Entrevista a Julia Huete

Formada en Belas Artes na facultade de Pontevedra e cun mestrado en Dirección de Arte e Publicidade, o traballo de Julia Huete fundaméntase nas conexións entre disciplinas, establecendo unha reflexión sobre os procesos de creación e as relacións entre os diversos materiais. A súa práctica artística móvese no campo da abstracción combinando metodoloxías propias da pintura, a escultura, o bordado ou a colaxe, pondo en xaque os códigos ou etiquetas clásicas en favor dun cuestionamento da imaxe e os elementos que a compoñen. As súas composicións, sinxelas e equilibradas, conteñen un carácter poético onde se aprecia o interese polo ritmo, a lixeireza e a minimización das unidades formais para investigar as posibilidades do pictórico no contexto da arte contemporánea.

Julia Huete expuxo de forma colectiva desde o ano 2013 en diversas exposicións en Galicia, na Kvit Gallery de Copenhague ou en Centro Centro en Madrid. Tamén mostrou a súa obra en exposicións individuais no Pazo de Torrado en Cambados e na galería Nordés de Santiago de Compostela, da que é artista representada. O seu traballo foi seleccionado en certames de arte como o Novos Valores (Pontevedra), o Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo ou o da Deputación de Ourense. Recentemente foi galardoada co primeiro premio no XI Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas (2019) e recibiu a bolsa da Real Academia de España en Roma, onde estivo desenvolvendo un proxecto este último ano.

Ultimamente traballas moito o material téxtil desde unha formulación pictórica. Algunha vez comentaches que tardaches tempo en chamar á túa obra pintura. Cal é a túa forma de pensar a pintura e cando empezaches a pintar sen pincel?

Empecei a facer probas fai uns cinco anos por unha cuestión de xogo, algo moi intuitivo. Sempre me gustou coser e compor. Unha especie de fixación por entender que é o que funcionaba desas pezas fíxome buscar o seu sentido tamén nas consecuencias da técnica dunha forma máis expresiva, ou mesmo histórica. Aínda que isto poida seguir presente, estou interesada na significación ou na consecuencialidade de todas as eleccións conscientes ou inconscientes que forman cada obra. Con isto refírome, por exemplo, a que o cosido outorga unha noción de temporalidade específica, a súa materialidade afástao da imaxe e achégao ao obxecto, a cor fai o contrario porque reforza o plano compositivo máis “clásico” da pintura… Para resumir diría que a miña forma de pensar a pintura é entre lírica e analítica, se é que isto é realmente posible.

En canto á relación coa cor, nalgúns dos teus traballos empregas unha paleta monocroma, mentres noutros aparecen sutís liñas de cores primarias. Como se integra o aspecto cromático na túa obra?

Estou aínda comprendendo a capacidade enunciativa do uso da cor. Sucede que ás veces funciona como elemento per se. O mero feito de utilizalo ou non, fala. Se estou a traballar unha imaxe moi lineal, usar cor trae a peza máis á pintura e menos ao debuxo. Outras veces introdúzoa de forma moito máis inconsciente. Déixome levar por influencias perceptivas que, por vontade ou dificultade, (aínda) non descodifiquei. Sucede en pezas como Stromboli (2019) ou Tres Montañas y un pinar (2019) que entendo un dobre acontecemento: por unha banda un xogo material que obxectualiza a peza, pero pola outra está a imaxe onde as formas e as cores existen na súa autonomía máis visual e estética. En pezas como Thérèse soñando, que ten un corte lixeiramente escultórico por ser máis estrutura e obxecto, a cor volve ser de novo unha áncora cara ao pictórico.

Empezaches a traballar co fío experimentando sobre fotografías. Composicións figurativas que aos poucos foron dando paso á abstracción. Fálanos desta evolución.

Eran uns exercicios onde realmente operaban moitos dos elementos que operan nalgunhas das miñas pezas máis actuais: composición, material, imaxe e proceso. Interviña a foto a nivel compositivo e estético, pero iso xeraba tamén un cambio na lectura desa fotografía. Creo que agora sucede o mesmo.

A idea de bordar, ou facer punto de cruz, estivo historicamente relacionada co imaxinario feminino e relegada a labores domésticas. Correntes como La Bauhaus deron un impulso á categorización do téxtil como arte, algo que continuarían diferentes artistas e expándese a partir dos anos 60 co movemento feminista. Nalgúns casos chegouse a encasillar como arte feminina, noutros serviu precisamente para iniciar unha reivindicación social, artística e política e outras veces é empregada desde unha perspectiva puramente formal, como linguaxe autónoma. Pensaches en todas estas cuestións?

Pensei moito niso. Como dicía antes, empeceino a traballar dunha forma moi intuitiva e tratando aos poucos de comprender cal era o uso que eu lle estaba dando e que era o que máis me interesaba do que me ofrece. Aínda que é certo que ten unha carga conceptual relacionada co xénero que non pretendo en absoluto ocultar, o uso que fago destes procesos ten máis que ver co formal. Gústame pensalo integrado no amplo abanico de ferramentas e materiais que se poden usar, coas súas particularidades.

Outro dos lugares comúns que adoitan darse neste tipo de procesos é o conflito arte-artesanía, tamén relacionado coa arquetípica proxección do home como artista, que emprega materiais nobres, e da muller como “facedora” ou artesá afeita ao uso de materiais cotiáns. Con todo, no momento en que estas pezas son expostas convértense en obxectos artísticos lexitimados. Ademais, hoxe en día danse diferentes formulacións en canto ao emprego do téxtil. Desde o escultórico, o kitch, o abstracto… non hai un discurso unitario e iso demostra a transcendencia do medio.

Tento usar con naturalidade os materiais que me apetecen e non condicionarme previamente co que me interesa ou non me interesa que sexa. Aínda que é importante para min ser consciente das implicacións que teñen as miñas eleccións, procuro que sexa a peza a que solicite. Resúltame máis sinxelo falar de deseño que de artesanía, un campo do que sempre hai moito que aprender a nivel conceptual, técnico/industrial e estético.

Que che interesa do deseño?

Interésame moito a formulación e a resolución de problemas a nivel conceptual e formal. Hai moito no deseño de estruturar, xestionar e crear información. Está lóxica de problema-solución dános información sobre nós como individuos e como sociedade. Doutra banda, é sempre interesante ver avances en cuestión de materiais e de acabados. (Por exemplo, as solucións que se están buscando en industria para traballar con materiais que non danen o medio ambiente).

Como entendes, no teu caso, a relación entre a forma e o material?

Son as coordenadas desde as que vou atopando sentido ás pezas ou aos proxectos. A miña investigación como artista plástica é moi intuitiva. Necesito ter tempo de taller para explorar o material e o que este me permite. Trátase de chegar ás formas, ou de descubrilas, a autonomía que poidan ter, a súa significación… Interésame precisamente a codependencia forma-material á hora de elaborar unha hipótese de sentido.

A partir do teu traballo podémonos aproximar a eses grandes cadros expresionistas abstractos pero cun aire renovado. Outros materiais, outras abordaxes e unha relación formal máis contida. Tamén hai unha relación moi directa co debuxo a través de trazos mínimos e suxestivos. Círculos, liñas que atravesan a superficie ou que xeran determinadas composicións… Gustaríanos coñecer como abordas as relacións espaciais e como é o proceso previo á formalización das pezas.

Aínda que sempre me gustou moito a pintura e hai grandes referentes para min no expresionismo, o certo é que non traballo con referencias conscientes e moitas estratexias ou influencias proceden doutros movementos, disciplinas ou artes. Os procesos de desenvolvemento de cada obra son moi orgánicos e gústame que así se vexa, polo menos por agora. As pezas teñen procesos moi diferentes. A miña forma de chegar á “hipótese” está moi precedida de momentos de ensaio-erro. Como dicía antes, hai aspectos formais que pertencen moito á intuición e a unha linguaxe que dificilmente se pode resolver con palabras: cuestións de ritmo, peso, composición…

Tamén tes obra gráfica, na que se poden entrever algunhas formulacións das túas pezas téxtiles pero analizando as propias características da disciplina. Os materiais, os significados… Penso en Solitario (2018), onde revisas a estrutura do cómic e pola en relación ao xogo do xadrez. Como se dan estas sinerxías e que che interesa dos procesos gráficos?

Falo da miña obra en xeral como un achegamento á abstracción, que funciona de maneira comparable nas diferentes disciplinas. Falo moitas veces de linguaxe para tratar de comprender nun sentido xeral o meu traballo. Como, ao final, as eleccións materiais e formais derivan nunha construción de sentido. No cómic este proceso é especialmente consciente porque é moi analítico co que o medio me ofrece (secuencia, unidades mínimas de espazo e tempo, ritmo…). En Solitario expoño unha reflexión/xogo un pouco poético sobre o proceso creativo, o sentimento de procura, o reto cognitivo do traballo artístico… reducido formalmente a unha inspiración de xogo de mesa (xadrez).

Unha das túas influencias recoñecidas é a literatura e a palabra. De feito, moitos dos títulos das túas obras son sacados de diferentes textos. Por exemplo, para a túa exposición individual na galería Nordés de Santiago, titulada Sobre el pájaro y la red (maio-xullo 2018), inspirácheste nos ensaios de Jose Ángel Valente. Que che interesa da literatura e como trasladas a expresión escrita á práctica visual?

Máis que unha cuestión de traslado de expresión, o que me interesa é a linguaxe en si. Entender a linguaxe poética desde a linguaxe permíteme extrapolar hipóteses cara ao plástico, como sistema tamén semántico (sexa ou non parcialmente). Con isto refírome a que, por exemplo no caso de Valente, resultoume moi esclarecedor o ensaio dun poeta sobre a poesía, que resulta tan escorrediza como as outras artes á hora de buscar esquemas. A relación que establezo coa literatura non é referencial nin ilustrativa, nin sequera podo dicir que sexa algo constante no meu traballo. É unha cuestión de comparación de sistemas, por iso prefiro falar de linguaxe que de literatura. Por necesidade, é unha maneira de tratar de comprender códigos que teñen unhas normas e unhas formas diferentes á comunicación máis “convencional”. Por suposto, é un campo de problemas moi complexo, moi extenso e difícil de aprehender polo que tento ser coidadosa e falar sempre de hipótese e non de conclusións. A fin de contas o meu traballo é precisamente moi plástico, hai moito de intuición nel e, en principio, gustaríame que siga sendo así.

Este ano gozaches da Bolsa da Academia de España en Roma. Como foi a experiencia e como foi evolucionando o teu proceso de traballo?

Os meses na Academia non só cambiaron o proxecto senón que supuxeron unha maduración na forma de comprender o núcleo do meu traballo. Os meus núcleos de preocupación actual son a capacidade enunciativa da forma abstracta e as unidades mínimas narrativas e materiais para cuestionar os procedementos e as posibilidades da pintura no contexto contemporáneo. En definitiva, pintura e linguaxe. Desde esta perspectiva de traballo, chego a Roma coa idea de facer un ensaio plástico orientado a unha relación entre pintura e poesía. Todo isto acaba derivando nun corpo de traballo que xorde da observación e análise da pintura clásica tratando de detectar elementos esenciais desde unha lóxica contemporánea (obxectualidade, representación, imaxe…) Agora mesmo aínda estou a atar cabos, o cal supón un momento moi gozoso do proceso.

Acabas de volver de Roma e hai uns días recibías o XI Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas con Thérèse soñando (2019). Como valoras a túa traxectoria profesional e a escena artística actual?

Estou moi contenta co recoñecemento que estou a obter esta tempada, a verdade, aínda que considero que esta carreira é para entender a longo prazo e que eu só acabo de empezar. Desde logo certames, premios e bolsas son impulso en moitos sentidos. Xeran confianza e estabilidade e, sobre todo, permiten continuar traballando.

Respecto ao contexto e ao panorama prefiro ser optimista. Vexo xente preto traballando moi moi ben. En Galicia, sen ir máis lonxe, hai artistas e xestores expondo cousas moi interesantes e moi ben resoltas. Isto, para min, é un alicerce para manter un tecido sólido e que funcione. Aínda que por suposto non hai que pechar os ollos a sucesos como o peche do MAC da Coruña, que debilitan a presenza e o funcionamento da cultura.