coa realización da peza Mimodrama. Foi unha fotoacción realizada nunha praia. Recordo o meu primeiro contacto integrando o corpo como parte da obra e como a xente se paraba en directo. Foi un inicio moi natural. O que trataba de facer era unha construción e deconstrución do personaxe da artista (e da persoa) falando da natureza, do corpo, da erosión e de como cada obxecto se ía integrando no lugar. Aínda que eu non o tiña previsto, houbo moita xente camiñando pola praia que, dalgunha forma, participou na fotoacción. Anos máis tarde realizaría a miña primeira performance de modo máis consciente, titulada Asuntos laterales (2005) e levada a cabo a raíz do taller de performance no Marco de Vigo impartido por Adriano e Fernando Guimarâes. Foi moi significativa para min. A primeira performance ten unha forza vital moi grande con respecto ao resto.

Isto que comentas lévame a pensar noutro tipo de formación que se dá á marxe dos estudos regulados, que enriquece e adoita acompañar a traxectoria de diferentes artistas, como son os talleres con profesionais. No teu caso, realizaches cursos con creadores como Adriano e Fernando Guimarâes ou Marina Abramović. Entendo que estas propostas de convivencia e estudo permiten adquirir outro tipo de perspectivas.

No taller con Adriano e Fernando Guimarâes, titulado O xogo, o discurso e o corpo no museo Marco de Vigo, tentaban guiarnos en relación con certos parámetros que me serviron para aprender a atopar o meu camiño e non seguir o marcado por outros. Foi a partir deste taller cando decidín non volver falar nas miñas performances para centrarme no ritmo, o movemento, o concepto e a relación co obxecto sen usar a linguaxe propiamente dita. Outro aspecto interesante foi o feito de aprender a seleccionar a roupa de modo que se axuste á idea e necesidades da performance, á vez que se contribúe á comprensión da mensaxe. En canto a Marina Abramovic, debo dicir que nin a estética nin a intención da súa obra actual resoan co meu espírito. No entanto, o taller que realicei con ela no seu día, Performance body: Una historia subjetiva del body art, no CENDEAC de Murcia, foi unha grande achega para o meu traballo, posto que se centrou nas técnicas de relaxación, respiración, movementos conscientes e en como controlar o corpo na arte de acción. Aspectos importantísimos nas accións nas que levo o meu corpo ao límite.

Carlos Tejo tamén me achegou moito. Coa performace Hasta que mi cuerpo aguante (2005), no festival Chámalle X da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, aprendín que é coherente coa miña obra introducir obxectos no espazo que vou usar a modo de instalación, para que, no momento en que eu me incorporo, eses obxectos se activen e suceda a acción.

Comentabas a importancia de escoller os elementos e a vestimenta en relación coa mensaxe que se quere lanzar. Neste sentido, a túa obra traballa temas como o feminismo, a violencia, as pulsións ou outras cuestións que teñen que ver co sociocultural. Moitas veces son os fenómenos que suceden na nosa contorna política ou social os que incentivan un traballo performativo.

No meu traballo, tanto a vestimenta coma o espazo no que se desenvolve a acción son fundamentais para expresar o que quero transmitir. Utilizo a simboloxía da cor para introducir as ideas ou as metáforas. Do mesmo xeito, a natureza dos materiais e os obxectos que utilizo teñen grande importancia desde o momento en que imprimen unha intención nos sentidos que pretende estimular. O tema do papel que desempeñan os homes e as mulleres na sociedade e nas diferentes formas que teñen de relacionarse interésame, así como a violencia en todas as súas dimensións. Tratei este tema no ciclo de Violencia Zero coa performance Non (2017) e coa acción Pan Duro I e II (2019), acción realizada xunto con Ana Gesto, Ana Matey e Isabel León na Deputación de Pontevedra e o Marco de Vigo. Estou satisfeita co resultado destas accións e gústame traballar estes temas desde o respecto e a integración.

No plano estético, apréciase o interese por facer confluír disciplinas, e utilizar o son, o ritmo ou a danza.

Ao non usar a linguaxe verbal, estas estratexias reforzan a expresividade da miña mensaxe. O meu método pasa por utilizar o ritmo, o son, a repetición e talvez non falaría de danza, senón de movemento.

O sonoro é outro elemento claramente presente. Un son que acompaña ritmos e movementos, como en Hasta que mi cuerpo aguante (2005) e que se volve esencial en obras como Polifonía e Dejarme las uñas (2006). De que maneira consideras que o son pode reforzar o que queres transmitir a través do corpo?

Con respecto ao son en cada acción hai unha necesidade diferente. Por exemplo, Dejarme las uñas (2006) é unha versión en silencio e Polifonía (2006-2007) é unha versión sonora. Nesa peza traballo fundamentalmente coa vibración, como unha relación corpo-mente-alma. A idea nace dunha serie de experiencias atopadas, entre o soño, a viaxe e o recordo do meu irmán Martín Marticorena que é músico e lutier. É unha peza vibracional onde busco transmitir a sensación de vibrar como un instrumento musical. En Hasta que mi cuerpo aguante (2005) utilizo caixas de resonancia e, por tanto, os parámetros e a mensaxe cambian. En cada peza o son é utilizado, ou non, segundo o requira o contexto.

Outra performance onde o binomio corpo-son toma protagonismo é Unidad de Consonancia Instrumental, UCI (2021), representada no CGAC no contexto do congreso Fugas e Interferencias. Que podes dicirnos desta peza?

O título UCI tradúcese como Unidade de Consonancia Instrumental, pero á vez, as súas siglas lévannos a pensar no servizo de coidados intensivos dos hospitais. De feito, a peza é unha recreación dunha UCI na sala expositiva do CGAC. Aquí reflexiono sobre o que vivimos a nivel sanitario nestes últimos anos. Traballo con diferentes obxectos; tanto a miña propia vestimenta coma a do meu irmán Martín, que colaborou na performance. A padiola, as mesas, a cámara en directo e outros elementos van construíndo unha serie de asociacións. Emprego, por exemplo, unha sulfatadora agrícola que se utiliza tanto para fumigar os espazos como instrumento musical, unha especie de gaita galega. O metrónomo marca o ritmo e a cámara fixa enfocando a miña cara alude á idea de vixilancia. En definitiva, combínanse unha serie de obxectos aos que achego novos significados e lecturas para deixar unha peza aberta á reflexión do público. Considero que durante a situación socio-político-sanitaria que vivimos se utilizaron solucións agresivas, á vez que os cidadáns fomos vítimas de técnicas de enxeñaría social.

En canto á implicación do público, gustaríame saber de que forma te relacionas cos diferentes tipos de espectadores nas túas performances. Ademais, isto está directamente relacionado co corpo, coas decisións que tomas sobre como moverte, onde colocarte…

No meu caso, é unha relación moi importante e que sucede, ademais, de forma moi curiosa. É máis,
moitas veces analízoo para poder estudalo e sacar conclusións. Nas miñas performances interésame que as persoas se poidan mover libremente e teñan a maior liberdade posible. En todo caso, a miña relación co espectador non é física, aínda que a presenza do performer é moi importante, diría que é máis mental ou psicolóxica. O meu obxectivo inicial non é buscar a participación directa, aínda que si se deron situacións nas que o público espontaneamente se implicou na acción. Por exemplo, en Hasta que mi cuerpo aguante (2005) no festival de Chámalle X, o público marcou o final da acción aplaudindo tras percibir un esgotamento extremo. Esa mesma acción fíxena nunha igrexa desacralizada de Sevilla no festival Colectores. Curiosamente, alí hai moita cultura da Semana Santa e a devoción do público fixo que a reacción da audiencia fose moi diferente con respecto ao outro festival. En Barcelona, a mesma performance tivo un final completamente diferente: cando estaba a chegar á extenuación, unha moza do público achegóuseme con moita tenrura e quitoume o obxecto, agarroume as costas e abrazoume marcando o final dun modo totalmente imprevisto.

¿Por qué todos los capullos no se convierten en mariposas? (2019) foi unha performance que
realizaches na galería Manolo Eirín de Carballo, onde fuches colocando, cravadas no teu corpo, crisálidas de bolboretas ata a súa eclosión. Como foron aquí as reaccións?

Teño que dicir que foi unha performance única, colaborativa e procesual. Foi única porque é arriscada e case imposible de repetir. Foi colaborativa porque contei coa participación activa de Manolo Eirín, José Nuévalos e o meu irmán Manuel Marticorena, sen os cales esta acción non se podería levar a cabo. Foi unha performance procesual que durou case unha semana desde que as crisálidas foron madurando ata o seu nacemento. Durante ese tempo acudiu a prensa, outros artistas, amigos e veciños. Había moita expectación porque, ao tratarse de seres vivos, a eclosión era algo que non se podía prever con anterioridade. Houbo moitos espectadores que seguiron o proceso, que viñan todos os días a ver se a cor da crisálida cambiara de verde a negra, momento no cal levaría a cabo a acción. Tamén houbo moitos nenos que o vían como un descubrimento e percibían a performance desde o asombro e a inquietude.

É unha metáfora moi poética da que xorden reflexións como a natureza do tempo, a idea de ritual, o sacro, a metamorfose…

Foi unha performance moi arriscada á hora de executala. Un proxecto que xorde da beleza e do amor pola natureza, onde os protagonistas son seres vivos, as crisálidas que se converten en bolboretas. Aparece a metáfora do casulo como xerador de vida, pero tamén a súa connotación nun sentido pexorativo no contexto social. Aquí xérase unha especie de microcosmos da sociedade. Podería suceder que as bolboretas non nacesen, de aí o risco. Pero si naceron. A xente puido ver o nacemento desas bolboretas en directo no meu propio corpo. Aquí reflíctense o nacemento, a vida e a morte nun ciclo moi curto e lévanos a pensar no poder que ten a natureza de transformar.

Heiche de tocar as cunchas (2019) é un exemplo do interese por involucrar as persoas durante a acción. Neste caso interactúas con diferentes colectivos, desde nenos ata asociacións de mulleres ou público xeral. Unha performance na que empregas a simboloxía cristiá e a cuncha de vieira para lanzar diferentes preguntas. Como se vai conformando a acción con cada un destes públicos e que lecturas xorden dela partindo de perfís tan diversos?

Como xa sinalei, o tipo de público determina totalmente a evolución da performance. Á que aludes en concreto, trata a temática do Camiño Inglés e realizouse no Museo do Traxe Juan José Linares e na praza pública de Ordes (A Coruña). Consistiu en coser e preparar os traxes que levarían os nenos na acción xunto con diversos obxectos como cunchas e patinetes de madeira. En canto á colaboración co colexio, tiven a necesidade de afrontalo en tres etapas. Unha primeira a nivel didáctico, en colaboración con Bea Romarty, que realizou un contacontos introdutorio do tema e do contexto. Unha segunda etapa máis técnica, na que tratei cos estudantes a historia do Camiño de Santiago Inglés, o meu traballo como artista e introducinos na performance en cuestión. E a terceira fase consistiu na realización da acción final.

É moi necesaria esa implicación didáctica no campo das artes contemporáneas para romper as barreiras e os estereotipos, ademais de para construír novos espazos de reflexión. No caso da performance, pode ser ademais moi útil e divertido por esa parte dinámica que contén.

A miña maneira de entender a arte sempre implica acción e dinamismo. Sempre combinei a miña
actividade artística coa docencia. En relación cos meus alumnos e co público máis novo, intento estimular o intelecto, a creatividade e outras maneiras de facer, desenvolvendo o pensamento diverxente, que nos fai ser xenuínos e orixinais. A arte de acción é unha disciplina artística pouco coñecida no ámbito escolar, pero que sen dúbida ten un gran potencial á hora de introducir a arte contemporánea na escola. Todas as artes visuais, e moito máis na sociedade actual, son especialmente motivadoras e divertidas para os nenos e as nenas, pois permítelles implicarse activamente e non desde un punto de vista máis individualista e pasivo, deixando ao carón a individualidade e a pasividade. En ocasións, o feito de explicarlles a arte de acción, as miñas obras e responder a todas as súas preguntas, convértese nunha experiencia artística moi didáctica.

Para finalizar, se mirásemos en retrospectiva a túa traxectoria desde os primeiros anos da década de 2000 ata hoxe, como dirías que evolucionou o teu traballo ou intereses artísticos e que referencias manexas actualmente?

No meu caso, esta evolución está moi relacionada coas experiencias que vivín, as viaxes, a xente que fun coñecendo e a formación que adquirín. Pero máis aló da miña propia biografía, dados os enormes cambios que vivimos socialmente, teño a necesidade de reformularme moitas cousas, incluíndo aspectos relacionados co meu traballo e a miña actividade artística. A sociedade evolucionou e evolucionei eu, aínda que non sempre as ideas que imperan na sociedade son as que manexan a miña vida. Pero de todos os xeitos son consciente de que a arte de acción debe ser comprometida e controvertida. O compromiso debe ser tanto coa sociedade coma comigo mesma. Actualmente os meus intereses artísticos foron evolucionando, desde a miña propia introspección, a tentar comprender, e ao tempo transmitir, o que eu entendo que é a verdadeira natureza da realidade. Interésame reflexionar sobre aspectos como a evolución cara ao transhumanismo e a imposición dunha ideoloxía de xénero que na miña opinión vai en contra da esencia mesma e o espírito do ser humano. En canto ás miñas referencias actuais, debo admitir que se trata non tanto de persoas do ámbito artístico, senón de todas aquelas que, coma min, están atentas e observan a evolución do mundo e da sociedade, e están dispostas a manifestar as súas ideas e os seus ideais.

Ese momento de cambio no proceso artístico, que leva incerteza, sempre leva a unha evolución.

Calquera momento de cambio na propia vida ou no proceso artístico leva incerteza, o que sempre implica unha evolución, como ocorre na metamorfose das bolboretas.